8.21.2013

Fadita fosca! Vou fatala xa!


E seguimos neste verán intenso de mil e unha actuacións musicais e representacións teatrais, e van os de Baía Edicións e publican un ronsel de libros marabillosos que imos ir aos poucos recensionando neste souto. Quen non deixou a porta da cociña, ou a fiestra aberta e, zas!, ao regresar á casa atopou con inquilinos inesperados dando voltas pola casa e difíciles de combater. Iso que vivimos no souto pasa en Fadita fosca!, de Miguel Vázquez Freire con ilustracións de Xosé Tomás. Unha historia do cotián que a moitos de nós nos fai revivir experiencias similares e é que, nas tardes de verán, mentres moitos dormen a sesta, e outros se preparan para ir á praia, adoita suceder. Fadita fosca! vai máis alá de ser a historia tenra de algo próximo, é a historia dun avó e da súa neta, do importante papel que xogan os nosos avoíños. O avoíño de Saleta ten unha teima. Acabar con todas as malditas moscas que enchen a casa cando chega a calor. Saleta decide axudalo. Pero cazar moscas non é cousa doada e á avoíña o resultado non lle convence nada nadiña. Aí esa fadita fosca!
É tan importante que os nosos pequenos aproveiten para xogar cos maiores da casa e que estes lles transmitan a lingua, a súa sabedoría, a tradición nosa, como a experiencia dos maiores con eles. A moitos papás lles sorprende ver a capacidade de xogo que eles atesouran, as cousas que fan polos netos, cousas impensables moitas das veces que non farían cos propios fillos. É tan máxico e tan linda a complicidade. Este volume de Baía Edicións reflicte á perfección esa maxia, ese tacto dos avós no coidado dos nenos, a conexión interxeracional, o amor e para iso bota man dunha linguaxe próxima e as marabillosas e expresivas ilustracións de Xosé Tomás, coa súa característica pegada. Os detalles, a proximidade da trama e o humor fan deste pequeno volume unha apetecible proposta e un convite para, de cando en vez, os nosos avós collan de matamoscas e poñan a historia en práctica. A vida non é outra cousa que intentar xogar ao máximo e buscar a maxia alá onde estea!


8.14.2013

Un lobiño que amar!

Metidos xa de cheo no mes das festas desta Galiza nosa poboada de mil castiñeiros, no souto estamos a gozar da lectura e tamén do lecer, do non facer nada. E reparamos en todos os contos que temos amoreados e non queremos deixar de facer unha mención especial a un en concreto, que sobresae pola súa orixinalidade. Nesta entrada do souto imos falar de Quen lle ten medo á Carapuchiña Vermella?, Sara Sahinkanat e Ayse Inan Alican, adaptado por Manuel Ramos ao galego e publicado por Ediciones Linteo. Para quen non coñeza Ediciones Linteo recomendamos que se mergulle no seu catálogo de infantil, pois esta editora ourensá conta con propostas moi orixinais e divertidas para os máis pequenos. Quen lle ten medo á Carapuchiña Vermella? achega dunha maneira ideal outra perspectiva do clásico conto de Carapuchiña dándonos outra visión, moderna e inusual dos perigos que se agochan no bosque. Neste caso é o lobo o protagonista, máis concretamente un lobiño, que ten moito respecto polo cazador e pola Carapuchiña. Un simpático volume que é moi útil para traballar cos pequenos cuestións como a responsabilidade, o pórse na pel do outro, o feito de obedecer... Todo con moita tenrura e cunhas ilustracións de premio en cores vivas con moitos detalliños!

 O lobiño abrangueu coas mans a cariña da súa nai. "Miña nai", dixo, agora que xa son grande, gustaríame ir ao bosque eu só, para dar unha volta e respirar aire fresco. A nai mirouno amorosamente. "Escoita atentamente, meu amor, vexamos se estás preparado. Teño que facerche algunhas preguntas, xa que vexo que non tes medo".

8.06.2013

Unha investigadora singular

Con todos os pés metidos no verán, deitados ricamente ao carón do mar ou sobre a herba seca debaixo dun aguerrido castiñeiro, a mellor opción é coller un bo libro entre as mans e gozar dos mundos que crean para nós. Hoxe imos falar da continuación dunha das mellores obras que ao longo do ano caeron no souto. Ouro Negro é o título que nos ofrece Everest Galicia e continúa coa saga creada por Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas) coa premiada Mortos de Ningures. A inspectora Nola é a protagonista destas dúas fantásticas historias que reúnen todo o que debe ter unha boa lectura: intriga, aventura e diversión. A nosa intéprida axente recibe no seu móbil unha inquietante mensaxe. As vacacións que tiña pensado pasar cos xemelgos vense truncadas por mor dun secuestro, os seus fillos están en perigo! Coa axuda do seu valente gato Lolo, un felino audaz e espelido, non parará ata atopar os seus pequenos e perseguir, unha vez máis o mal que hai detrás de intereses económicos. De recomendada lectura tanto para adultos, como para rapazolos que queiran mergullarse nunha trama que atrapa. Ouro Negro consegue o que xa conseguira Mortos de Ningures que é vivir realmente ao carón da nosa inspectora favorita os problemas que derivan do secuestro. Magnífica unha vez máis a conexión entre estes dous autores, artellando á perfección contidos transversais e valores nunha noveliña adobiada das fantásticas e elaboradas ilustracións de Andrés Meixide.


E todo isto, cun inesperado final, algo que de seguro sorprenderá a máis de un. A que agardas, un verán enteiro para ler!