9.30.2012

Explorar o fondo do mar!

Marta, Xoán
e os seus amigos
queren saber
do fondo mariño.

Hoxe non poden
 meterse no mar
 por iso o acuario
 terán que observar.

Hai ducias de peixes
algas e moluscos
de distintas cores
 para todos os gustos...

Así comeza Acuario de María Canosa e Dani Padrón, un deses libros imprescindibles. Deses que se recensionan con gusto e que agochan un ronsel de imaxinación e de traballo ben feito, con ilustracións que rebordan, que saen do mar, con reviravoltas e pinchacarneiros. Un libro orixinal porque destaca no aspecto lingüístico e no artístico. Se estás interesado en agasallar con xeito ou de ensinarlles aos teus nenos o nome deses peixes, deses que case nin lembras como se chaman pola presión do castelán, acabas de topar cun dos modos máis lindos que hai de coñecer o fondo do mar, a inmensidade do océano de noso. O da tradición das nosas prazas esquecidas, ás que debemos volver para reivindicar o próximo e non a frialdade desas áreas comerciais. Acuario pódeche quitar de máis dunha situación controvertida e pode ser o inicio dunha amizade duradeira. Van ser os reis da praza ao distinguir perfectamente as xardas das sardiñas, as robalizas, as luras e incluso os arroaces. Cando nenos todos os animaliños son máxicos e así debe ser e para darlle unha volta tes Acuario editado por Edicións Embora dentro da magnífica colección Fardel de Soños.
Moi recomendable para escolas pola calidade poética, o léxico coidado que se emprega e, aínda que está dirixido a primeiros lectores, non está de máis para aqueles de interior ou para perfeccionar a nosa lingua e coñecer mellor o mundo mariño.
O segredo: os brabádegos, desde o souto, ás veces, sentimos envexa dos peixes pois non podemos nadar!


9.20.2012

Un monte que coidar


Entre a serra do Faro e o manso do Miño vivía un carballo. A serra ardeu e o lume queimou, pero unha bota vella foi quen de levar ledicia ao monte!
   Sotelo Blanco propón entre as súas novidades O carballo con botas de Anxo Moure e as coloridas ilustracións de Cristina Ouro. Unha divertida historia que trae unha actividade real que podedes desenvolver sen custo e que vos fará gozar na compaña dos vosos pais. Sotelo Blanco preséntanos tres exemplares nun formato de letra adecuado para aqueles que comezan a ler, aquel que é típico dos cadernos de lecto-escritura nos que todos practicamos. Conta ademais con textos potencialmente imaxinativos e posúe magníficas ilustracións cunha explosión de luz e cor. Acaba de quitar do prelo, a parte desta obriña, outros números da Colección Bolboreta dirixida aos primeiros lectores de Educación Infantil e aos nenos de primeiro ciclo de Primaria nos que aposta claramente polo aspecto didáctico, pero tamén pola diversión e pola calidade da man da directora da colección, a profesora Carme Hermida.

Rebelión na charca, de Miro Villar, e O coelliño aventureiro, de Eva Varela, ambos con ilustracións de Ana Santiso, achegan valores coma o de coidar o medio, obedecer os maiores e coñecer a súa diversidade á vez que conectan co de noso. A primeira das obras narra as aventuras de píntegas, ras e sapos rebuldeiros que xogan aos dados, e a segunda, a historia do coelliño Nicolás que era moi aventureiro e algo curioso de máis.

Quen dixo que non se pode aprender a ler en galego se hai abondo material para facelo? Se aínda o dubidades permanecede atentos ao blog, pois o deitar dos días e das noites traerá aventuras coma as de Sotelo Blanco carregadas de tenrura e letras e letras sementadas na lingua nai!

9.17.2012

Imposible de apreixar


Lixeiro coma un pensamento, coma nun soño, o paxaro botará a voar. Unha mañá calquera as aves mergúllanse no ceo azul sobre o mar dunha Galicia verde e aínda bretemosa. O ilustrador Xosé Cobas elabora coa delicadeza que atesoura e á paleta de cores pasteis e sinuosas o maxín prolíxo de Tucho Calvo editado baixo o selo Biblos por Carmela González Boo. O autor artella maxistralmente un fermoso relato cargado de imaxinación sobre o nacemento dunha ave singular, única e nunca vista. Paxaro de mar e vento sitúa nunha praia galega o descubrimento da astrófuga mariña. Todo un universo de creación e de munición para eses nenos que se perden entre as follas secas e area salgada.
Non sempre os paxaros nacen dun ovo. A imaxinación pode tecer, cos restos que a natureza e as persoas deixan nas praias e coa axuda das ondas e do vento, curiosos envurullos que acubillan a aparición de novas aves. Moitas desaparecen ao pouco de nacer neses fermosos niños. Outras toman forma e viven co nome e as características que unha nena e a súa nai lles atribúen mentres pasean pola area recollendo crebas.
A astrófuga mariña é un ser que xorde da imaxinación de Mar e do diálogo coa súa nai, que vive porque permanece na súa memoria e que vai mudando a medida que lle atribúen características e comportamentos.  Do mesmo xeito, esquecidos, outros paxaros duran apenas o tempo de ser nomeados (astriófolo, astrógado, gastriedo, afrópoda…) nun xogo que resulta estimulante e divertido para calquera lector infantil. Por iso da importancia de falar cos nenos e potenciar a súa imaxinación de contarlles os contos á nosa maneira ou axudándonos do autor.

No souto estamos convencidos que o manexo do vocabulario e as dotes comunicativas de cada cativo melloran simplemente co feito de lerlles contos, pero o que realmente esperta é a súa creatividade e en troques de fomentar a competitividade, propón nenos que ven en volumes coma estes unha fiestra infinda de posibilidades. En Brabádegos gostamos de autores galegos coma Tucho Calvo que fan soñar e de ilustradores coma Xosé Cobas que pintan versos e sementan cores.

9.11.2012

Un misterio que destapar


A Torre das Lavercas era unha casa cunha cheminea moi grande e papá puxéralle ese nome porque había moitos niños de lavercas nos arredores. Eu tiña seis anos cando marcharamos dela, e dende aquela xa cambiaramos de casa outra vez máis. Agora estábamos a recoller as cousas para outro novo cambio, iamos a outro barrio da cidade.
Xa na nova casa, o meu pensamento aquela primeira noite ía unha e outra vez á Torre das Lavercas; necesitaba volver, era coma se nela houbese algo importante para min. Ao final meu pai levoume ata a Torre. O meu cuarto seguía igual, pero algo xurdiu en min, supoño que había dores que levaba moi dentro e que necesitaba botar fóra, e comecei a chorar. Foi entón cando escoitei aquela voz: —Por favor, non chores. Un calafrío percorreu o meu corpo.
Daniel Ameixeiro artella unha novela que engancha, dinámica, áxil, que ten coma protagonista unha rapariga audaz e perseverante, profundamente curiosa e intelixente, que intenta atoparse a si mesma entre os recordos do pasado e a nova realidade. Andrea, que así se chama a protagonista atopa un misterioso anel, unhas cordenadas e unha voz estraña que procede dun espello. Esta máis que recomendable novela para os nosos mozos, conxuga moi ben o discurso máxico e o misterio coa vida cotiá dunha adolescente e os seus problemas. O instituto e a vida cos pais van confluír e todo parecerá unha situación desas que non teñen solución. Ao fin e ao cabo a vida de calquera mozote é vista sempre coma un drama e as situacións vívense coa paixón que ás veces esquecemos os maiores. Todo na voz dunha rapariga coa que empatizaremos desde o inicio. As ilustracións de Irene Fra rematan unha novela máis que interesante para mandar ler na escola ou na casa.

Se non sabes que proporlles aos teus fillos bótalle unha ollada á colección Merlín para cativos de once anos en diante de Xerais, alí podes atopar moitos títulos acaídos e cousas únicas. Anímate a ler, hai mil aventuras que tamén che poden suceder a ti!