4.30.2013

Xogar nas pozas e non ir traballar


Se ir ao traballo contentos e cumprir coas obrigas non supuxera renunciar a nós como individuos todo sería máis fácil. Tamén o sería se todos nós puidésemos ter un traballo digno e un salario acorde.
Co título orixinal de Txikitzen Zaretenean ou o que é o mesmo Cando sexades pequenos chega ao souto unha das moitas novidades de Kalandraka Editora. Con textos de Uxue Alberdi e ilustracións Aitziber Akerreta preséntasenos un conto que ten por lenda Conto que hai que contarlles aos maiores antes de durmir. Esta proposta da Colección Demademora é sen dúbida deses libros que non podedes deixar escapar pola súa orixinalidade e pola súa dozura. Non é que os pequenos non poidan lelo, senón todo o contrario, e que estraian del o comportamento antagonista que reina en todo o relato, mais debería ser de obrigada lectura para os maiores, sobre todo para aqueles que anden estresados e enleados coas tarefas do día a día.



Cando sexades pequenos agocha a tenrura precisa da infancia, do andar ceibo, do xogar cos dedos, do acariñar o sorriso dun pícaro de traste mirar. Redescobre a inocencia perdida, esquecida tras a vida cotiá e que nos tentan lembrar coa mirada espreita de felicidade que agochan en cada xesto os pequenos da casa. É deses álbums terapéuticos que te transporta a canda nenos, cando xogabamos na aldea, entre os brabádegos, vendo o rebulir da auga na presa, bebendo choiva do ceo, viaxando coa imaxinación ata chegar ao mundo dos soños, ese mundo ao que sempre quixéramos regresar. Todos seguimos a levar un neno deses dentro, aquel que rubía ás árbores, todos os maiores son nenos grandes que se esquecen do fundamental, do fermoso que é brincar!
Coa axuda das preciosas ilustracións a grafito e lápiz e con cores soñaremos xuntos con esta marabilla feita poesía, dozura, arma fundamental para soñar e para botar un sorriso cómplice.

4.22.2013

Para tremelicar


Pequenos besbellos que o enchen todo, atrevidos e ousados, fortes, garridos... pero tan sensibles, tan amoriños, delicados e temerosos ao mesmo tempo. Da man de Oqo Editora agroman no souto dous contiños que teñen o punto de unión no medo, esa sensación que nalgún momento os nosos pequechos experimentan. Para nenos de tres anos en diante, dentro da colección O, a editora preséntanos Teño medo! de Tim Bowley e Alicia Baladan. Un volume que nos carga de munición para combater, coas palabras fermosas dun avó, o terror que estes experimentan. Xa se sabe que a imaxinación é algo que debemos fomentar, para que voen, para que constrúan universos e sexan creativos, mais como todo, ten pequenos inconvenientes que debemos atallar. Unha preciosa obra, con bechiños, que nos ofrece unha maneira distinta de abordalos facendo, con naturalidade, que eles mesmos empreguen as armas que posúen, esa fonte inesgotable do seu maxín.
 No libro é o avó quen ofrece as posibilidades para vencelo, con orixinalidade e afouteza, con intelixencia. A superación dos medos durante a infancia permite crecer, madurar e adquirir autonomía. Por iso, máis que negar ou ignorar a súa existencia, os adultos debemos axudar a combatelos, sen caer na sobreprotección, un erro no que non incorre este avó. Pola contra, mantendo sempre a calma, incita a tomar medidas imaxinativas e resolutivas para superar complicacións.


O outro libriño vai dirixido a aqueles grandotes, a partir dos oito anos dentro da colección Q, que xa son maiores, eses que che din que o saben facer eles, pero que de cando en vez se volven chícharos e deixan ver a alma que levan dentro. Montañas na cama, de Maricuela e Sonja Wimmer é unha proposta diferente á anterior. Trata a historia dun neno maior que sente medo e fai unha lixeira incursión á cama dos seus pais. O que ve alí non o entende, papi e mami correndo, subindo a unha montaña... Hai temas que son difíciles de abordar cando afectan a cousas íntimas do cotiá, do amor. Este libro non fai máis que restar transcendencia e disfrazar de amor e enxeño algo que nos resulta incómodo de explicar. A autora amósase satisfeita coa posibilidade de que este relato sirva para que algunha familia empece a tratar a sexualidade con “máis frescura”, e para que o neno ou nena que pregunte respecto diso, “non se vaia a durmir cunha sensación de fraude”.

Dúas propostas que resolven con éxito os problemas de cotío, con preciosas ilustracións, eses que ás veces non sabemos resolver.



4.15.2013

Un manuscrito que hai que topar

A culpa é nosa, non temos perdón. O caso é que tiñamos no souto a grande obra O códice do Santo Lugar e como a LIX da nosa terra é tan prolixa...
Non hai excusas que vallan, pero imos recuperar o espazo que merece unha novela que conxuga aventura, conflicto bélico, amor e intriga, aínda que teñamos que baternos coa espada.
O códice do Santo Lugar, de Pere Tobaruela editada por Xerais na fantástica colección Fóra de Xogo, dirixida ao público xuvenil, é deses volumes que abraian pola enorme creatividade do autor. Serve especialmente para que os máis novos descubran a nosa historia, moitas veces excluída dos currículos escolares e probablemente descoñecida para moitos. O autor fai que viaxemos ata a época do gran Xelmírez, dos reis galegos, dos canteiros e das intrigas. Sitúanos á altura de 1086 en Santiago de Compostela e ten como trama o roubo dun libro que a estas alturas xa coñecemos todos: O códice do Santo Lugar. A un Xelmírez aínda mozo encárganlle a misión de buscar o manuscrito, que foi substraído por xente próxima ao rei Afonso VI. A importancia desta obra radica en que nel se desvelan as alianzas do bispo e pode ser moi prexudicial. Xelmírez parte así para Toledo, onde está a corte, debido á ocupación árabe e por razóns de reconquista, e irá acompañado de homes da súa total confianza na aventura de recuperar o texto. 
O Códice do Santo Lugar atesoura personaxes históricas que comparten protagonismo con outras creadas para a ocasión e está magníficamente ambientada na época, o que lle dá realismo e credibilidade. Trátase dunha novela áxil, dinámica, apetecible e con gran riqueza lingüística, que pode ser moi útil para unha aproximación á época. Toda a colección Fóra de Xogo e as obras que a integran teñen puntos en común que non son alleos ao Códice do Santo Lugar, trátase de valores tranversais como o do respecto, a nobreza, a fidelidade aos amigos, solidaridade e o amor.

Recomendada especialmente para mozotes e para profes de Secundaria.

4.13.2013

O patrimonio inmaterial

Son unha galiña de bico dourado
E todos os luns bailo un agarrado
Unha man no alto, outra na cadeira
Coa miña parella móvome lixeira..

No souto estamos de sorte por que, entre as follas estradas e os miles de ourizos, atopamos música de nós. Pensamos que a música é a expresión da alma cando está contenta e gostamos de ver os nenos bailar. Edicións do Cumio propón un traballo exquisito e moi noso, que aposta pola calidade e pola tradición. Unha iniciativa titulada Xogos Musicais, realizada por Luís Prego con ilustracións de Marta Iglesias. Unha ferramenta de recompilación do patrimonio inmaterial que de sempre encheu o celeiro dos soños de moitos cativos galegos e que contribúe para que non forme parte do esquecemento. Este traballo pretende afondar un pouco máis nos xogos tradicionais, recitados e cancións para os máis cativos da casa, converténdose deste xeito nunha obra entregada por completo aos xogos musicais iniciáticos. O tratamento das cantigas e recitados que compoñen este libro foron escollidos con moito cariño para que sexan un bo material didáctico para os pais, non se centrando exclusivamente na faceta artística. As músicas son doadas de asimilar, e facilmente reproducibles por pais e nais que non sexan grandes intérpretes ou cantantes profesionais, e as súas letras repetitivas e, maiormente, con temáticas infantís teñen como único fin pór todo este material en práctica e a viva voz, sen necesidade de darlle ao “play”.
O proxecto é moi útil para traballar cos pequenos desde o berce e destinado especialmente para que os educadores traballen a psicomotricidade e a educación musical, amais de conxugar a tradición xa desde o inicio. Os avós e os pais recoñecerán facilmente o recendo a unha infancia situada en moitas das letras por que Xogos Musicais contén un CD con 38 cancións que abranguen temas como os arrolos (Aí vén Pedro Chosco, Unha vella arrolaba un neno, Non chores, peixiño...), o esquema corporal (Este queixo queixolán, Esperta, meu ben...), Xogos con dedos da man (Os dedos mariñeiros, Dedos panadeiros, Gusto en saudarte,  Dedín, dedín...) e Cantigas e recitados para quecer o corpo, aloumiñar e acariñar (Tres Pilistriñas, tan tarantán...). Lúis Prego Fernández é músico e bailador. Mestre de baile e música tradicional e estudoso e investigador do folclore tradicional galego. O volume contén ademais as fermosas e coidadas ilustracións de Marta Iglesias cun orixinal toque ás ceras que empregan os pequenos nos primeiros anos de vida.

Recomendámola no souto como unha obra imprescindible para viaxar pola nosa cultura, para sermos nós, para non esquecer o legado inmaterial que nos une cos devanceiros e que fai máis feliz aos nosos nenos:


Pedriño Chosco
estaba na cama
entráballe o sol
por unha ventá
e pola outra
entráballe o vento
Pedriño Chosco
estaba contento.

4.07.2013

Aprender e medrar

Mil vagalumes baixan e soben pola barriga, as novidades de Edicións Embora chegan ao souto e presentarémolas devagariño, para que poidades ver que fermosura, que lindeza, que arte no coidado e que sorte poder contar co magnífico traballo multicolor de Spela Trobec.
Canto amor nun texto que narra o primeiro día de cole, canto agarimo ao falar desa xente na que os maiores que temos cativiños confiamos cegamente. Canto te quero profe! é deses textos que fan que reflexiones sobre a figura dos docentes, esa que repite mil veces e unha máis ata a saciedade, a que resolve con éxito esa gran pregunta que é como son capaces de aturar un fato de críos sen tolear, todos movéndose sen parar, perrenchando, por que fai que bailen e todo se volve alegre, e por que canta cunha voz de anxo para que poidan aprender todas as cancións. Canto te quero profe!, de Paloma Rodríguez e Cristina Justo forma parte da colección A igualdade conta con outros volumes moi interesantes como O país dos mandóns, O segredo de Flora, A urna dos desesxos, libros todos que educan en valores e constrúen os piares dunha educación mellor. As ilustracións de Canto te quero profe! volven ser coloridas, á acuarela. Unha proposta máis que recomendable que subliña o papel docente, que contra o máis común na Educación Infantil, é un varón.

Non quedes na superficie, mergúllate na nosa LIX, temos autores a moreas, editoras pequenas e grandes de noso que merecen a túa aposta, fai tecido industrial.

4.02.2013

Cando a choiva deixe de caer

No souto estamos enchoupados, enlamados, enlordados, precisamos de raiolas de sol que nos quenten para poder agromar e vivir a primavera como merecemos. Despois dun duro inverno no que permanecemos espidos, precisamos o verde, necesitamos saír de excursión, facer unha camiñada polos carreiros de vello por onde transitaban os bois tirando do carro en busca de mulime.
Kalandraka suple de momento ese antollo que semella imposible con tanta auga que está a caer e faino cun clásico de Michael Roosen e Helen Oxenbury, un deses libros que debe conter unha boa biblioteca, un agasallo perfecto para viaxar coa imaxinación. Imos cazar un oso é froito da tradución de Sandra e Óscar Senra Gómez e antóllase ideal para prelectores pola súa impecable presenza, debuxos a carbón, acuarela, impecables na súa realización e totalmente identificables polos pequechos. A historia que conta, a dun pai cos seus catro fillos á procura dun oso, é divertida e presenta unha estrutura repetitiva (o pasar pola herba, polo río, polo bosque...) común en moitos contos. A partir dunha canción tradicional, Michael Roosen elabora un texto sinxelo cunha estrutura rimada e repetitiva  que, no clímax do relato, cambia a orde de todas as accións. Os máis pequenos gozarán da súa lectura ao intercalar onomatopeas que describen os movementos da familia dándolle, así mesmo, un ritmo moi dinámico. Precioso coidado na edición como todo o que nos presenta Kalandraka dentro da colección Tras os Montes. Recomendámolo para poder saír á fraga aínda que esta primavera convulsa non teña intención ningunha de traer consigo eses días solleiros que tanto nos cómpren!