2.26.2013

Kikiriki!, dixo o galo, e os brabádegos espertaron.

Tede coidado co que prometedes. Non vaia ser. Se hai algo que se sabe cando se trata con nenos, é que, se lles prometes algo, xa o podes cumprir por que,  tozudiños como son, han de recordarcho ata que o acabes por cumprir. Oqo presenta as súas novidades tirando de animal doméstico. O Galiño pelado é un deses contos visuais que entran ata polas orellas. Ilustrado por Philip Giordano, cunha gama cromática onde o vermello destaca maxistralmente, o ilustrador conseguiu darlle un aspecto retro bastante logrado. O movemento destaca entre os efectos acadados. As ilustracións vense completadas con harmonía polos textos de Paula Carbonell que adapta o conto tradicional Mig pollastre (Medio pitiño) que tanta pegada deixou no seu maxín e que tanta influencia ten na súa obra.
 El era unha vez pois, un galiño que só pensaba en comer... e comellón era abondo por que tragou o mar o moi lambón e moreas e moreas de cousas. Este conto tradicional incide en varios aspectos.  A obstinada determinación do galo fai que acade o seu propósito. A gula ilimitada que o caracteriza provoca que non ache parada e á voz de: Aparta que quero pasar!, engule e engule sen parar.
Galiño Pelado engulía literalmente todo o que atopaba ou entorpecía  o seu camiño. No entanto, unha mañá viu un papeliño e, cando o ía papar, leu o que poñía: O rei daríalle un saco de ouro a quen llo entregase.
Galiño Pelado aledouse, pero non polo botín, senón porque pensou que se entregaba aquel papeliño ao rei, camiño de palacio atoparía “moitas cousas ricas”. E, con esta motivación comellona, botouse a andar. 
Un conto encadrado na colección O cheo de sorpresas que reúne dúas premisas que lles encantan aos pequenos: animaliños de proximidade (a realidade ao seu alcance) e un castelo cun rei (a maxia que todo cativo ten que levar dentro).