6.30.2012

Trasnadas que evitar


Esta é unha historia de amor. E xa se sabe que, ás veces, o amor nos fai cometer imprudencias. Sobre todo, se te chamas Bieito Viqueira e tes unha familia peculiar, uns amigos con afeccións extravagantes e un pensamento que non dás quitado da cabeza. Velaí os ingredientes idóneos para que calquera plan se converta nunha monumental desfeita.
O pequeno Bieito ten unhcarisma singular, é un rapaz inquieto e enxeñoso cunha nai atípica que o envolve todo ao seu paso e que, por mor do seu traballo, terá que mudar de vila. Un comezo trae unha vida nova para un curso novo sen Marta, e menos mal, pensou el, porque hai situacións que por mor das compañías tornan en desfeitas. Poderá vivir realmente afastado do seu pasado?...
 
Unha proposta de Tambre para rapazolos a partir dos dez anos na senlleira colección Ala Delta, sempre acaída para que os brabádegos, castiñeiros novos, medren rexos. Reflicte a sociedade actual, con contidos contemporáneos para que lean cousas axeitadas e con tramas interesantes. A complicada vida de Bieito Viqueira de Antonio Yánez Casal é unha noveliña simpática que engancha ao instante ilustrada pola man de Fernando Llorente. Moi interesante para descubrir mundos novos e adquirir soltura no gran mundo da lectura.

6.19.2012

Feitizos que roubar

O souto está inzado de propostas cargadas de sensibilidade, de coleccións míticas e de valores. Valores que achegan editoras sensibles ao crecemento dos nosos pícaros. Na colección O de Oqo podedes atopar álbuns perfectos para agasallar, pequenas obriñas condensadas no voo dunha bolboreta que os axudan a medrar. As dúas obras das que falamos hoxe son A vaca condesa e O oso atrapabolboretas. Estes dous volumes posúen o mesmo denominador común, toda unha lección para os nosos pequenos, a da unión entre todos para resolver problemas. Unha lección que en tempos de crise é máis que necesaria. O individualismo feroz deste século non é o modelo no que criar a un fillo, debe ser o amor. Pois ben, A vaca condesa, escrita por Juan Alfonso Belmontes e ilustrado por Evelyn Daviddi non só estimula a fantasía, senón que cumpre unha función terapéutica porque axuda
a canalizar os sentimentos, serve para explicarlles os distintos estados de ánimo. Cando o neno le ou escoita que, por fin, a vaca sorriu, xa que necesitaba aloumiños coma todos de cando en vez, poderá de súpeto recoñecerse a si mesmo ou recoñecer esta urxencia de afecto no outro e, como nesta historia, resolvelo. Este é un relato sobre a importancia do afecto: o dun cara a si mesmo e o da nosa contorna. Ambos son imprescindibles.
O oso atrapabolboretas, escrito por Susanna Isern e ilustrado por Marjorie Pourchet, comparte o feito de ser tamén un libro que fala de aloumiños. Aloumiños que podemos dar sen agardar a que nolos devolvan. É un libro que explica maxestosamente o que é a nobreza. Oso Atrapabolboretas é, en esencia, un libro sobre a bondade: a inclinación natural do protagonista cara ao ben é indiscutible: protexe dun modo admirable as bolboretas por iniciativa propia e sen esperar nada a cambio, sálvaas cando caen na auga e acaríñaas con dozura para que sequen as súas ás. Todo o que dá élle devolto. Serán estes insectos tan fermosos os que o aloumiñen alzándoo coa mesma delicadeza coa que el puña nelas.

Dúas obras para cativos de tres a sete anos coas que engaiolar e demostrar amor por menos de trece euros!

6.13.2012

Rapazolos que apupar!


Hoxe falamos no souto de dúas propostas de Xerais ideais para os nosos mozotes:
Era un día normal, nada tiña de especial... Era unha mañá do máis normal ninguén podería imaxinar que estaba a piques de comezar unha aventura sen igual.... hohoho hahaha... Que ten ese rapaz que vai aló que lle van caendo os pantalóns...
Coidado raparigo anda ceibo Pedro Chosco... o dono desta fraga!
A caza do Chazafello non é un libro ao uso que traia un CD calquera. A caza do Chazafello é o libro disco que debes meter no coche, que debes pór a soar nas ocasións especiais. É un CD coas mellores voces do noso panorama musical e ten ritmo bailongo. Que os vosos nenos vos din que sodes antigos, que non sabedes como collan un libro nas mans?
Este non un libro aburrido. Xerais garda entre as súas orixinais propostas un paseo para preguiceiros. Eses que non teñen nada de parvos, pero só len cando merece a pena. Farto de loitar con eles nesa etapa de adolescencia rebelde? Vai ter que esforzarse moito o seu tacto, o teu gusto –haberá comida a eito–, encherás o seu ouvido con imaxes marabillosas... E sobre todo vai ter que traballar a feito o músculo de pensar, ese sentido que non se ve, que lle chaman imaxinación. Espero que a teñan ben adestrada porque lle imos ofrecer en doses moi altas o alimento que máis a excita: os debuxos, a música e as palabras.
(Xurxo Souto)
A música, co selo de Marcos Paino á fronte, está interpretada pola Orquestra das Ánimas coas voces de, entre outros: Antón Reixa, Xurxo Souto, Ugia Pedreira, Pulpiño Viascón, Carcía MC, IcoManolo Maseda, Coralie Yap-Chine. As ilustracións de profundas fragas e lobos penetrantes que van máis alá do mundo dos vivos son de Sara López e a autoría é de Denis López Horro.
Unha obra esta que podes agregar á túa música favorita e en galego. Ninguén pode superar unha oferta que conxuga unha boa lectura con música da boa en galego e gamberra!!! (menos de 15 euros).

A outra obra que recomendamos para os rapazolos é Os Megatoxos e o aprendiz de druída que forma parte da primeira entrega da exitosa serie de Anxo Fariña. Nesta primeira entrega os catro mozos terán que viaxar no tempo para procurar respostas na terra dos seus antepasados, os celtas.
Os Megatoxos son catro mozos que teñen que compatibilizar as clases no instituto, cunha dobre vida que os impulsa a viaxar na procura dunha cura para a súa mutación xenética, un cambio provocado por unha planta moi especial, o Toxo. Esta planta mutante ten, entre outras, a capacidade de viaxar no espazo e no tempo.
O día en que Ruxe, Faísca, Ninfa e Lúa comezaron o curso, apenas se coñecían. Mais un accidente inesperado fará que as súas vidas muden para sempre.
Decataranse de que teñen algo especial en común, máis aló de asistir ao mesmo instituto, e que nas súas vidas hai preocupacións máis fondas que entregar a tempo os traballos de clase.
Estraños poderes, aventuras sorprendentes e misteriosos encontros. Os catro mozos terán que viaxar no tempo para procurar respostas na terra dos seus antepasados, os celtas... Unha saga que merece a pena tanto pola temática como pola achega de vocabulario, as estilizadas ilustracións do autor e a conexión coa terra e a súa historia. Acerta e non te compliques, merca libros que lle van gustar!!!
Enra na remozada páxina www.xerais.es e mergúllate nun catálogo inmenso. Aproveita e bótalle un ollo ás obras gañadoras deste ano (Premios Xerais  2012)
.


6.05.2012

Soletrear

Entre as mans temos no souto unha obriña desas que toca o ceo coas puntiñas dos dedos. En cores cálidas e tenras transmite por si soa a dozura e o aloumiño dunha nai que arrola os fillos, dunha avoa que os cría e un tempo do que non deberamos de marchar. O tempo ao que se refire a obra Letras nos cordóns, de Kalandraka escrita por Cristina Falcón Maldonado e ilustrada por Marina Marcolin, fala de valores, de darlle a importancia que merece á familia, ás pequenas cousas ou ás grandes, ao amor. Evoca a nenez, a escola e o contacto inicial cos libros, a porta ao saber, o pasaporte a outros mundos imaxinarios que todos deberamos percorrer: “Flor xa sabe ler, di que as letras, que para min son uns debuxos moi difíciles de entender e de xuntar, son contadoras de cousas e que cando aprendes a ler é como se che contasen contos”.
Flor é a irmá maior de todos os que se deitan ao carón da mamá para roubarlle un aloumiño, para soñar canda a ela no paraíso das pequenas cousas que deben ter valor. No tempo desta crise absurda de valores os libros máxicos que nacen da tenrura axudan a conformarnos co que nunca debeu suceder, o esperpento do empeño, do desbaldimento. Hoxe máis ca nunca estar cos nosos, botarnos todos unha man e compartir ha de ser unha prioridade. A pobreza so habita nos corazóns espureos, porque a falta de medios non implica que non haxa un enorme agarimo entre todos nós. As ilustracións -sutís e delicadas- de Marina Marcolin, teñen
ese ton ocre e antigo das lembranzas. As estampas familiares realistas de gran beleza combinan con imaxes simbólicas e suxerentes nas que as letras do abecedario son o fío condutor.
A beleza habita en Letras nos cordóns, na súa máxica e tenra visión da infancia. Recomendadísimo volume para nenos de sete anos en diante da sempre exquisita Kalandraka.

6.04.2012

Princesas polas que loitar

Era unha vez un reino moi afastado cun rei tristeiro que tiña o ollar moi triste. Aquel rei chamado Frachipando artellou o seu mundo arredor dos seus soños de máquinas de tren e vías de xoguete. A súa paixón transmitiulla á princesiña que destronou a Córvulo, o arrepentido irmán que sentía envexa.
Queredes saber se conseguiu ser feliz?
Hai princesiñas que o que queren é que as bique un príncipe e así casar. Outras queren atopar un príncipe azul. Hai moitas e de moitas clases nos contos de sempre... pero o que non che hai son moitas princesiñas que o que de verdade busquen na vida sexa converterse en maquinistas de tren e saír ver mundo. Porque a Corte, toda chea de príncipes azuliños casadeiros éche ben aburrida...

Este contiño de Galaxia lese nun abrir e pechar de ollos, pódelo ler ti ou que cho lean antes de deitarte. Clara do Roxo artella un orixinal conto para cativos de oito anos en diante coas ilustracións de Manuel Uhía que completan á perfección un relato orixinal e singular. A autora potencia así a princesa que todos levamos dentro incidindo na idea de que a felicidade reside en que todos debemos loitar polo que en realidade nos gusta e nos fai feliz. Todas as nenas son princesas e deben construír o seu reino de felicidade. Ideal para autoestima. Ah e os príncipes deben tamén soñar con todo o que eles desexen, pois non nos debemos conformar con calquera cousa.
Un magnífico relato que reinterpreta os contos clásicos co seu castelo, rei, princesiña e príncipes azuis. Aínda non es a princesa/príncipe do conto?