7.21.2013

Unha árbore transplantada



O sol bate con forza, os predios xa vai que andan tinguidos de herba seca e, o mar, a auga salgada contra as rochas dá azos para ler, para imaxinar mundos e vivir aventuras, para soñar. No souto imos devagar, lemos moito, deixamos arrolarnos pola brisa suave que nos abanea e gozamos mergullados en mil mundos. A nosa LIX (literatura infantil e xuvenil) ten mil propostas de verán para acompañarnos, para cultivarnos, para deseñarnos, en mil editoriais, con fermosas propostas suxestionadas.
 Hoxe no souto falamos dun libro moi especial, para xente especial, para familias especiais cheas de amor. Galaxia atesoura na colección Árbore un título singular e impresionante: O caderno de Ánxela. O caderno de Ánxela, de Raquel Ricart Leal, é un libro que no ano 2012 entrou na Lista White Raven que recoñece os mellores libros infantís do mundo. É a historia dunha rapariga chinesa adoptada quen polo seu aniversario recibe un caderno como agasallo. A súa sensibilidade, a súa madured, o seu comportamento fronte á vida conforman unha regalía de relato. Lonxe de tratar o tema de xeito monótono ou de compartir con nós os tópicos relacionados co proceso, a súa visión vólvese enriquecedora no eido didáctico para traballar este feito tan delicado moitas das veces. A árbore transplantada que non quere murchar e ficar enxoita agroma con forza ao longo do relato, transmite as ganas de vivir, de soñar e de compartir os sentimentos e pensamentos dunha rapariga preadolescente. As raíces, as precupacións, a riqueza estilística, a linguaxe empregada e o xeito de escorrentar os medos (coma se fosen mosquitos inoportunos) son as leccións que fan desta obriña a semente axeitada para os rapazolos de 10 anos en diante. Ademais a obra é unha adaptación perfecta á nosa lingua feita por Eva Mª Lozano Carpente con ilustracións de Pablo Otero Rodríguez (Peixe).



























7.01.2013

Quen é raro?

Existen soutos distintos, diferentes, soutos máxicos, estrados de castaños que aparecen así, de súpeto, como se non estiveran alí dende hai séculos, intentando moitas veces pasar desapercibidos. Esta semana no souto presentamos unha historia diferente e rara. Cando dicimos que algo raro, en realidade sería máis preciso explicar que é para todos os maiores ser raro. Marcos Calveiro teno moi claro, raro é sinónimo de especial, de único. Este pequeno volume, Raro, editado por Tambre e coas ilustracións de Ana Pez dentro da serie vermella, Ala Delta é deses libriños fáciles de ler, para cativos de cinco años, e cheo de valores. De feito, no souto cremos que para movernos nesta sociedade actual ás veces tan trivial, temos que ser capaces de explicarlles aos nosos fillos o importante que é que se queiran e que se acepten e que aprendan a querer aos demais, por moi diferentes que sexan deles. Tomás é un neno que non sae nunca da casa. Fóra da seguridade do fogar axexan  os perigos: todo lle resulta inestable. Só nas horas en que se sente máis consolado é capaz de observar desde a fiestra a vida activa do seu barrio. E un deses días advirte que chegaron novos veciños. Serán unha nova ameaza ou algo que mude os seus costumes?
Esta fermosa historia, fácil de ler, ten que ver coa loita interna, co vencer os medos e gozar da vida, de chimpar, de xogar e de aprender. Ten que ver coa amizade, co poder da mente.  
Tambre, de Edelvives, é desas editoriais que reúne lecturas axeitadas a cada idade, achegando a súa grande experiencia de traballar con materiais didácticos e apostando ademais por escritores da terra, como Marcos Calveiro, autor de recoñecida valía e de gran maxín creativo.