3.27.2012

Unha Historia por coñecer


Para pequenos a partir dos oito anos e para todos os maiores que queiran ter unha práctica guía na casa Baía Edicións presenta dúas obriñas que dan a coñecer a nosa historia e a historia da nosa lingua, cheas de retranca e fáciles de ler, recomendadas para unha visión xeral.
Neste caso non queremos que nos conten contos de cabaleiros alleos, preferimos o noso. Na Historia da Lingua Galega. Do latín ao acento de Burgos, trátase, ao longo das súas 60 páxinas ilustradas, a historia da nosa lingua.
É un libro de divulgación, cun enfoque humorístico e rigoroso, que, xunto ás ilustracións a dobre páxina e a toda cor, se fai de moi doada lectura, ademais de servir perfectamente para que contextualicemos épocas.
Estrutúrase arredor de doce períodos:
1) Que lingua falaban en Galiza antes da romanización.
2) A romanización.
3) A lingua de Galiza durante 700 anos.
4) Ao principio, lingua oral.
5) Conversión en lingua escrita.
6) A penetración do castelán.
7) Os Séculos Escuros.
8) A Ilustración.
9) O Rexurdimento.
10) O século XX.
11) A persecución no 36.
12) A lingua galega hoxe.

Un país sen memoria non é un país completo. Ata cando imos estar sen coñecer o noso, a tirar pedras, quitemos peito. Cando alguén vén de fóra o primeiro que lle chama a atención é o descoñecemento xeral da nosa propia Historia. Para sabermos o que realmente foi, para facelo dunha maneira divertida e amena, relacionándoo á par coa nosa xeografía a Historia de Galicia de Pepe Carreiro, Da vida nas covas ás acampadas nas prazas pode axudarnos e moito.
Pepe Carreiro, co humor que o caracteriza, fai un percorrido polos principais fitos da historia do noso pais: Que foi primeiro, o Paleolítico ou o Neolítico? Cando comezaron as primeiras rapas das bestas? Cando se construíron os primeiros castros? Que xeneral mandou as primeiras lexións de romanos ao noroeste peninsular? Foron os vándalos, os visigodos ou os suevos os que chegaron no século V? Quen foi o primeiro rei de Galicia? Onde se asentaron os musulmáns no ano 711? Que nobre galego morreu decapitado en Mondoñedo? De onde lles vén o nome aos Séculos Escuros? De onde viñeron o millo e as patacas? Quen introduciu a industria conserveira? Con que libro comeza o Rexurdimento de Galicia? En que ano se plebiscitou o Estatuto de Autonomía redactado por Bóveda? Que sucedeu no ano 1936 e cales foron as súas consecuencias en Galicia? Como se combateu en Galicia a ditadura? Ten Galicia goberno propio? Cal é a situación actual do país?
Todas estas preguntas atopan resposta a un prezo moi asequible e con tapas duras (10 euros o primeiro volume e 11,80 o segundo ).

3.21.2012

Nunca sentiches alguén espreitando detrás das túas costas?

www.baiaedicions.net
Quen non soñou algunha vez con vivir na época das espadas, dos reis, das meigas e dos fidalgos? A maxia, se a hai, reside n'O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, que tira do prelo na Colección Meiga Moura, publicada por Baía Edicións, unha obriña ambientada na Galiza na idade media e na actualidade dirixida a nenos a partir dos 12 anos. A aposta da autora céntrase sobre todo en aproveitar as preferencias do público para ofrecer un punto de vista máis enxebre da nosa visión do mundo dos espíritos e da bruxería, ofrecendo como base unha lenda moi próxima a nós, a da Aldea Maldita de Abuín, (tratada con anterioridade por escritores da importancia de Castelao -Cousas-), centro de interese de escritores e xornalistas de todas as épocas, na que, non obstante, ninguén chegou a afondar. O alento nas costas narra en dúas localizacións temporais que se unen a historia de Xoel, Mireia e Inés.
A novela comeza cun soño estraño de Mireia, xornalista dunha revista esotérica de Madrid. O soño transcorre nunha aldea preto do lugar natal da protagonista, na Idade Media. Ten a sensación estraña de que o personaxe dos seus soños lle quere comunicar algo, polo que, aproveitando a encomenda da realización dunha reportaxe, retorna á súa aldea dez anos despois de marchar, apremada por un problema de drogas.
Nas ruínas da aldea aparéceselle o espírito do protagonista dos seus soños, Xoel, un nobre da época medieval. A partir deste momento, relátanse paralelamente a historia de Xoel e a vivencia de Mireia despois do seu retorno: o reencontro coa irmá e mais a familia, por unha banda, e cos vellos compañeiros das drogas, por outra.
Ambos os dous mundos quedan conectados a través dos soños e dos misteriosos encontros entre Mireia e Xoel. No primeiro dos mundos, o da idade media, os protagonistas loitarán por mimimizar o impacto da fame prognosticada pola vella e procurarán unha reliquia que salve a vila. No mundo de Mireia o contacto co mundo das drogas volverá presentarse cando a familia de Mireia se vexa seriamente ameazada por uns narcotraficantes.
Queredes que os vosos mozos se divirtan e entreteñan?
A escolla dun bo libro que os distraía fundaméntase non só nunha boa historia, con aventuras, na que os mozos se sintan reflectidos, senón tamén nos valores transversais que se extraen dela. Natalia Carou Figueira propón con acerto o tema das drogas (tan próximo na adolescencia e na mocidade) para tentar facerlles comprender aos mozos dos perigos que agocha ese mundo. Así mesmo, esta novela é totalmente recomendable polo uso que fai das técnicas narrativas, con saltos temporais, e destaca pola riqueza de vocabulario (ler un libro cun dicionario para mirar as palabras que descoñecemos é fundamental).

3.20.2012

Un conto para gozar

De cando en vez aparece un contiño máxico que sorprende polo seu contido. É o caso de A coelliña Marcela, de Esther Tusquets e María Hergueta. Un relato deses que non podemos deixar a medias, unha historia de coellos brancos e coellos negros que non se mesturan, que se miran de reollo, que se dobregan, que agochan a cabeza, que se impoñen. Coellos brancos que comen herbiñas tenras e coellos negros que se teñen que conformar coa seca.
WWW.KALANDRAKA.COM
Un día nace unha coelliña negra moi especial. Ela é Marcela e naceu birolla. Marcela é unha coelliña distinta aos demais habitantes da súa comunidade. Non só polo seu ollo birollo, que lle tapan cuns anteollos afumados, senón porque non se adapta ás normas establecidas e por iso un día escapa. O seu seguinte destino é un poboado de coellos negros e brancos que funciona ao revés do seu lugar de procedencia. Mais no fondo, “todo era o mesmo: uns bebían a auga limpa e os outros a auga sucia,  uns comían a herba fresca, e outros a herba seca, uns pisaban e os outros eran pisados”, reflexiona Marcela con amargura.

Trátase dunha historia con final sorprendente para cativos a partir dos sete anos que profunda na inxustiza, e no clasicismo. Axuda a querernos a nós mesmos e fomenta o respecto á diversidade, para que teñamos en conta que hai xente especial que sofre discapacidades. É toda unha metáfora da vida real exposta dun xeito simple, pero cheo de imaxinación e de maxia.

E o mellor de todo é que o podes conseguir por só 13 euros! 

Sen dúbida estamos ante unha recomendación de Brabádegos.

3.19.2012

Música para ler

Almanaque musical de Antonio Rubio, con ilustracións de David Pintor é desas xoias que completan unha boa biblioteca. Cada mes vese acompañado por un poema e unha magnífica imaxe que caracteriza ao prolixo debuxante David Pintor, coñecido entre outros pola súa visión de Compostela.

O libriño, de especial feitura, contén doce poemas, un para cada mes do ano, nos que o fío condutor é a música clásica, cos intérpretes dunha peculiar orquestra de instrumentos de corda.

Os versos de Antonio Rubio evocan o tempo, o pentagrama, a batuta, a ritmo de valse e alalá, sinfonía, tocata e romaría.

Cos seus inseparables violíns, violas e violonchelos, e elegantemente conxuntados, os músicos que retrata David Pintor adoptan posicións e situacións divertidas, fóra do habitual contexto dunha sala de concertos. Uns de aparencia humana e outros do reino animal, forman un grupo fantástico que para si quixeran os mellores compositores.

O álbum complétase cunha relación escrita de pezas dos grandes da música: Vivaldi, Bach, Mozart, Beethoven, Mendelsshon, Brahms, Chaikovski, Sibelius, Prokofiev, Alban Berg, Béla Bártok, Boccherini, Haydn e Dvorak, que conforman o repertorio ideal para amenizar a lectura poética e visual.

Unha delicia para os cativos de sete anos en diante, pero sen lugar ás dúbidas, unha peza sublime tamén para os maiores aos que lles guste a música. Coa axuda dun maior serve para que os introduzamos no mundo dos refráns e ditos populares que falan do noso: os gatos á xaneira, a chegada dos meses, os maios...

Só unha chata: podía vir acompañado dun CD, mágoa de carecer del para bordalo.

A arte de escoitar

Coa volta da chuvia neste tempo toliño volven a nós as novidades de Kalandraka. Esta editorial caracterízase polo exquisito coidado na edición e, desta vez, propón tres volumes maxestosos. A primavera trae, ademais de novidades, o recoñecemento para o libro gañador do IV Premio Internacional Compostela de Álbum ilustrado, A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto, que acaba de ser incluído na prestixosa selección The White Ravens 2012, que organiza a Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic.

A relación completa de libros de diferentes países integran esta lista de honra presentarase o vindeiro 21 de marzo na Early Birds’ Hour, no marco da 49º Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, na que son moitas as editoras galegas que van participar con expositores propios.



No tocante aos libros que presenta como novidades destaca O artista que pintou un cabalo azul, que é unha homenaxe ao pintor alemán Franz Marc (1880-1916), precursor do expresionismo. O seu cadro “Cabalo Azul I” serviu de inspiración para este libro de Eric Carle, que descubriu a obra deste pintor a través do seu profesor de arte, Herr Krauss, cando o réxime nazi prohibía a creación e a difusión desta vangarda pictórica e cultural. Precisamente, as cores son as protagonistas principais dun contiño para prelectores (aqueles nenos que aínda non saben ler) que a modo de pictograma se vai facendo con todos nós e nos introduce na arte.

Unha vaca marela, un crocodilo, un león verde e miles e miles de posibilidades se sentamos cos nosos pequechos. Se é posible e temos tempo, espazo e roupa vella a man sería ideal que completasemos esta proposta cunha boa dose de pintura de dedos de moitas cores. Se hai xente que non experimentou aínda direivos que a actividade é tan linda que sorprenderemos os nosos cativiños atentos para non mesturar cores, non pintar por riba do xa pintado e en plena construción de múltiples soños con arroaces, árbores e gaiteiros.

3.17.2012

Tirarse desde o alto cun saco de millo

Coas miñas katiuskas vermellas chego ao souto, vai frío, moito frío, pero levo unhas manoplas e un pucho a xogo de cor verde que teceu a miña avoa e que me protexen moi ben. O día é solleiro e entre as follas secas, restos de ourizos, de castañas e de bugallos estrados, miro para o chan e atopo un pequeno castiñeiro. Agroma con forza, ergueito e autóctono, como a nosa literatura infantil e xuvenil,un souto cheo de vida que non ten nada que envexar, con flora e fauna de seu.

Hoxe toca falar de editoriais galegas, desas portadoras da mellor semente, grandes árbores que transmiten a súa sabidoría e os seus xenes. Esas que con creatividade suplen a falta de apoio, esas que lles fan a competencia ás grandes industrias con medios escasos. Todos os que coñecemos ese ronsel de vangarda nos sorprendemos dese traballo ben feito que nace no maxín duns poucos, e que se ve reflectido na cara de felicidade dun cativo cando colle un conto pola noite. Pois o caso é que neste paisiño chamado Brabádegos imos ir publicando as novidades de todas esas editoriais ademais de seleccionar os mellores exemplares para que ningún pai e ningún neno carezan de propostas divertidas e de calidade para pasar o mellor momento do día. Todos os nenos e rapaces da Galiza deben ir para cama cun libro!

Calquera proposta ou suxestión na que reparedes podédela achegar, pois as ideas nunca sobran nun país nos que todos temos a obriga de repoboar o monte.

E como había neve no chan, nas ponlas das árbores e enriba dos valados, a cativa pensou en ir por un saco valeiro de millo e usalo a modo de zorra pra matar o tempo ata á tardiña.

3.05.2012

Benvida




As folerpas caen de solás no souto con precisión milimétrica. Pingas de auga doce que esvaran entre os brabádegos, castiñeiros novos, que intentan abrirse paso con forza nun duro inverno.

Este blog pretende encher un oco non pequeno no mundo da literatura infantil e xuvenil en galego. Con humildade ser un lugar no que se dea conta das novidades dun sistema literario de vangarda e, por que non, unha fonte de máis de sete pichos da que poidan beber pais e nais. Queremos que os nenos da nosa terra soñen distinto, queremos que durman arrolados polo doce pronunciar das palabras autóctonas e acubillados co infinito maxín que provoca sorrisos.

Benvid@s!