11.27.2013

Vén soñar comigo; Bisa Bea, Bisa Bel!

"Dentro do cuarto da miña nai había un armario, dentro do armario había un caixón, dentro do caixón había unha caixa, dentro da caixa había un sobre, dentro do sobre había unha morea de fotografías, dentro dunha fotografía estaba Bisa Bea".

No souto ao chegar á páxina once de Bisa Bea, Bisa Bel, de Ana María Machado, editada por Galaxia para nenos de dez anos, dentro da súa expléndida colección Árbore, comprendimos que era imposible frear a curiosidade, acougar a necesidade de máis, entendimos á perfección que estabamos diante dunha historia que engancha, que ten ese poder máxico que fai que tanto grandes como pequenos queiramos saber máis, queiramos saber todo.
Galaxia é desas editoriais de noso que podería quitar mil volumes interesantes, mil libros atraentes, pero ultimamente o seu labor vira cara á esquisitez, cara ao sibaritismo, ofrecendo literatura de calidade e apostando por lecturas axeitadas e contidos espectaculares. Ana María Machado é desas escritoras expertas no seu terreo, non só é unha autora de literatura para nenos, senón que se preocupa polo seu traballo, pola súa paixón. No ano 2000 este volume acadou o premio Andersen de Literatura, un dos de maior prestixio e un tivo grande éxito. Vendéronse máis de dous millóns e medio de exemplares e nel fala das relacións entre os nenos e os maiores, da tenrura e da imaxinación deses seres miúdos que teñen munición para encher varios mundos  Unha tenra historia de amor entre unha neta e a súa bisavoa.  Unha desas hitorias doces que nos fan entender que a vida é un lugar marabilloso. Un libro moi divertido que trata, tamén, dunha nena moi especial.
En Brabádegos destacamos especialmente o uso da linguaxe, a magnífica tradución de Ramón Nicolás (valor engadido do libro sen lugar a dúbidas), as acaídas e inesperadas ilustracións de Almudena Aparicio,  un sorprendente mundo creativo que fai que os nenos se identifiquen e queiran vivir as mesmas experiencias, dando pé a sonhar e ao mesmo tempo, facéndoo en valores como o da amizade, o respecto polos maiores, provocando tamén a reflexión interna e o pensamento crítico. Unha marabilla!

11.18.2013

Mamá convértese en río se un fillo se perde

Tecendo cantos, contos de castelos na area chega ao souto o VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, un certame que cómpre reivindicar tanto pola contía como pola feitura das obras que o gañan: Bandada, Cerca, Olaj, A Familia C, Un gran soño.
O premio Compostela é un grande escaparate de calidade e exquisito coidado que achega prestixio internacional. Mariana Ruiz Johnson é a autora e ilustradora do álbum desta edición coa súa homenaxe a todas as mamás e Kalandraka unha vez máis translada ao papel a profesionalidade que a caracteriza como unha das mellores editoras do Estado.

Mamá, que así se chama a obra, posúe a sensibilidade precisa para conmovernos, esconde universos e outras tantas cousas que levamos dentro e a súa fermosura é estrema. No souto tivemos a oportunidade de acudir case en exclusiva á charla que a autora impartiu para rapaces no IES de Sar en Compostela e ficamos pampos coa ilustradora arxentina e coa súa enriquecedora percepción da arte da ilustración. A transmisión da experiencia profesional a futuros artistas plásticos tiña como obxectivo amosarlles o proceso de creación de Mamá onde azuis, amarelos, vermellos, verdes… cores vivas, intensas e en harmonioso contraste, se plasman nas páxinas deste álbum. O seu contido inspírase no estilo ornamental da arte popular latinoamericana e desde o punto de vista cromático, pola forza expresiva e poética das ilustracións, tamén lle rende unha homenaxe a pintores como Paul Klee. En canto os textos, en perfecta harmonía coas imaxes, reflicten amor, coidado, tenrura e respecto pola natureza, a nai terra, a gran nai de todo. Así pois, mostrando camiños, estrelas e soles as mamás deberían ser agasalladas todas con este volume de feitura redonda, de amor, como lindas casas mornas, xa que as mamás son tantas cousas...
Recomendámolo no souto!




11.12.2013

A importancia de querer sen falar



As palabras son o eco dos nosos pensamentos, dos sentimentos. Serven para expresarnos, para dicirnos as cousas. Ás veces esquecemos na voracidade dos días e do estrés dicirnos o importante, o que deberiamos ter presente todos os días, pero por se nos esquece, por se no souto non vos agradecemos o suficiente este apoio incondicional que temos, sempre hai un conto, un conto que é un aloumiño, unha aperta dada, a aperta que precisamos para seguir un día máis. 
Oqo ten un volume perfecto para expresar o que non fai falta dicir, o que deberiamos ter presente, o que precisamos e o que deberamos transmitir como pais. Non fai falta a voz é un alouminho, un conto de amor, ideado por Armando Quintero e ilustrado por Marco Somá. A historia dunha xirafa que á diferenza do resto dos animais, non ten voz senón un pescozo moi moi longo. Un deses imprescindibles para soñar na Colección O e que no souto recomendamos por dúas razóns fundamentais. A primera ten que ver coa expresión do amor entre nós e entre diferentes. Debemos transmitir nesta sociedade tan desleixada de afecto que o importante son os valores transversais, a axuda entre iguais, o respecto, o amor ao distinto como ser únicos que somos, e a necesidade de poñerlle a cada cousa a paixón precisa. A segunda razón é o feito de ser animais os protagonistas. Todos os contos de animais son ben recibidos polos nenos, ademais eses animais falan e exprésanse e entre eles. Non fai falta voz podémolo empregar na aula para saber cales son os sons dos animais, o gato miaña, a ovella bea, o lobo ouvea... 
“Todos os animais teñen os sons para chamarse e dicirse que se queren, menos as xirafas. Son mudas. Tan mudas que non emiten ningún son. Pero, como os mudos, para dicirse que se queren abren moi ben os ollos, por iso elas téñenos tan grandes e tócanse. E iso ensínanllo a outros seres.
A súa relevancia na historia está subliñada graficamente. Así, a portada é tamén para elas. Do mesmo xeito que o resto de personaxes, as súas roupas están coidadas ao detalle polo ilustrador, quen precisa que o vestido da nai está inspirado nun dos usados pola actriz Audrey Hepburn “nunha das súas moitas obras mestras do cine”.
Unha preciosidade de conto que aúna texto e ilustración en perfecta harmonía e co que dá moito gusto sentar a ler!