6.18.2013

Unha manchea de amigos. No souto somos máis de mil.

 Se hai algo que valoramos especialmente no souto son os amigos, os amigos que nos seguen, aqueles seareiros incondicionais que xa sobrepasan os mil e que lle dan a este humilde blog algo de sentido. E como sabemos que a amizade é un valor inestimable e imprescindible, aproveitamos a ocasión para presentar este magnífico álbum que se chama Ser amigos, editado por Kalandraka de Arianna Papini, unha xoia para pequenos lectores, para prelectores. 


Sentar canda eles e ir pasando as páxinas dun álbum para primeiros lectores sobre a amizade, o afecto e as cualidades que nos fan mellores persoas: a igualdade e o respecto por enriba das diferenzas e das cualidades físicas, o apoio incondicional nos bos e nos malos momentos, a confianza mutua, a ledicia compartida e o agarimo…
Un conto cheo de amor, de brinde ao que merece a pena na vida, un relatiño para mirar peixiños, insectos, anfibios, réptiles..., para perderse na docura das simpáticas ilustracións de Arianna Panini sobre un fondo plano de cor, empregando texturas diferentes e cores suaves e intensas. Un precioso e coidado álbum que chama a atención dos máis pequenos, os que nos emocionan cos seus xestos ao descubrir o mundo, un mundo cheo de bechiños. Unha mostra máis da maxia de kalandraka e a edición lograda. Algo que merece a pena mercar para os cativiños rebuldeiros, eses que rouban o noso corazón.


6.13.2013

Mudar e medrar. Desde unha estrela distante

A pasada fin de semana no souto gozabamos da marabillosa festa da literatura que cada ano celebra a grande Xerais con dous premios que son dous piares da nosa literatura. Os nosos parabéns aos premiados: O castañeiro fiel, premio Merlín para Antonio Fraga e Cadeas, premio Xerais para Xabier López.
Se hai soutos nos que as castañas sexan ricas-ricas eses son os de Lugo.
Ao abrir o baúl do soto da casa da súa avoa, aquel que gardaba os libros da súa nai, apareceulle un rato decidido a falar con ela, mais o rato aquel, lonxe de ser un animaliño que sabía falar, era un extraterrestre. Agustín Fenández Paz crea, como é habitual neste monstro da literatura infantil e xuvenil, unha historia fantástica partindo da realidade. Desde unha estrela distante, editada por Xerais, é unha noveliña xeitosa e rápida de ler para cativos de oito anos en diante. Chea de expresividade, rica en léxico e en coñecementos, aprender tórnase moito máis interesante se o fas mergullado na proposta axeitada.  Daniela é unha nena de Lugo incomodada cos seus pais por que debe mudarse a Vigo. Atérralle a idea de comezar o curso nun colexio novo, enfrontándose a unha contorna distinta. Disgustada, durante o tempo da mudanza, vai para Mondoñedo, á casa da súa avoa. Alí, sen esperalo, descubrirá a Edu-gato ou Edu convertido en mil formas de animal e incluso Edu convertido nela mesma ou quen sabe. Unha marabillosa amizade a que nos conta un dos autores máis prolíficos que temos. Conxuga á perfección o que  se espera dunha obra dirixida a un público infantil facendo ademais referencias específicas á era tecnolóxica que invade actualmente os nosos fogares, achegando información con frescura (redes sociais, tecnoloxía, modernidade...). Desde unha estrela distante posúe ademais outra característica que a fai única e merecente de recomendación, xa que conta coas ilustracións de David Pintor, sen dúbida un dos ilustradores máis significativos do panorama actual que concibe o mundo acaído á xenialidade do gran literato.

Sempre é un gusto ler a Fernández Paz, sempre é un pracer.
























6.09.2013

Na fronte unha estrela e no bico un cantar

A primeira vez que no souto puxemos o disco Rosalía pequeniña, de Editorial Galaxia da colección Sonárbore, coa voz inconfundible de Uxía e as magníficas ilustracións de Marina Seoane, a sensación levounos ás terras de Padrón, á comarca enteira, a unha Galiza de segas e de emigración. Puidemos visualizala, rubindo ás árbores, indo coas vacas, xogando coas herbiñas no prado, bebendo a auga fría das présas que tornaba. Comprendimos de inmediato a súa forza e a mensaxe que neste libro-cd se nos quería transmitir. Rosalía Pequeniña é unha xoia da literatura, son os poemas da grande Rosalía de Castro, as súas letras maxistralmente acaídas, o seu sentir, a súa loita polo pobo, por defender o agro, a xente... iso que os poderes políticos ás veces non ven, iso que moitos non aprecian ao confundir folclore con arte e poesía cunha mera concatenación de palabras bonitas. O sentir, os que levan na fronte unha estrela e  no bico un cantar, é para grandes e para miúdos, para achegarse a ela docemente, para levar no coche, para cantaruxar a viva voz xunto a Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, a Señora Carmen, Sés, e un senfín de xoias que acompañan este proxecto.

Como se os luxos foran poucos, contén un prólogo da escritora Begoña Caamaño, que xa nos adianta o carácter da nena rebuldeira que quere cambiar o mundo, que xoga a ser pirata, unha nena que cando se fai adulta ten a suficiente determinación para virar o seu destino e non conformarse con ser só unha nai. Toda unha muller que forma parte da vangarda literaria do momento e que, fóra do preestablecido, publica co seu nome, a obra que abre o noso rexurdir.
Rosalía Pequeniña é un discazo, sen peloteos, sen eufemismos, un disco que reúne tradición, dez poemas preciosos convertidos no cara bonita da literatura infantil e xuvenil de hoxe que ben podería estenderse á literatura galega actual. Rosalía pequeniña, Come chove miudiño, Xan, Has de Cantar, Paseniño, A Rosalía (No bico un cantar. A probe da tola), Falares de amor, Miña Santiña, miña santasa, Alborada, Maio longo e A grasia non era moita (impresionante tema cantado por Sés) son as cancións que podes atopar neste traballo discográfico que recomendamos especialmente en Brabádegos.
Un disco que ademais podedes escoitar en persoa, en diferentes vilas de Galiza polas que Uxía anda a trotar.


6.04.2013

A rodante, a fascinante

Chegada hai meses ao noso souto, e cansa xa de estar na corte agardando a que mude o tempo para saír en busca de aventuras, a nosa protagonista é un ciclón de enerxía, non para de danzar entre as follas que hai ciscadas no chan e entre os nosos castiñeiros, nas fragas da Fonsagrada, por entre Ribeira de Piquín. Probablemente non volveredes ver unha vaca polos prados da Galiza sen botar un sorriso pícaro e cómplice. Lembraredes sen dúbida a protagonista deste post de Brabádegos, A historia fascinante da vaca rodante.
Pastora é rubia, rubia e galega, a raza autóctona da nosa terra, por moito que lle proa á frisona. Ademais é curiosa e nunca viu o mar de preto. Decidida, intrépida e algo tola cando se entera de que na Fonsagrada, preto de onde ela vive, pode estar o mar, non dubida e bótase a rodar. O problema… que as présas e a curiosidade vana meter nunha pequena lea polo medio das montañas lucenses. Iso si, o final das súas aventuras, descubrirá ó pé dun camiño un espectáculo marabilloso que ninguén debería perder. Ti tampouco. A poesía é a arma que emprega unha vez máis Cristina Corral Soilán para achegarse aos cativos dun xeito creativo, alegre e orixinal. Se xa sorprendera con aquel conto tamén publicado por Everest Galicia que levaba por título Os Poemas do río, agora os nosos pequechos poden ficar abraiados cos textos e coas exquisitas ilustracións de Aurora Cascudo e Miguel Noval. As imaxes, que alternan con ilustracións reflicten á perfección a Galiza rural á que vai dedicado o texto. 
 Everest Galicia conta cunha colección chamada Ler e vivir que conxuga á perfección historias divertidas de acaídas para os cativos, coa tan necesaria transmisión de valores, o coidado do medio e a transimisión da cultura.



Xa o sabes, anda ceiba a Pastora, unha vaca rodante que incluso se pode permitir ser sexi. Recomendámoscha!