10.23.2013

Deixándolle crer que me educaba



É tempo de castañas, de ourizos estrados polo chan canda follas e máis follas. Sumamos, somos unha manchea no souto, agora xa só fica unírmonos e compartir soños, páxinas estradas polo noso maxín. Que o temporal non te deprima, o parque xa volverá, tes a oportunidade de ficar na casa soñando, viaxando coa imaxinación a mil sitios. Hoxe presentamos venres e o novo de Rinoceronte Editora, que acaba de lanzar un novo selo editorial especializado en LIX (literatura infantil e xuvenil), co nome de Sushi Books.
Este novo selo estréase apostando pola nosa xente. No souto iremos mostándovos os seus títulos, deixando claro a aposta que fai a editora polo noso país e pola nosa lingua.
Para abrir boca e sen saírmos de ilustrador, hoxe presentamos Venres, de Dani Padrón e Santiago Freire, dous valores importantes da actualidade. Venres é un álbum ilustrado dirixido a cativos que xa saben ler, nenos de Primaria que queren explorar novos mundos, lanzarse á aventura, e poden facelo acompañados polos maiores sen que a lectura sexa aburrida. Venres nace da orixinal proposta que idea Santiago Freire. Toda unha reinterpretación do Robinson Crusoe de Daniel Defoe onde o protagonista deixa de ser o mariñeiro náufrago, alguén bastante zoupón por outra parte, e pasa a ser o indíxena do ró Orinoco. Este simpático ser, de ollos curiosos e gran corpo, achéganos unha visión chea de valores como o da amizade, a capacidade de superación e o enxeño, alén dunha perspectiva distinta onde o ser supostamente colonizado é o que, comprensiva e paternalmente, guía e conduce cara á supervivencia.
Un precioso texto ateigado de maxia feita ilustración que combina á perfección algo novidoso co discurso case poético. Onde a luz da lúa, vogando nunha canoa, case se converte no marco dun sacrificio aos deuses. Non vos pensedes, o comezo case mete medo!


10.17.2013

Acabadiño de saír, ao dereito do forno!

Sonan as bucinas e a paz na aldea quebra, xa chegou, saen todos a recibir o panadeiro, é unha festa. Os cans acompañan movendo o rabo, é o arrecendo a fresco que chega ata o souto, viaxa polo aire presto. É un recendo a pan morniño acabado de facer, exquisito, Pan de Millo. Migallas nun día de fame cando saes do colexio, troula para acompañar no xantar, no coche por pistas, esencia de felicidade nun disco que invita a danzar ao ritmo da gaita. Kalandraka sempre sorprende, atrapa coa súa maxia e a súa pulcritude, coa profesionalidade ata o estremo. Nesta ocasión, ofrécennos temas de creación propia salferidos con versións de cancións tradicionais. Moveremos o cú, brazos e pernas ao son de temas nacidos da terra, da auga, do sol, do traballo e da alegría dos nosos avós. Eses que a moitos van buscar á porta do colexio, que contan contos que xa non existen transmitindo a riqueza cultural herdada. Pan de millo é un libro-disco dirixido a público familiar en que Migallas Teatro reúne 14 cancións infantís e versións de temas tradicionais que interpreta nos seus espectáculos e actividades de expresión dramática. Os arranxos e adaptacións están feitos por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura e moi vinculados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. O son da gaita transita por todo o disco enchoupándoo de forza, unha forza brutal que engancha. Estamos ante un dos mellores libros-cd en tempos.Canda eles, intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.


É o segundo proxecto musical de Migallas despois de “Canta connosco!”, considerado un “revulsivo” no eido da música galega infantil. Co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor, este traballo está pensado para seguir practicando o xogo e a diversión, recuperar a memoria dos avós e avoas, e contribuír á transmisión da lingua. No repertorio conviven ritmos autóctonos como muiñeiras, pandeiradas e pasodobres con melodías de inspiración latinoamericana. Os temas de creación tratan cuestión actuais como a colaboración fronte á competición, a promoción da paz ou a reivindicación de tempo para xogar fronte ao exceso de actividades extraescolares, algo que nos ten que facer reflexionar como pais. Tamén se inclúen propostas de expresión plástica e dramática. Pan de Millo, ademais, está ilustrado polo grande Dani Padrón que, froito da súa escoita, artella unhas ilustracións con carácter, frescas e cheas de cor, que transmiten ledicia e diversión e ao mesmo tempo reforzan a idea central do proxecto: a festa!

Recomendámolo no souto por divertido, económico, maxistralmente editado (vén envolto cun cordel e trae un saquiño de millo), por que está dirixido a todos os públicos e por redondo, a bailar!




10.09.2013

Cando as doces anduriñas baixo un aleiro pousadas

Os fillos dos celtas
de corpo lanzal,
os fillos robustos
do forte Breogán,
cal pinos erguidos,
que bruando están,
envoltos por brétoma
no tempo invernal,...

No souto, ao longo da historia, vimos pasar todos os pobos que habitaron esta terra. No souto consideramos que é imprescindible traballar para que os nosos fillos coñezan a súa historia, a súa tradición e a súa lingua, para poder deste xeito medrar como persoas e reivindicar a súa orixe, a súa identidade. Identidade non significa rexeitamento, significa amor cara ao noso propio e cara ao que nos rodea. Traballando para sumar.
Eduardo Pondal reivindicaba o noso, o que el cría que eran as nosas orixes e deseñou o seu propio mundo. Un mundo inesgotable que axudou no Rexurdimento á dignificación da lingua. O seu papel é o dun poeta portador do ideal que lle amosa ao pobo o camiño, animándoo a recuperar a liberdade e a espertar do seu sono secular. Liberal e proguesista, o pontecesán é o noso bardo, o creador do noso himno. A nosa literatura é un tesouro que debe estar ao alcance dos novos para consulta e de aí o volume que hoxe presentamos de Tambre dentro da colección Ardentía e que leva por título A vontade homérica. Antoloxía poética. Un libriño para cativos a partir de doce anos moi coidado na edición e que foxe da sobrecarga, atraente para o público novo e pensado para o mundo do ensino, recomendado tamén para os maiores que queiran darlle un repaso aos clásicos. A máis do civismo e do ardente sentido da liberdade, a escolma que nos ocupa, preparada polo poeta e narrador Xosé Miranda, constitúe unha completa mostra doutros temas recorrentes na obra do bergantiñán, caso do seu celtismo literario, o helenismo, o aristocratismo ou a saudade. A ensoñación, a comuñón do poeta coa natureza, a saudade dun tempo mítico, dun pasado de fadas e de guerreiros adoviado coas ilustracións en lapis e acrílico de Ramón Trigo confírenlle á escolma un volume moi atractivo.







Outra das obras das que hoxe falamos é O castelo do asombro, de Ramón Caride Ogando e ilustrada polo prolixo Dani Padrón cos seus orixinais e característicos trazos. Ramón Caride idea unha historia onde a imaxinación abrolla coma se ninguén tornase a auga. Lusco e Fusco eran dous irmáns xemelgos, tan semellantes de corpo coma dúas pingas de auga. Pero de carácter non podían ser máis opostos: Lusco era un tarambainas, amigo das aventuras e das viaxes; e Fusco, pousón e traballador. A un pasábanlle moitas cousas abraiantes (feitizos, tesouros e arrepíos) e ao outro sucedíanlle ben poucas. E, por riba, un deles tivo unha filla, que aínda veu enlealo todo máis... Unha fantástica historia para cativos a partir de oito anos en diante na colección Ala Delta de Tambre. Todo un mundo imaxinario o que constrúe Ramón Caride e no que non deixa de haber castelos, asombros, batallas, príncipes e loita.

    
 




































Dúas obras que recomendamos no souto. 





10.03.2013

Reflectidas en espellos de metal

Chegou a choiva e as gotas de auga esvaran lentamente polos cristais da casa, non todos os días podemos saír xogar á rúa, pero sempre podemos botar man da imaxinación e sementar soños. Podemos apañar calquera dos contos que temos pola casa e viaxar a lugares remotos de reis e de raíñas coma somos nós, fedelliños rebuldeiros,
que precisamos ler para poder poñer paixón sempre no que fagamos.
De cando en cando aterran ao pé dos castinheiros follas perfectas, libros únicos e moi coidados que, coma as gotas de auga cando callan, fan as delicias de todo o souto. É o caso de dous volumes que edita Baía  Edicións, Cleopatra, raíña do Nilo e Oliver Twist, e que calquera que lles bote un ollo ficará namorado. Dentro da colección de Grandes personaxes, reais ou imaxinarios poderás conhecer máis de Cleopatra, a raínha de Exipto, que gobernou o seu pobo. Como Raíña foi admirada e desprezada. Como muller, era poderosa e apaixonada. E como lenda, Cleopatra é unha das personaxes máis célebres da historia.Desde o seu ascenso ao trono até a súa tráxica morte, Cleopatra levou unha vida excepcional, polo que aínda hoxe estamos cativados polo seu encanto, intelixencia e valentía. O texto de Marie de Prémonville adaptado maxistralmente por Ánxela Gracián e as impresionantes ilustracións de Daniela Volpari conférenlle a este volume a sorte de ser xunto con Oliver Twist unha das mellores obras que, para nenos a partir dos seis anos, teñen pasado polo souto en canto a coidado na edición. As imaxes, cheas de personalidade e detalle, sorprenden ao lector e marabillan cos detalles.
De Oliver Twist, baseado na novela de Charles Dickens temos que dicir o mesmo, pois comparte ilustradora. Os textos, tamén adaptados por Ánxela Gracián con moito acerto, son de Juliette Saumande. Conta, como moitos saben xa, a historia de Oliver Twist, un orfo de 9 anos, logo de sufrir no orfanato a explotación, a fame e o medo, marcha a traballar como aprendiz para un enterrador. Maltratado tamén na funeraria, decide escapar e camiñar moitas millas para chegar a Londres. Unha vez na capital, Oliver coñece un carteirista da súa mesma idade que  traballa para Fagin, un home sen escrúpulos que se fai cargo del, utilizándoo para os seus roubos...

Os dous volumes de Baía Edicións son perfectos para agasallo, para quedar máis que ben e para introducir coñecementos nos nosos cativos de cultura universal.