3.18.2013

Un barquiño singular


Arribou a principios de mes, pero moitos de nós xa o estabamos a agardar ilusionados para embarcarnos canda el, coa súa maxia. De feito, nós eramos fans desexosos de novas singraduras. Des que publicara A nena e o grilo con Oqo Editora hai xa algo de tempo, as ansias por ter a Magín Blanco de novo, nas nosas casas, no coche,  polos escenarios bailando e cantando e facendo soñar a papás e pequechos eran moitas moitas. Os que temos o privilexio de coñecelo en persoa acreditamos que o disco é coma el: boísimo. Se aínda non o escoitaches podes petiscar os miles e miles de enlaces que hai polas redes. Nós, no souto, diremos que é un traballo moi completo, cunha música que atrapa, chea de xiros propios, de orixinalidade, de valores, que segue sabendo a tradición, que volve conxugar a mesma sensación do primeiro volume, que tanto pode ser para pais como para os peques. E se musicalmente é redondo, a proposta en libro forma parte do espectáculo, pois ás letras acompañan contos e actividades. Trátase dun libro infantil para gastar, para usar, para facer del zume e non relegar a un andel.



E por se a figura de Magín Blanco non fose suficiente luxo, as ilustracións corren a cargo de Leandro Lamas coas súas formas características e os seus fantásticos acabados. Toda unha revolución de cor. Este traballo é o primeiro conto editado por FOL MÚSICA e é un libro de tamaño 23x23 e coa súa edición preténdese estimular a curiosidade e a creatividade dos nenos, deixando para eles un lugar propio, onde poidan expresarse e interpretar os contidos dende a súa propia perspectiva.
Os de Urdime andan detrás, como outra moita xente, todos apoiando e todos desexosos de que a xente coñeza esta magnífica xoia, por que se o coñeces, valo mercar!

 Para bailonguear sen parar!





3.10.2013

Niños nos que chirlar


Cando cremos no souto que xa vimos de todo, cando estamos xa seguros de que a cor xa tinguiu de forma máxica miles e miles de álbums ilustrados, cando pensamos e incluso aseguramos que o amor non se pode transformar unha vez máis en arte.. daquela aparece a próxima aposta de Kalandraka!

E se pensades que un álbum ilustrado de menos de quince euros non pode conter sensibilidade, pregamos lle botedes un ollo a Niños, de Pepe Márquez e Natalia Colombo. Niños é deses libros que aos nenos lles encanta porque nel hai animaliños, un mundo cheo deles que se dividen en mar, auga e aire. Nos que Pepe Márquez quere que reparemos son as aves e, nun chirlar dunha mañá solleira calquera, describe como son e onde viven. Por se non o sabes, diremos que non imaxinabamos niños empoleirados en lugares tan estraños. Como podemos apreciar cando tratamos con pequenos, as aves chaman a súa atención por varios motivos, pola súa forma, pola súa explosión de cor, por que voan, teñen plumas multicores. Niños está dirixido a prelectores e abre para eles unha multigama de cor da man da súa ilustradora Natalia Colombo. Se cadra á primeira vista vos resulte algo familiar a proposta por que leva o selo inconfundible da mesma ilustradora que Cerca, outra obra que recomendamos para aqueles que non a coñecen. A luminosidade desborda e fixa a atención nuns debuxos moi divertidos que seguro lle encantarán a el, o dono do niño que todos levamos no noso corazón.

 

3.05.2013

Invernía para ler

No souto temos algo do espirito do grande monstro que é Agustín Fernández Paz, sentimos modestamente a mesma paixón pola narrativa debuxada, polos cómics, pola novela gráfica. Cremos firmemente que é un camiño marabilloso que se debe explorar con máis frecuencia dende o mundo editorial. Cartas de Inverno. Novela gráfica de Antonio Seijas, editada por Xerais é unha magnífica mostra de dous mundos que han de abrazarse con máis frecuencia. As historias que se contan, esta en especial, plasmadas e adaptadas en forma de novela gráfica gañan substancia, visualidade e non deixan de conter unha fidelidade máis que magnífica co orixinal de Agustín Fernández Paz. No souto coñecemos máis dun caso de rapazolos que por nugallás non lían. Novelas como a de Seijas poden constituír o inicio ao mundo máxico da literatura. Sempre se está a tempo. Coa calidade precisa nos textos e o poder da imaxe tornase unha proposta coa que traballar nas aulas, moi acaída para a ensinanza, por que en realidade trátase de ofrecer cousas apetecibles, que entren polos ollos, que reúnan as condicións necesarias para poder realizar actividades saborosas e cheas de enxeño, innovando. A frescura coa que se nos presentan os personaxes, os ambientes, a outra mirada, a que nace da capacidade de suxerir que teñen as palabras trasládase aquí ás imaxes e á montaxe das viñetas.

Se aínda non te afixeches á novela gráfica recomendamos no souto que lle deas unha oportunidade, xa que vén cargada da forza dos creadores novos, do seu sangue, do coidado infinito que o mundo dos ilustradores posee. A vangarda da creación en Galiza reside en miles de mans creadoras que se resisten a non crear, a non innovar, xente como Antonio Seijas, capaces de facerte soñar cunha das súas imaxes, cun anaquiño escaso do que debe ser o seu maxín.