8.26.2012

Miañar e miañar!



 Que farías se foses un gato? Un deses mininos que andan soltos pola eira das casas de aldea, un deses que se reúne cos colegas no patio dos edificios, un gato ceibo entre os pequenos da casa, un deses que cando non miran rañan onde non deben rañar. Miaña que te miaña reclamando a túa atención?
A resposta á pregunta pódela atopar na editorial galega Oqo. Se eu fose un gato responde á pregunta que propón Paloma Sánchez Ibarzábal, a autora, e abre un abano de divertidas posibilidades que dan orixe a este orixinal e coidado álbum.
O primeiro que nos chama a atención son as magníficas ilustracións de Anna Llenas. A técnica empregada por esta ilustradora foi a da colaxe con papeis e cartóns pintados previamente en acrílico. Deste xeito, incorpora volume ao debuxo plano co obxecto de que se perciba o rústico do material.
Para este traballo, aproveitou recortes de caixas de transporte, de cereais, envoltorios... para compor a ilustración tipo diorama ou escenario teatral. O resultado é unha colaxe moi volumétrica na que se percibe o grosor, os detalles e a textura do material empregado como base. Unha sorte de azuis, verdes, vermellos e fucsias que traspasan o papel dándolle vida a un gato moi resultón.

O valor engadido desta proposta tamén reside nos protagonistas: unha nena e un gato. Os animais domésticos son fonte de atención das nosas crianzas e rapidamente cativan toda a súa simpatía, por iso non é de estrañar que sexan os contos con animaliños os máis demandados polos pequechos.
Se eu fose un gato é unha proposta divertida, a modo de xogo, que permite tomar conciencia da realidade (vivencias, emocións, necesidades...) do outro co obxectivo último de entendelo mellor. “Ponte no meu lugar”, adoitamos apelar para facilitar a comprensión das nosas decisións ou comportamentos. Non hai dúbida de que o mellor xeito de coñecer o outro é a través do que comunmente –e de modo figurado– chamamos “pórse no seu pelexo”. A miúdo reprobamos cun “eu non o faría”, crendo erroneamente que o que está (ou non) ben para nós, o está indiscutiblemente para os demais.
Que os nenos saiban cal é o comportamento das mascotas e os seus gustos é unha lección vital para que os respecten. Este relatiño de Paloma Sánchez Ibazabal  redunda ademais na idea da fidelidade e da amizade e transmite valores coma todas as obras desta editora galega. Pódelo atopar na colección O e a un prezo máis que apetitoso de 13,50. Agasalla cultura, agasalla ben!

8.18.2012

Hiphopear

O Cabozo

No cabozo pouco a pouco
vanse gardando traballos
            A fartura etá dentro
             coma un sono, 
e non a pode roer o rato...

                               A. Cunqueiro


Coma o vento do nordés, soprando con forza, coma unha convulsión musical segundo o Gran Pemón Bouzas preséntase a gran rapeira. Milleiros de seareiros en todo o mundo non poden estar errados e pertiño de nós, en Vigo, a figura de Aid o enche todo. Rapoemas é un libro-disco da rapeira Aid no que se musican os grandes clásicos da literatura galega. Nunca antes se escoitara a Rosalía ou a Curros cantados desta maneira. A sorpresa vai é grande. A calidade musical, tamén o é. Xa que logo, Rapoemas é unha viaxe que vai dende o século XIX, cando foron escritos moitos destes textos que tan ben coñecemos, ata este século XXI cheo de ritmos novos. Galaxia volve sorprender cunha bomba musical de primeira orde. A editora galega aposta pola creación musical e dentro de nada presentará tamén apostas máis que interesantes neste eido.A creación e a rotura de clixés é a mellor opción para os anos de crise e desde este eido o seu buque insignia semella ser a aposta polo noso, pola cultura de noso.
Para aqueles novos que pensen que a literatura galega é un rollo Aid arrebola un libro-disco para mover as pernas e o corazón.Aida Alonso Iglesias, artisticamente coñecida como Aid, é unha cantante e compositora de hip hop e música urbana. Naceu en 1990 en Vigo, e o seu contacto co hip hop chega ao redor dos 12 anos, cando comeza a facer as súas primeiras gravacións caseiras de rap ao redor do ano 2003. En 2004 é un amigo seu quen colga catro dos seus temas nunha coñecida páxina web, sacando á luz o que ía ser a súa primeira maqueta 'Demo' (2004), e 'Aquí tenéis foi a segunda', lanzada en xaneiro de 2007. O 22 de outubro de 2008 gaña a IV edición do Festival Heineken Greenspace, en Valencia, por diante de máis de 1.300 grupos, converténdose na primeira rapeira que o acada e a artista máis nova que o logra. O 9 de febreiro de 2009 saíu á rúa Jugando, álbum co que debuta. O 28 de xullo de 2009 saíu elixida artista da semana no portal musical iTunes, co tema "Boogie Vigo", e en setembro artista do mes no concurso Ones To Watch, de Myspace. O 11 de xullo de 2010 gañou o concurso Márcate un Squares de Kellogs.
Entre outros traballos, destacan a elaboración de obradoiros de hip hop en centros culturais e de ensino galegos e o seu traballo como locutora e reporteira en medios locais. Ademais da súa faceta artística, é afeccionada ao deporte e estuda Enxeñería de Telecomunicacións na Universidade de Vigo.
Chimpar habemos chimpar un anaco ao ritmo de Rosalía, Curros ou Manuel Antonio entre outros, pois lonxe do establecido este traballo leva o selo da loita, de temas que volven cobrar actualidade e todo isto adoviado cunha forza incombustible e o coidado da edición que atesoura e garda letras eternas.