12.23.2013

Ponte a bailar este Nadal

No souto estamos bailando ao son do vento, as nosas follas móvense acompasadas por boa música, somos piratas neste ano que remata!
Ás portas do Nadal e incluídos os dous en Agasallo.eu, iniciativa posta en marcha para apoiar o produto galego, Galaxia aposta polo Libro-Cd, polos artistas galegos, e ademais faino cos premiados e tan bailados Mamá Cabra, que acaban de ser recoñecidos cos Premios Galegos da Música Martin Códax, e co recoñecido e extraordinario labor de Pablo Díaz que tanto bailoteamos co Tic Tac.


Cartas que veñen e van, con textos de Susa Herrera intrerpretadas por Mamá Cabra e ilustracións de María Lires, é un álbum espectacular, cheo de cancións que fan as delicias dos máis pequenos, temas como Casimiro o Elefante, De que cor?, O polo Pepe..., cancións moi apropiadas para traballar nas aulas, de xeito didáctico cos nenos e un ritmo festeiro que vai facer que movan os pés. Cartas que veñen e van son cartas en forma de música que van dirixidas a animais, a personaxes singulares e adorables que os máis pequenos nalgúns casos xa coñecen. Susana Herrera é autora de moitos contos para nenos, e leva toda a vida demostrando que os contos tamén se cantan e poden bailarse. As redondeadas e características ilustracións de María Lires poñen o punto de cor preciso para achegar a máxia suficiente a un traballo ben redondo.

Toc toc, de Pablo Díaz con ilustracións de Nuria Díaz é unha festa por todo o alto chea de piratas, do noso Apalpador, Mazarico, Pedro Chosco ou de Garavanciña, entre outros. A máxia daquel hit que foi o Tic tac segue viva e parece que non podes escoitar o disco sen despegar os pés do chan. A enerxía de Pablo Diaz contáxianos e a inclusión de temas que falan de personaxes tradicionais como o Apalpador ou Pedro Chosco faino ideal á hora de traballar con el para transmitirmonos a nosa tradición de maneira divertida e transversalmente. Nuria Díaz é desas ilustradoras, xunto con María Lires, que fai o seu traballo de maneira exquisita, cunha marca persoal inconfundible, despregando un ronsel de personaxes alegres que, a modo de orquestra, completan o que non alcanzamos coa imaxinación.
Agasallar música e apostar polo noso debe ser máis que unha opción para agasallar, para levar no coche e facer que os nosos besbelliños canten, bailen e gocen da nosa lingua!

Bo Nadal desde o souto!




12.18.2013

Arte, poesía e Rosalía


Como unha pluma negra que pousa docemente, unha folla de castiñeiro que se deixa ir, unha rosa vermella asilvestrada, como o son da poesía mesma, así chega ao souto na invernía unha obra de tapas duras que arrecende a tacto, que transmite amor e tenrura,  e que transporta deliciosamente no tempo e no espazo ata a Casa da Matanza, a casa de Rosalía de Castro.
Biblos Clube de Lectores presenta A pantasma da casa da Matanza e volve apostar polas marabillosas e suaves ilustracións de Xosé Cobas, todo un referente que atesoura a sabedoría da consagración como pintor cunha paleta chea de pasteis que se elevan a arte. A escolla de Xosé Cobas, máis que acertada, acompásase cos textos doutro grande, Miro Villar, labrador de versos marabillosos, que abre o abano do enxeño deseñando todo un conto en verso, recendo dos figos da figueira, arredor do poema Negra Sombra de Rosalía de Castro. Este volume á parte de pola súa fermosura discursiva é unha ferramenta máis que útil para introducírmonos no mundo da poesía e na figura da autora galega do Rexurdimento. No souto recomendámola especialmente para a docencia para, con estrema tenrura, introducir a vida e a obra da autora desde un punto de vista diferente, fuxindo dunha concepción fechada do facer nas aulas. Todo un aloumiño de libro:

Voume antes presentar, pois educada
e cortés hai que ser. Isto primeiro 
cómpre saber facer antes de nada.
                     Eu son a Negra Sombra. Eu non cheiro.
                     Sonvos como a dozura da almofada.



12.13.2013

Unha viaxe remota. Dinosauros


Desde que os castiñeiros son castiñeiros e as follas dos brabádegos quedaron fosilizadas na pedra hai libros que marabillan os nenos e os maiores. Tanto ten se se trata de algo moi ou pouco infantil, o libro de divulgación tamén pode estar orientado aos pequenos, o importante é atrapar a súa intención e profundar nas ansias do saber.
Baía Edicións leva parte do outono atrapando a nosa atención pola maxestosidade das súas propostas, que conxugan á perfección coñecemento e diversión,  e co volume que presentamos hoxe vai camiño de que non apartemos a mirada nin por un segundo. Dinosauros, 150 animais prehistóricos de pequenos a grandes, con textos e ilustracións de Roc Olivé é un deses álbums-tratado que enganchará máis dun pai e máis dun neno. Non sei se concordades, pero hai unha etapa nos nosos meniños e as mamás sábeno, en que se volven auténticos expertos en animais prehistóricos e, este manual, aínda que non sexa un libro infantil en estrito sentido, responde á necesidade de emprender o camiño da sabidoría, de xogar noutros mundos e de voar por territorios inexplorados nunha batalla inigualable.


Dinosauros, 150 animais prehistóricos de pequenos a grandes realiza unha clasificación rigorosa dos dinosauros en dous grandes grupos, ordénaos segundo a súa altura comparándoos con nós e explica cal é a era á que pertencen. Dinosauros, de Baía Edicións convértese nun agasallo perfecto para este Nadal, unindo xogo e educación e respondendo a unha demanda que está na rúa, por que os nosos nenos precisan completar e encher as lagoas de coñecemento que teñen.

Unha magnífica proposta transversal que agradecer!

12.02.2013

Un sombreiro singular

Ao souto chegan infinidade de obras de todas as editoriais, non temos case tempo de presentárvolas todas, imos aos poucos para visibilizalas, e irán agromando como se foran castanhas para un magosto, ourizos estrados por entre os castiñeiros.


Esta semana presentamos O meu marabilloso sombreiro, de Akiko Ishihara con textos e ilustracións de Suevia Sobral Santiago editado por Edicións do Cumio que aposta por unha proposta para os estudantes de xaponés, unha iniciativa interesante dirixida e específica, para aqueles que gostan desta cultura ancestral, da maxia do secular e das posibilidades dun mercado impresionante e cheo de posibilidades. Son un neno pequeno, pero podo construír soíño moitísimas cousas. Hai pouco, con grande esforzo, fixen un sombreiro marabilloso. Agora estou pensando a quen llo podo regalar. Se queres, pódesme acompañar na miña procura. E mentres escoitamos cancións, sen dúbida, divertirémonos xuntos.
 Un volume inusual dentro da nosa tradición, unha edición de conto bilíngüe galego/xaponés e seis cantigas populares do Xapón coas súas correspondentes partituras, visualmente atraentes. O libro, ademais,  vén acompañado dun CD coas cantigas nas súas versións galega e xaponesa. Algo distinto para apoiarse no estudo desa lingua milenaria, unha iniciativa interesante e divertida que enche un oco no estudo das linguas.