9.26.2013

Desempolicar educando en valores


Sempre dicimos no souto que hai un conto para cada cousa. Un ronsel de libriños que constrúen as mentes dos nosos fillos e que ao mesmo tempo nos dan unha nova visión das cousas aos maiores que, as máis das veces, arrastramos unha educación finisecular e ateigada de prexuízos. Os contos transmiten tradición, axudan a coidar o medio, quitan medos, axudan a enfrontar medos, fan rir... en resumo: educan en valores. Nos anos 70 Adela Turín comezou a publicar en Italia a colección «Dalla parte delle bambine», que pouco despois editou Esther Tusquets en España co título «A favor de las niñas». Traducida a varias linguas, converteuse nun referente para a coeducación e a igualdade. Kalandraka volve apostar por esta autora tan significativa e polas ilustracións en tonos pastel tan características de Nella Bosnia dentro da colección Tras os Montes. 
A historia dos Bonobos con lentes é un conto fabulado que -como “Rosa caramelo” e “Artur e Clementina”- pretende pór en valor o rol feminino na sociedade, erradicar os estereotipos sexistas e a discriminación, para cambiar mentalidades e construír deste xeito un mundo mellor.
Desde o humor e a sensibiliddade amosa uns monos, os bonobos, que comen, viaxan e se modernizan mentres elas recolectan comida e crían a prole. Pero os bonobos non aceptan que as bonobas tamén poidan aprender e evolucionar. Esta contrariedade resólvese de maneira orixinal e divertida deixando un final aberto que podemos completar co traballo cotía nas aulas, na casa, educando en valores e combatendo o machismo dunha sociedade á que lle custa mudar. O legado da autora e da ilustradora é pioneiro na creación de álbums sobre igualdade e coeducación, aínda vixente. A mensaxe tórnase revolucionaria e fundamentalmente didáctica e é desas coleccións que deben considerarse como imprescindibles sobre todo para traballar en igualadade.


9.17.2013

Viaxes na procura da aventura



Hoxe toca Everest Galicia e dúas obrinhas que hai un anaco de tempo que xa temos no souto. Non queda outra que retomar as aulas e esquecer as vacacións para cando volvan. No souto xa temos gañas de xantar un bo cocido, pero non nos imos queixar, xa que o tempo permite que os nenos corran ceibos polos parques das cidades. 
O cocido, pois, non o temos, pero si podemos ver o inverno, aprezalo con claridade grazas á marabilla feita libro ideada pola telesiva María Canosa e polo prolixo Dani Padrón. Inverno é o nome do protagonista, unha pinga azul ceo que nace a finais de agosto e viaxa entre as estacións, formándose, variando de estado, de localización, soñando co tempo. Un libro que atesoura dozura na escolla da linguaxe e aloumiño na ilustración.Tanto ten que se resista, este pequeno verase arrastrado polo ballón cara á aventura e nós iremos inevitablemente canda el cunha ollada limpa de curiosidade, esa ollada que poñen os nenos cando un libro é moi bo. Un exemplar recomendado para cativos a partir dos oito anos, para soñar como cómpre antes de metelos na cama.

A segunda proposta de hoxe, tamén dentro da colección Rañaceos para rapaces a partir dos oito anos, destaca tamén pola súa orixinalidade. O Encanto da Pedra Cha é un poema de Rosalía de Castro no que un nobre cabaleiro enfeitiza unha rapaza con riquezas terreais. Ela cae na tentación e paga coa súa propia vida.Tres rapaces de hoxe, Luía, Xela e mais Bieito, visitan unha antiga posesión familiar cunha gran casa en desuso. Nun cuarto da vivenda atopan unha lápida cunha inscrición na que se pode ler un anaco do poema de Rosalía. Ao carón da lápida, hai unha porta que agocha un mundo misterioso e aparentemente silandeiro. Que pasa cando a ficción se fai realidade? Traspasa a porta con Luía, Xela e Bieito… Un misterio á altura de Pere Tobaruela ilustrado por Daniel Xove revitalizando o mundo da Banda Deseñada e facendo, con grande acerto, este mundo atractivo para os máis novos.

Mergúllate na LIX!




9.05.2013

Mira, mamá, sen mans!



No souto resistímonos a quitar os pés da area á beiriña do mar e seguimos gozando de lecturas máxicas e orixinais. Desta vez imos recensionar dous libriños de Oqo editora que cada vez sorprende máis pola súa acertada temática e polas marabillosas ilustracións con álbuns cargadiños de cor.

Nesta editorial pontevedresa xa case contan cun libro para tratar todas as temáticas ou preocupacións que nos saen sobre os nosos filliños. Os dous volumes que nos ocupan nesta ocasión son Demo de dente! de Pep Bruno e Amrei Fiedler e Onde estás caracol?, de Susanna Isern e Leire Salaberria. Demo de dente!, da Colección Q, é máis ca un libro, é todo un manual de como podemos facermos ante a caída dos dentes de leite. A primeira vista calquera diría que Pep Bruno toleou, pero en realidade trátase de facer humor de algo que é común en todos os pequechos, o cambio dos dentes de leite aos definitivos. Coa súa divertida visión, achega ademais os pros e os contras de que facer mentres non nos caen os cairos ou cando arrandean ao tocalos coa lingua. As simpáticas ilustracións de Amrei Fiedler completan este surrealista toque de humor e avanzan un riso de complicidade en todos os papás e mamás.

Onde estás caracol?, dentro da Colección O, é toda unha explosión de cor da man de Leire Salaberria, unha proposta diferente e persoal da autora en canto á técnica, á ilustradora apetecíalle cambiar “por completo” a súa forma de traballar. Deixando os recortes de papel a un lado decantouse polos acrílicos e os pinceis apostou pola cor nun relato de Susanna Isern que fala de constancia por parte dos dous protagonistas, Caracol e Lagartiña, nunha loita contra a adversidade, aínda que esta sexa, principalmente, meteorolóxica. Consecuentemente, Caracol e Lagartiña terán a súa merecida recompensa, como adoita suceder cando hai tenacidade e nos guían os bos sentimentos. Unha historia desas de amor tan necesarias ás veces entre os nenos para que soñen cun mundo mellor.