11.24.2012

Misterio, intriga e aventura!

Da man de Everest Galicia e da súa experiencia no sector do libro educativo, do plan lector, de proxectos pensados para acertar a cada idade e con valores e guiar na lectura propoñemos hoxe unha noite, unha aventura distinta para aqueles que gusten do medo, do risco, para aqueles que son atrevidos e arriscan.
Presentamos parte das novidades desta grande do sector.  E como clara aposta polos autores de noso, nace Misterio Resolto, da grande da LIX e creadora de espectaculares propostas Concha Blanco. A noveliña que nos ocupa está ilustrada por Andrés Meixide. Suso, o protagonista desta historia, é un neno coma outro calquera que vive tranquilo na súa aldea natal, que ten as mesmas preocupacións que calquera neno. Conta cun grupo de amigos e amigas cos que se divirte. O cura da parroquia tamén comparte con el momentos de lecer. O irmán máis vello preocúpase por el: é un rapaz moi querido; con todo, Suso é protagonista de certas vivencias, envoltas en misterio, que o desacougan ata que ao seu xemelgo lle achega a luz necesaria para explicar eses acontecementos.
Un relato recomendado pola riqueza léxica e expresiva, pola versatilidade e polo prezo. Dentro da Colección Punto de Encontro supón un magnífico agasallo para sorprender sen gastar (menos de dez euros).
Outra das propostas é Desaparizión de Pereledi (dous monstros actuais da literatura infantil, Pere Tobaruela e Ledicia Costas) e tamén ilustrada por Andrés Meixide para rapaces a partir de dez anos. Este relato cheo de orixinalidade, ao igual que Mortos de Ningures, conta a historia dun xornal, o Abecedario do que desaparece a letra ke. O "ke" esfumouse e ninguén sabe do seu paradoiro. Esta será a última desaparición? Algunha letra máis correrá a mesma sorte? E se chegan a desaparecer todas? Abecedaria está en perigo. Dakela, o máis experimentado e desleixado policía de Abecedaria, o detective Peirot, recibe unha orde prioritaria: remexer onde faga falta e investigar. El é un tipo peculiar ke sempre garda un ás na manga. E, ao seu xeito, intentará desenfiar este enigmático caso. O futuro de Abecedaria está nas súas mans. Un relato cheo de intriga que está escrito dunha maneira diferente. Orixinal, fresco e dinámico. Un mundo de letras desprazadas que de seguro che vai encantar. Cun prezo de oito euros que é case un agasallo.
E para cativos de oito anos, Everest Galicia propón unha liña renovada de libriños ilustrados. o Monstro das Profundidades, ideado por un dos grandes ilustradores: Manuel Uhía. Nunha pequena vila da costa galega, nos tempos da infancia dos teus avós ou mesmo antes, unha das dornas non volveu ao porto logo da xornada. Algo misterioso fixo envorcar a barca e Manolo perdeu a vida. Desde ese día, Noliño, fillo do mariñeiro desaparecido, non deixa de pensar na desgraza e teima por pescudar a causa da morte de seu pai. Un día que o avó saíu a pescar, pola madrugada, agochouse na dorna para lograr chegar ao caladoiro do naufraxio. O volume, que potencia a  imaxinación, conta cun glosario de terminoloxía mariñeira que fará dos máis pequenos aguerridos mariñeiros. As ilustracións coidadas deste volume son sen dúbida un valor engadido dunha historia fantástica ambientada no mariño noso, do seu traballo duro e do valor que atesouran cada vez que saen ao mar.
E por último falamos hoxe de O monstro do soño, de Alberto Urcaray. Anxo desexa ser escritor de maior e comeza a contar unha historia que, en realidade, é a súa, cos seus terrores nocturnos habitados por un ser monstroso, que vive fóra e dentro do soño. Un tema moi delicado e difícil de abordar. Referímonos ao maltrato familiar e á violencia de xénero. Hai temas que convén ir tratando desde cativos, axeitadamente á súa idade, para educar nenos e evitar as grandes lacras desta sociedade. Este exemplar, ao igual que a maioría dos contos que artella Everest Galicia ten un prezo moi apetitoso, xa que por 7,75 euros podes quedar coma un rei.
Calidade e prezo van unidos da man dunha editorial que sempre aposta por contar historias educativas, inclinñándose tamén por escritores e ilustradores galegos.

Merca cultura de noso!




11.11.2012

Artellar, construír, agromar!

E como as ourizos caen por que lles é tempo, Kalandraka Editora chega para cubrilo todo de lindas ilustracións e de palabras ben construídas, de excelencia, de calidade e de perfección feita álbum ilustrado. Hai tempo que no souto sabiamos que era cuestión de tempo que o sector editorial galego vise recoñecido o traballo inmenso que hai detrás de cada unha das súas propostas e o premio Nacional a esta editorial só é un comezo. E de súpeto aparecen obras que falan de sentimentos, de estados de ánimo, do amor a nós mesmos, do que hai agochado en cada sorriso de cada pequeno, en por iso que hoxe nos imos dedicar neste tempo de festas autóctonas e castanhas asadas a debullar aos poucos o último publicado nesta editorial.
Que tal estás?, de Anthony Browne é un álbum para prelectores na colección Tras os montes que é moi útil para traballar os sentimentos e os estados de ánimo. Con este libro, os máis pequenos aprenderán a expresar como senten, por medio de imaxes e palabras sinxelas: aburridos, contentos, tristes…
No álbum tamén se xoga coas cores, os tamaños e as figuras que minguan ou agrandan, amais das distintas tipografías (cursivas, palabras grosas, miúdas...). Moi útil para a docencia, pois os pequenos non son conscientes moitas veces dos seus sentimentos e arredor dos tres anos comeza a etapa de experimentación e coñecemento. Que tal estás? é a historia dun entrañable oso, un clásico da LIX universal cheo de cor.
Do mesmo autor e como novidade deste mes de novembro Kalandraka sorprende con Un gorila un libro para aprender a contar, toda unha explosión de cor e realismo divertida, orixinal e transguesora. Unha proposta que conxuga as ansias por saber cun sinfín de temas (ecoloxismo, respecto á diversidade, autoafirmación...) e a arte. Contando do un ao dez, este álbum para pre-lectores e primeiros
lectores é un axeitado achegamento aos números e aos animais da categoría dos primates. Anthony Browne representa tantos individuos como corresponde correlativamente coa cifra numérica. Son debuxos realistas e detallistas, nos que destaca o uso da cor e a expresividade dos simios, que transmiten
afabilidade, dozura, picardía, timidez... Nos seus rostros adivíñanse xestos e actitudes propios das persoas.
Así, a obra contén unha segunda lectura: coma outros animais, os primates teñen sentimentos. E malia que evolutivamente son os parentes máis próximos dos humanos, a supervivencia dalgunhas especies está seriamente ameazada. O autor e ilustrador implícase directamente na difusión desta mensaxe, cun autorretrato seu ao que segue unha ‘foto’ antropolóxica que reflicte a diversidade de razas e culturas de todo o mundo, coma un espello no que calquera lector/a pode verse retratado/a. Outro libro para prelectores dun dos grandes da literatura infantil que soubo ser visionario e un adiantado da época. 

Acabado de sair de enriba da cociña de leña e aínda quente, Gatiño e a neve, de Joel Franz Rosell e Constanze v. Kitzing é unha historia tenra e chea de valores e empatía. Como o inverno chega, folerpa a folerpa, brancos como a neve, negros como o carbón. A amizade entre Gatiño e Conelliña é o paradigma da integración entre dúas especies que, como as persoas, poden ser iguais pero diferentes. Un precioso conto ilustrado maxistralmente e coidando cada detalle que nos amosa dous amigos enfrontándose aos seus problemas cotiás e procurando a mellor das solucións imaxinativas e xustas, equitativas, descubríndose e respectándose no divertimento. Un volume para pequechos a partir dos cinco anos que aborda o que máis lles preocupa aos país dentro desta sociedade individualista, que os seus fillos sexan capaces de convivir no respecto e sendo felices.
E de entre as novidades e para lecturas máis complexas e menos diminutas dous libros únicos e recomendables para os maiores:
Bandada, de María Julia Díaz Garrido e David Daniel Álvarez, foi a obra gañadora do V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado fallado neste mes de entre os 256 traballos que optaron ao certame, procedentes de 19 países. O relato, a base de frases breves e sutís, propón unha profunda reflexión sobre a historia da humanidade: o desenvolvemento
dunha sociedade que inicialmente busca o coñecemento, o progreso técnico e científico, o benestar e un bo porvir, pero que nese tránsito perverte os seus principios, xera violencia e dominación dos fortes sobre os débiles. Dende o punto de vista estético, “Bandada” destaca polo simbolismo das ilustracións, grises, protagonizadas por toda clase de paxaros humanizados, representados cun extraordinario detallismo, en branco e negro. O xurado -coa editora e investigadora Felicidad Orquín e mais o ilustrador Xan López
Domínguez, entre outros- destacou o “virtuosismo” da técnica artística para conseguir imaxes dunha “extraordinaria calidade e forza expresiva”. O V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado aposta por unha mensaxe de esperanza na que triunfe unha nova concepción dos valores como fonte de cohabitación entre iguais.
 Rosa caramelo é outra das obras máis que recomendables da grande Adela Turín, ilustrada por Nella Bosnia e que Kalandraka Editora rescata do esquecemento. Nos anos 70 Adela Turín comezou a publicar en Italia a colección «Dalla parte delle bambine», que pouco despois editou Esther Tusquets en España co título «A favor de las niñas». Traducida a varias linguas, converteuse nun referente para
a coeducación e a igualdade. “Rosa caramelo” é unha das obras máis emblemáticas desta serie tan vixente e necesaria. Margarida e outras pequenas elefantas viven ailladas nun xardín de anémonas e peonias; o alimento para conseguiren un aspecto físico caracterizado pola cor rosa caramelo da súa pel,
que reforzan lucindo zapatos, lazos e colares do mesmo ton. Todas cumpren as expectativas dos seus pais e nais agás ela, que sofre os reproches dos seus proxenitores ata que estes desisten de que sexa coma as demais. Baixo esta historia fabulada subxacen cuestións como un superficial culto á imaxe,
ou a crítica a unha sociedade que predestina o futuro dos seus individuos e clasifícaos en función do seu xénero. Pero sobre todo, é un canto á liberdade, aderezado coas ilustracións de Nella Bosnia, que potencian a mensaxe do texto a base de figuras realistas e cores vivas.
Un relato grande que serve para potenciar a autoestima ao igual que a obra Artur e Clementina, de grande recibimento, e  para pór en valor o rol feminino, erradicar os estereotipos sexistas e a discriminación, para cambiar mentalidades e construir un mundo mellor.
Este ano vai tomando nota do ronsel de obras que en Brabádegos che imos adiantando, pois lembra que á volta deste mes vén o Nadal. Este ano merca na túa contorna, foxe das grandes superficies e aposta polo comercio de teu. Este ano apoia o tecido cultural galego e merca libros, soños, palabras e imaxes!