5.28.2012

Amigos cos que xogar

A Manporquiño, Murrigato, Caracol Col e Murrato gustaríalles vivir aventuras como as dos personaxes das películas que ven no cine. E un día o seu desexo faise realidade. Grazas á aparición dun bastón máxico, iniciarán unha emocionante viaxe que os levará a cruzar o océano e chegar ata Australia, onde terán que atopar o xeito de regresar ás súas casas. Manporriño, Murrigato, Caracol Col e Murrato viven en Animalandia e van xuntos á mesma escola.
Se te aburres, como lle pasa a Manporriño, un porquiño rosadiño e mantido, non desesperes, a mellor forma de pasalo ben é facendo amigos e deixarte levar pola imaxinación.
Catro amigos Pillabáns é unha historia de animaliños para cativos a  partir de oito anos ideada por dous monstros do infantil: Ramón Caride e Manuel Uhía. A senlleira Xerais presenta unha obra saborosa e totalmente adecuada para os nosos nenos botando man de dous xigantes recoñecidos por un traballo silandeiro nas nosas letras e dunha calidade inmensa.
As ilustracións de Manuel Uhía completan maxistralmente a tenra historia presentada por Caride, que sabe perfectamente que a estas idades é moi importante que o que se conte enganche para alimentar o hábito, e o que se narre, ademais, debe fuxir e contrarrestrar a violencia á que con frecuencia se ven expostos os nosos pequenos de xeito totalmente innecesario.
As aventuras, o misterio, a imaxinación e a cultura xeral deben ser os ingredientes empregados para que os brabádegos medren sans e rexos xunto cunha aprendizaxe rica en valores.
Catro amigos pillabáns podémola atopar na colección Sopa de Libros de Xerais ao prezo máis que económico de 9,30 euros. Debemos salientar que Xerais deseña as súas obras en función do que é aconsellable ler a cada idade e podemos acceder de xeito sinxelo a todos os títulos desta colección na súa web www.xerais.es, onde por outra parte están todos os autores galegos de prestixio.

5.20.2012

Unha autora singular

O mundo é coma un enorme patio de colexio á hora do recreo. Neste mundo hai nenos que soñan con ser outros nenos toda a vida. Hai outros que pasan toda a súa vida disimulando e intentando ser o máis prudente posible, os máis comedidos, o máis pechados. Pola contra, hai un tipo de neno, que xoga no patio, ao que non lle fai falta ren para divertirse, el mesmo, se é preciso, constrúe o seu imaxinario e vive a vida gozándoa cada minuto. Paula Carballeira é unha nena grande que desprende enerxía e luminosidade por alá por onde vaia. Ultimamente, contan os brabádegos que hai preto da súa casa, anda tan azarosa mergullada nos seus mundos que temos un feixe de obras para escoller no mercado:

 O Principio, editado por Kalandraka, é un libro diferente, para cativos a partir dos sete anos, fala da capacidade de superación do ser humano tras o peor dos desastres, a guerra. As ilustracións de Sonja Danowski traslada os lectores ata as mesmas ruinas dos bombardeos cun realismo sen adornos e a sensibilidade extrema da autora cara á esperanza do volver das primeiras risas, dos primeiros xogos, da superación prescindindo do material, apoiándose na familia. Un álbum que condensa a esencia do ser humano, capaz do mellor e tamén do peor nun contexto de triste actualidade en moitos países. Un libro que serve para ensinarlles ás novas xeracións o rexeitamento claro da violencia. Esta obra sensible e tenra é tamén unha homenaxe ao libro como ferramenta pacífica, ás bibliotecas como faros luminosos de sabedoría que se apagan alí onde se instaura a violencia, á palabra oral como alimento da alma.

 Casas, unha proposta totalmente distinta, editada na colección Ala Delta de Tambre edicións para nenos de oito anos en diante. Hai casas coma xente que vive nelas. Casas con tellado, casas de tea, casas de papel, casas de palla, casas acolledoras e casas enfadadas. Cómpre levarse ben con elas, para que te protexan e te coiden. Moitas quedan quietas nun sitio e suspiran por coñecer o undo, ou por que lles falen de lugares que nunca van coñecer. Pero hai outras que viaxan e prefiren, como as persoas, ver deseguido paisaxes distintas. As casas non son de ninguén. Como moito, deixan que vivas nelas para que as coides.
Unha regalía de obriña, simpática e entretida, ilustrada por Nimia Regos que permite a lectura aos poucos, útil para os que andan a coller soltura. Unha parte da venda desta obra da senlleira colección Ala Delta vai destinada ao proxecto de mellora do acceso á educación secundaria en Ashalaja, Ghana.
Contratrás II-I, en Positivas, é unha segunda edición con poemas novos, ilustrada por X.C. Hidalgo. Trátase de literatura para adultos e para nenos, historias con poesía e poesías con historia, poemas orais e oralidade escrita,... “poemas para contar, para oír, para ler, para nenos, maiores, para rir, para chorar, sentir, para...”. Un poemario que é de utilidade para introducir os pícaros na poesía, esa materia pendente que tanto se lles atragoa. E para que iso non suceda existen versos como Fabas ou Formigas. Textos esperpénticos, divertidos, surrealistas, deses que lles gustan aos nenos, deses que potencian a súa imaxinación, a nosa para narrarlles historias, deses que só poden saír da cabeza e do maxín desa grande das nosas letras que é Paula Carballeira.

5.17.2012

Cousas que cambiar

Ás veces aparecen libros máxicos que nos axudan a medrar coma persoas e nos educan en valores, libros ademais simpáticos que entran ata a alma e nos fan reflexionar. As nosas xeracións futuras deben traballar arreo para que situacións de desigualdade non se produzan máis e as mulleres gocen do mesmo estatus que os homes. Hai máis de trinta anos, Adela Turín comezou a publicar en Italia a colección  Dalla parte delle bambine. Rapidamente Esther Tusquets editouna en España como "A favor de las niñas" e converteuna nunha colección de referencia para a coeducación e a igualdade. Transcorreu moito tempo desde a primeira edición, pero hoxe estes libros seguen a ser necesarios.
Artur e Clementina é o título que Kalandraka rescata da man de Adela Turín coas ilustracións de Nella Bosnia. Unha simpática tartaruga chamada Clementina namora un día de Artur. Artur, que nun principio asentía consentidor e agarimoso, vólvese manipulador e menospreciativo ata o punto de que, unha vez Clementina se decata da realidade e da forza do seu corazón, Artur fica só. Clementinas do mundo, vós que levades a paixón pola aventura, polo amor, polo feito de aprender cousas novas e de embarcarse en novas esperiencias, vós tedes a chave para cambiar un mundo que ás veces non valora como debera o poder da imaxinación e da creatividade feminina.
O afecto e a ilusión que caracterizan o inicio da relación entre Artur e Clementina, acaban converténdose en monotonía e prisión. Clementina non se sente realizada, libre e feliz; a súa parella subestima as súas cualidades e ridiculiza as súas aspiracións. En vez de ofrecerlle comprensión e respecto, a actitude de Artur anula a súa personalidade e xenéralle unha dinámica de dependencia, ao sobrecargala de obxectos materiais que non satisfan a súa ansia de desenvolvemento persoal.
Artur e Clementina é o espello no que mirarse, para grandes e para pequenas, para que a sociedade evolucione con igualdade, para que non permitamos desprezos, maltratamento, humillación. Un volume positivo que nos pode axudar a comprender situacións que non deben darse entre iguais. Unha sociedade que debemos cambiar na que permanece aínda presente un machismo soterrado e manipulador. Cun prezo de quince euros ofrece toda unha lección de amor para nenos a partir de cinco anos en diante e para todos os maiores na coleccion Tras os Montes.

5.14.2012

Risos que botar

Os Xogos olímpicos de Ningures pasarán á historia por ser os máis estrambóticos e divertidos, escenario de situacións realmente curiosas. Como país organizador, Ningures puido presentar os seus atletas, que ata aquela nunca participaran nunhas Olimpíadas. O equipo olímpico ningurense estaba formado por un grupo de deportistas, cadaquén máis estrafalario, protagonistas dunha presa de anécdotas como a de Salvador Lóuzara, saltador de lonxitude, gañador do ouro grazas a unha enchente de garavanzos ou Gundelino Ardás, corredor de 800 metros ao que Arganaúlfo Ollomol, xuíz da proba, lle disparou no cu.
Os Xogos olímpicos de Ningures, ideados por Pinto e Chinto para nenos de dez anos en diante e editados dentro da Colección Árbore de Galaxia, son deses libriños que convén gardar nos estantes e quitar de cando en vez para que os nosos nenos rían, para que se tomen a vida con sentido do humor e medren felices.
David Pintor e Carlos López levan xa máis de vinte libros en colaboración facendo o que mellor saben, que non é outra cousa que pór na cara de todos os que amamos a literatura un sorriso. Cun gran torrente de imaxinación estas historias curtas lense en nada e serven á perfección para practicar a lectura dun xeito amable, sen obrigas, gozando ao mesmo tempo das simpáticas ilustracións deste par singular.


 Brabádegos aposta polo divertimento e polo sorriso a prezos económicos (10 euros). 

5.08.2012

Un pequeno obstáculo que superar


Era unha vez un reino da Conchinchina no que había un rei rato que tiña como filla unha ratiña branca e casadeira e unha manchea de plans para casala, pero o amor que aquela princesiña sentía polo seu afiunchado rato negro amoloulle o día e decidiu casala co ser máis poderoso do planeta.
Oqo Editora envolve en maxia o clásico A voda dos ratos para cativos de tres a sete anos (13'50 euros) cunha versión da man de Margarita del Mazo e ilustracións de Lisa Kasser. Existen moitas versións deste conto antigo. Aparece xa no Panchatantra (lib IV, conto IX; pp. 312-318). Un monxe transforma unha rata en rapariga para levala á casa; cando está en idade de mocear, o monxe fai traer o Sol, o Vento, os Montes, pero ningún é da súa satisfacción porque sempre hai un superior ao anterior. Con todo, cando chega o rato, porque confesa que el pode superalo,
namórase do da súa especie.
A conclusión á que se chega no Panchatantra é que ninguén pode evadirse da súa condición natural:
“Logo de rexeitar por marido o Sol, o Nuboeiro, o Vento e o Monte, volveu á súa especie; o impulso
natural é invencible” (p. 318), tal e como lle sucede finalmente aos dous ratos deste conto magníficamente coidado de Oqo.
O que fai especial esta versión de Margarita del Mazo é o feito de facernos cómplices da historia dándonos información que o propio emperador descoñece desde un punto de vista divertido.
 A achega en valores faise máis que necesaria nestes tempos de abandono de tradición e costumes, modos e incluso educación polo tanto é preciso seleccionar ben as lecturas que os nosos cativos len cada noite. Este contiño profunda en que todo na vida é relativo. Nada é o que parece e as aparencias enganan. Ou, máis ben, son os prexuízos os que nos levan a errar e non ser capaces de ver nun negro, feo e fraco coma un fiúncho rato o máis forte do planeta.


En breve, máis novidades desta editorial galega que destaca polo seu amor polo álbum ilustrado!

5.06.2012

Mares que sucar

Acompañada polo seu papagaio Rodolfo e rodeada de toda a súa tripulación, a pirata Xiana suca os mares a bordo do Vagalume, o barco pirata máis chulo que viches nunca. Xiana é unha pirata singular, a única pirata no mundo loira que usa lentes e ten un parche nun ollo. Quen dá máis? É a proposta de Everest Galicia para cativiños de cinco anos en diante capitaneada por María Canosa e ilustrada por unha das nosas preferidas de Brabádegos, Noemí López. Se queres enrolarte nesta aventura e gozar dos textos de dúas das galegas máis prolixas da LIX, xa o sabes. Achégate a esta historia de valores transversais e poderás cruzar o océano na busca de mil aventuras, ver peixes de mil cores, baleas  e illas desertas.
Toda a colección Ler e Vivir de Everest Galicia promove as historias que fagan soñar os nenos, educa en valores e ten como prioridade fomentar o respecto ao medio.