4.26.2012

Besbellos, lucecús e demais fauna que aloumiñar

Un día calquera dunha semana calquera aparece un dos teus bechiños, un deses pequechos que regas todos os días, que aloumiñas, que arrolas... e non hai quen o cale, coñece mil formas de falar, Fala boca arriba, boca abaixo, palabras desas que ti pensabas que só estaban nos dicionarios e ficas abraiado do que saben. Non sei se vos aconteceu algunha vez, pero se cultivas as letras e coidas a linguaxe, eses pequenos besbellos acaban por corrixirte.
Queredes que os vosos brabádegos comprendan, lean e gocen co mundo máxico que todo neno debe ter? A solución radica na lectura diaria, no pasar dos días, semanas, meses.
Igual que non lles vale a roupa porque medran, algúns coma auténticos garabullos rexos, o vocabulario vaise enriquecendo aos poucos, de solás. Para que isto suceda a lectura á beiriña da cama é fundamental.
Como os papis e as mamis non sempre estamos todo o descansados que deberamos e a súa lectura (cando xa empezan a ter soltura) ha de ser por diversión, hoxe presentamos Contos para durmir, de Roi Méndez con ilustracións de Joaquín París na recomendada colección Árbore de Editorial Galaxia para cativiños de oito anos
en diante.
Hai contos que se contan para ir durmir pero, sobre todo, para ir soñar. Historias que veñen cheas de aventuras, de personaxes inesquencibles, de paisaxes, nunca mellor dito, de ensoño. Neste libro, Roi Méndez sorpréndenos cun mollo de historias que, ao xeito das vellas fábulas, van deixarnos a mente contenta e o corazón preparado para recibir máis e máis contos… ata que nos dea o sono.
Unha magnífica proposta localizada ao longo de todo o volume na cidade de Vigo, próxima a nós, dun autor tamén galego, de noso, protagonizada, entre outros,  por un neno que vive no reino de KE-BO-NI-TO, unha ra de Santo Antón, o golgiño Plas-Plas, unha tartaruga chamada Kelo, gatos, nenos coma ti e unha sorte de animaliños.
Unha boa opción coa que marchar para a cama, educativa, pensada para a súa idade, sen contidos violentos e económica (10, 50 euros) e divertida.
Móllate e apoia as nosas editoriais!


4.24.2012

Árbores que coidar

O baobab é o verdadeiro protagonista desta pequena historia chea de cor que é Árbores no camiño. Un cativiño chamado Karim pérdese na inmensa África e sobrevive con éxito axudado polas árbores que alí viven. Oqo Editora está detras desta marabilla de visión ilustrada. Régine Raymond-García decidiu escribir este libro ao regresar dunha viaxe a Burkina Faso. “Os seus habitantes fascináronme pola súa alegría de vivir a pesar das dificultades, e por sacar proveito da natureza dun modo intelixente”.
O continente descoñecido e cheo de sorpresas ten entre a súa flora a árbore da palabra, maxestosa árbore vermella que é o Kaïcedrat (Khaya senegalensis), baixo o cal se reúnen os sabios para tomar decisións. Por iso, seguramente sexa o primeiro que fala con Karim para axudarlle.
O baobab é unha especie tropical de África, utilizada como lugar de reunión. Ademais, é símbolo de resistencia, tolerancia, vida comunitaria, lonxevidade, poden chegar a vivir 3.000 anos, e o seu froito ten propiedades medicinais. O seu aspecto impresionante, hai especies que chegan aos 30 metros, confírelle un carácter protector, o que xustifica que no relato tanto a árbore vermella, como a palmeira e
a manga o escollan como idóneo para que Karim agarde pola súa nai.
Karim fai uso da natureza, da palmeira, da manga, de todo o que atopa para poder resistir, e el asume o papel da promesa de devolverllo todo cando sexa grande, de coidala.
—Estarás aquí cando sexa maior? –preguntou Karim.
—Se ninguén me corta, estarei.
—Aínda lles darás de comer aos monos?
—Se ninguén me corta…
—E daraslles lambonadas aos nenos?
—Se ninguén me corta… Vouche contar un segredo:
Unha grande aprendizaxe vital que achega valores, tolerancia e respecto.
Para a ilustradora Vanina Starkoff, traballar neste libro foi como facer unha fermosa viaxe polas terras
de Burkina Faso, lugar onde se sitúa o mercado que aparece no comezo do libro e que está inspirado
no de Banfora.
As ilustracións de Vanina Starkoff achegan calma, transmiten vida e felicidade, unha paleta de cores “saturadas, brillantes e alegres” en acrílicos sobre papel. No entanto, algunhas texturas e os debuxos en liña foron realizados con técnicas dixitais. A ilustradora organizou a cor segundo os estados de ánimo e as emocións polas cales atravesaba Karim. Deste xeito, predomina a cor amarela e a vermella para as escenas onde o pequeno se sente protexido, xa sexa polo amor e a compañía da súa mamá ou polo agarimo e a protección que lle brinda o baobab. Os turquesas, para a secuencia onde se atopa perdido e dialoga coa árbore vermella, a gran palmeira e a manga. A predominancia de matices rosados e alaranxados (próximos ao amarelo e ao lume) representan no libro o agarimo, a protección e o amor e incorpóranse para a secuencia onde Karim descobre o baobab e dialoga con el.
A Vanina Starkoff, a ilustradora, pareceulle interesante manter a morfoloxía real das árbores “para que os nenos poidan ver como son realmente”.
Unha obra que merece a pena polo que transmite e recorda Á Sombra dos Anacardios tamén na mesma editora. O respecto á natureza é o nexo común e vai dirixida a cativiños de tres a sete anos.



En Brabádegos opinamos que ás veces pensamos e repensamos os regalos tanto que a mellor opción non sempre é o xoguete. Desde Brabádegos sostemos que regalar un libro é, ademais de barato (este volume custa menos de 13 euros), enriquecedor. Os nenos non ven un álbum como algo dunha soa lectura, os nenos pensan, repensan, interpretan dun xeito, de outro, etc, o que fai que ese mesmo conto sexa unha experiencia que vivir unha manchea de veces. O mellor consello que nos atrevemos a dar desde este portal é que deixemos que o neno escolla e se non se decide el, escollamos nós o que mellor poidamos contar.
Ah, e lembrade que a mellor arma como pais que temos é a da improvisación e a da maxia. Invención sempre que se poida!!!

4.21.2012

Un país que explorar

Non foches nunca ao país de Lemoito? Non oíches falar de Lerentrenós? Sabes dos libros que agochados están e que gardan mil aventuras?
Ani, o libro de Contos dos cinco continentes que Mar colleu na bilbioteca de Lemoito, por fin vai viaxar. Vai con Mar á casa dos avós, na vila de Lerentrenós. No faiado da casa coñece un semellante seu, un volume sobre Exipto, que lle conta a historia dos libros que aló vivían, da antigüidade. Cando regrese á biblioteca, Ani vai deixar pampos, con relatos deste tipo, os seus compañeiros de andeis.
Da man de Tambre e como ultranovidade que aínda están a recibir nas librerías podemos atopar Andeis Baleiros, de Susana Lamela con ilustracións de María Lires para nenos de cinco anos en diante na mítica colección Ala Delta. Unha lectura que enriquece o vocabulario e multiplica por cinco a capacidade de creación dos pequenos. Susana Lamela consolida con orixinalidade o mundo de Lemoito (Val de Lepouco), Leracotío, Lerasveces ou Lerentrenós, tan necesario nestes tempos.
Un volume sinxelo, accesible á idade e coa marca inconfundible da ilustradora María Lires, que conta xa con experiencia no mundo infantil e na impartición de obradoiros para cativos. A xuventude e a frescura son dúas das características tanto de Susana Lamela  como de María Lires e iso desemboca nunha obra fresca, fácil de ler (aínda que ás veces necesitemos dun dicionario de man para certas palabras que nos van enriquecendo).

Para os pais que non coñezan Edicións Tambre-Luis Vives diremos que forma parte do Grupo Edelvives, que destaca pola seriedade, o traballo ben feito e pensado para cada etapa educativa. Para os que teñan bebés recomendamos, sen lugar a dúbidas e de forma especial, as coleccións de tapas duras Tento e Xurxo que pola súa feitura son do melloriño para prelectores.

4.17.2012

Un crime que investigar


De cabelo dourado e lacio, queixo prominente, delgada coma un espaguete e sempre acompañada polo seu gato Lolo, a intrépida Nola é ademais de nai de familia, unha magnífica inspectora. Rebuldeira, curiosa e enfundada na súa gabardina móvese en sidecar. Compativiliza perseguir crimes co seu papel de nai de xemelgos, aínda que sempre ande ás carreiras e pareza un besbello.
A inconformista é a protagonista dunha historia chea de misterio e intriga. Ata a aparición daquel cadáver a inspectora Nola sempre pensara que o sangue era vermello, mais na última semana, en Todures apareceron mortos seis inmigrantes procedentes de Ningures.
Por que todos eran ningurenses? Cantas persoas máis ían morrer? Por que o sangue daquel cadáver era verde? Que se agochaba tras aquilo? 
Á inspectora Nola amólalle non dar contestado os interrogantes. Por iso se fixo investigadora: para non deixar ningunha pregunta voando no aire.
En Mortos de Ningures, coa axuda do seu inseparable gato Lolo, Nola porá toda a súa vontade en resolver este enigmático caso. Pero isto non é garantía de éxito. Ás veces, malia os esforzos, malia o empeño, algúns casos non se dan resolto.
Mortos de Ningures está escrita a dúas mans por Pere Tobaruela e Ledicia Costas, dúas pedras angulares da nosa LIX (Literatura infantil e xuvenil), pois son mentes creativas que como as bolboretas, non paran de mover as súas ás. 
Publicada en Everest, da man do ilustrador Andrés Meixide podemos atopar nesta obra dirixida a nenos de 12 anos en diante o seu selo inconfundible. O ilustrador da mítica revista Golfiño achégalle á novela o toque de serie b que lle faltaba, complétaa á perfeción. A sospeita e o crime vense reflectidas na cara dos seus protagonistas. É sen dúbida unha noveliña moi ben acaída para os rapazolos desa idade e moi fácil de ler, sen excesivas descricións e minimizando as historias secundarias, pecados que ás veces cometen novelas deste tipo cando van dirixidas a un público que debe coller soltura e gozar da lectura para poder emprender libros máis complexos co paso do tempo.

No souto recomendamos esta obra de forma especial e declaramos que tamén nos importa o que lles suceda ás persoas de Ningurés!!!


4.10.2012

Síntome Atlas, isto sabe a espinacas!

Entre as follas que hai ciscadas no noso souto destaca Ulises, obra teatral asinada por Lino Braxe e Ana Pontón, onde o mundo clásico dialoga co contemporáneo en clave irónica, feito que se fai aínda máis patente nas magníficas ilustracións de cores suaves do galego Xosé Cobas.
Un texto especialmente atractivo creado para os máis novos e que lles esperta o interese polo coñecemento das obras e dos mitos clásicos da cultura universal.
Ulises é unha versión para teatro do poema A Odisea de Homero. Unha versión que é case unha reinvención, pois os autores pretenden coa súa obra achegar as xeracións máis novas á rica cultura grecolatina. Ulises é fiel a Homero porque respecta a estrutura do texto do poeta, aínda que as características dos personaxes e a visión dos acontecementos que rodean o retorno de Odiseo a Ítaca se ven alterados por un ton de farsa e de teatro do absurdo, que converte a peza nunha comedia hilarante. Ulises é unha obra moi representada no noso país polo teatro afeccionado e escolar. Everest Galicia edita un título ideal que permite a educadores e directores de teatro acceder a un texto que conecta cos máis novos, e que aposta polo riso amable e intelixente.
Desde este portal cremos que é unha ferramenta moi completa para traballar na aula, xa que unha das eivas fundamentais da escola se produce no tocante á lingua oral. Cunha proposta divertida como a que presenta Everest, non só aproximamos os rapaces ao mundo clásico e engadimos cultura xeral, senón que melloramos a dicción, a fluidez, o vocabulario e prestixiamos a lingua. Sóltate a falar, explora as mil posibilidades que ten a lectura!

Unha man que botar

 Mil manciñas precisamos para repartir aloumiños alá onde vaiamos!
Os Dereitos de Autor desta obra están destinados integramente a Terra de homes, fundación que ten como obxectivos prioritarios os seguintes:
- Desenvolver unha estratexia de intervención en saúde materno-infantil.
- Protexer a infancia coas medidas axeitadas que lles permitan aos nenos unha supervivencia e un desenvolvemento normal.
- Sensibilizar e Educar para o Desenvolvemento.
Stop Infancia sen Dereitos pretende ofrecer unha visión completa sobre a situación e as dificultades da infancia no mundo.
O nome Terra de homes, elixido polo seu fundador Edmond Kaiser está inspirado no libro Terre des hommes do escritor francés Antoine de Saint-Exupéry, autor tamén da obra O principiño (un clásico megarrecomendado). O pensamento do autor na redacción do libro contrapón os excesos políticos e ideolóxicos da moderna sociedade industrial aos valores "eternos" do ser humano, que el cifraba principalmente no espírito de sacrificio, na xustiza, na amizade e no honor.
As nosas mans din de nós e do mundo. Hai mans xenerosas e mans avarentas; mans que acarician e mans que ameazan; mans que chaman e mans que condenan. O noso destino está nas nosas mans ou deixámolo nas mans de Deus. Pero as mans tamén voan e aman, e soben e baixan como tamén din e calan. E as mans dos amantes procúranse, achéganse e tócanse. As mans dos máis pequenos érguense cara a nós para pedir o que non acadan como as mans enfraquecidas e feridas dunha grande parte da humanidade sinalan e avergoñan as nosas mans farturentas e delicadas.
Mans é un libro nacido dunha idea narrativa feita de imaxes; as do moito que din e calan as mans humanas. Un libro para que, ao pé de cada neno e de cada nena que o vaia ler, haxa un adulto que dialogue con el e que lle axude a inventar novos camiños narrativos para as súas mans.
 Un libro diferente e orixinal para contribuír a unha visión distinta do universo no que triunfen as mans que aloumiñan, as que arrolan, as que se nos dan sen esperalas, as que amamos e nos aman.
http://www.tierradehombres.org/

4.08.2012

Aloumiños que dar


E a poesía volveu cubrir todo co seu manto... O novo de Edicións Embora e da poeta Concha Blanco tingue todo de maxia. Luces, bicos e cores é unha explosión de imaxes ben fermosas e simpáticas realizadas pola ilustradora mallorquina Gemma Aguasca Solé que acompañan en perfecta sintonía os textos dese piar da literatura infantil que é a escritora de Lires.
As letras, dirixidas a primeiros lectores, son pequenas historias en verso que falan de papaventos, da cor gris, da gaita, dos bicos que se dan os golfiños, da princesa de negro que todo o cobre co seu manto de estrelas, do teatro e das flores, do vento soprón....
Preséntasenos un álbum coidado na forma que posibilita a interacción co neno, que amplía vocabulario e expande de forma infinita a súa imaxinación. Ao igual que outros títulos desta editorial ferrolá, como o recomendadísimo Sopra neste furadiño de Antón Cortizas e Leandro Lamas ou De que cor es ti de Luis Rapela e Spela Trobec, envolve todo o que toca no marabilloso mundo dos soños, da imaxinación, da creatividade, nese país inexplorado que converte a pais e a fillos en cómplices e en compañeiros de viaxe por sempre.
Se queres agasallar ben, acertar, neste mundo de dispendio e de xoguetes perdidos, ciscados ou esquecidos aposta por libriños coma este que farán que a súa pegada fique fixada na lembranza.

4.02.2012

Un conto para crear, un conto para recitar

A poesía é a alma da vida, das letras. É un tesouro agochado en nós que nos axuda a transmitir o que sentimos. É tamén fonte de vocabulario, de expresión, de dominio da linguaxe e axuda na dicción. Ata o momento existían ben poucas obras enfocadas ao traballo con poesía nas aulas e é esa a obra que hoxe imos recomendar.
A peza teatral Os poemas do río, de Cristina Corral Soilán e ilustrada por Aurora Cascudo Román está escrita en verso, e fala dunha xornada na aula dunha mestra. A profesora le co alumnado poemas que van compoñendo os rapaces e que lle van dando forma á historia dunha fraga de animais que tamén recitan: a lebre, as ras, os rtiños, o sapo don Heliodoro e outros animaliños da fraga.
Por outra parte tamén temos o alumnado composto por: Manuel, Rosalía, Maruxiña, Xabier e Laura, xunto coa mestra e o mestre don Saturnino.
Todos prestan especial atención á lectura de versos das poetas galegas (María Mariño, Rosalía de Castro, Francisca Herrera, Pura Vázquez e Filomena Dato) que acompañan a historia que se vai creando entre todos.
O obxectivo desta singular obra é conseguir que tanto os rapaces como os adultos se animen a escribir poesía, a poñela en común e a ler as autoras galegas.
Podémola atopar en Everest Galicia e é moi útil desde o punto de vista didáctico para traballarmos a pronuncia, prestixiando a lingua nos pequenos de cinco anos en diante, poñéndoos en contacto co mundo da escena e fomentando ademais valores transversais. Moi visual e divertida, con ilustracións a toda cor, posibilita que os nenos se solten e incentiva a súa creatividade.
Para os mestres e mestras é sen dúbida unha boa unidade didáctica, unha ferramenta ideal da que tomar nota e partir cara a outros eidos.

Imos hoxe facer versos
e leremos mil cantigas
que escribiron os poetas
con moitas verbas amigas.