2.09.2014

Cociñando contos que arrecenden a verde


No souto coñecemos un neno ao que só lle gustaba o queixo do país se o facía a súa avoa, así que a súa nai, sabedora do éxito, maquinaba en quitarlle as etiquetas aos queixos e pousábaos todas as fins de semana enriba da mesa, ao carón do marmelo, xunto as demais sobremesas. O cativo, que era moi espelido e listo coma un allo, papaba o queixo e loubaba as características daquel exquisito manxar.
Este é un exemplo de como as nais e os pais, na meirande parte dos casos, son auténticos arquitectos do bo engano, dese que consiste en disimular, agochar e manipular para que os pequenos da casa proben de todo e teñan unha alimentación sá. Introducirlles alimentos non adoita ser doado, pois hai ciscados nenos por aí que só se alimentan do aire.
Oqo Editora editou en Sopa verde, de Ángela Madeira con ilustracións de Till Charlier por 12,60 euros. Conta a historia dun coello cabezón que non proba nada que non sexa verde, ata se lle resisten as cenorias, co bem boas que están! Para que isto cambie, van ser determinantes moitos animaliños, que van compartindo con el os distintos alimentos que adoitan inxerir. Así pois, a formiga ofrécelle chocolate, o rato amósalle o tomate, o parrulo quere que probe as súas rebandas de pan... pero o coello resístese enfurruñado ata que un moucho decide facer unha rica sopa verde con todos os ingredientes. Será daquela cando o noso protagonista comprenda o ricos que están todos e cada un, como os nosos nenos cando vencen a reticencia inicial.


Este volume, moi útil, reúne, ademais dos animaliños que tanto lles gustan aos nosos pequenos, o contido preciso desde o punto de vista didáctico, xa que axuda na crianza dos nenos e ensínalles o valor da alimentación, do comer ben e o necesario que é a introdución de novos alimentos.
Afondar na relación entre a literatura e gastronomía, e dar a coñecer ambas como punto de encontro entre culturas é o obxectivo das actividades de Cociña de contos, da que forma parte este álbum. Europa á carta é un  proxecto deseñado por OQO, que foi seleccionado no Programa Cultura 2007-2013 da UE. Con esta finalidade, nenos e nenas de España, Polonia e Portugal gozan de obradoiros literarios, gastronómicos e artísticos. Recentemente a contadora uruguaia, residente en Santiago de Compostela, Soledad Felloza gañou o Premio de Narrativa Oral Cociña de Contos. Despois dun proceso de selección entre 30 candidaturas de España, Portugal e Polonia, resultou gañadora A Cociñeira do rei, un conto da autoría de Soledad Felloza. O premio estivo aberto para contadores de España, Portugal e Polonia, que narrasen, en formato video, contos infantís que tratasen sobre comida, alimentos ou gastronomía, ben tomados da tradicional oral ou da súa propia creación. Os contadores Roberto Mezquita, José Campanari, Miguel Horta e Isa Chao foron os finalistas do certame, os catro coa mesma puntuación do xurado.O premio, convocado coa participación do Concello de Pontevedra e a obra gañadora, A cociñeira do rei editarase en formato de álbum ilustrado en galego, español, portugués e polaco. O libro presentarase no certame de narración oral Sete Falares, que terá lugar en Pontevedra no próximo mes de xuño.


2.04.2014

No monte a chirlar

Chove, todo está enchoupado, escorrega polo souto nun mar de auga que non cesa, e as páxinas van unhas detrás das outras nunha invernía eterna. Mentres non chegan as raiolas do sol que agroman entre as follas das árbores, propomos unha visitiña á fraga, ao souto, á beiriña mesmo dos animaliños que conforman ese ecosistema que tanto lles gusta aos pequechos. Facémolo da man de dúas obriñas editadas por Kalandraka contra final do ano pasado. O xenial e simpático Renato, de Manolo Hidalgo, e Boas noites, Bufo!, de Pat Hutchins traducido por Sandra e Óscar Senra Gómez.
Renato é obra de Manolo Hidalgo, as súas ilustracións perfectamente coordinadas co texto tiveron unha mención no Premio Daniel Gil 2005 de Deseño Editorial.


Os edificios, os paxariños, as árbores, a serra, o coche no que se despraza, e incluso as folerpas de neve coas que Renato xoga no inverno están maxistralmente en harmonia nese mundo tinguido de vermello, branco e negro. De tapas de cartón duro para un público a partir dos tres anos, Renato traballa á perfección sentimentos, a autoestima, a autoaceptación, a solidariedade, a colaboración, a busca da felicidade e o respecto ao medio entre outros. Por só dez euriños consegue espertar un sorriso entre os pequenos. Este orixinal personaxe, co que empatizar, podes incluso telo moito máis de preto ao ires durmir, xa que  podes tamén atopalo en pixama na firma de moda infantil Casa K

Outro que tamén anda ceibo polo monte é Bufo. En Boas Noites, Bufo! este animaliño nocturno terá que armarse de paciencia, por que á árbore na que pretende descansar non paran de chegar un monte de animaliños emitindo sons. Trátase dun álbum para prelectores creado ilustrado por Pat Hutchins, autora de O paseo de Rosalía, outra simpática obra chea de humor e orixinalidade. Ao longo do relato vanse achegando ao protagonista outros animais cuxas voces durante o día  non lle deixan conciliar o sono. As onomatopeas axudan os prelectores a familiarizarse cos sons, podendo así ser partícipes da narración do conto. O final do relato, cheo de forza, sorprenderá pola simpleza, pero tamén polo enxeño. Estamos diante dun clásico da LIX ao tratarse dun libro destacado pola Asociación de Bibliotecarios de América en 1972 e co que podemos afondar nos sons dos animais, traballar o respecto ao medio, os números e o xogo mnemotécnico. A combinación de cores, o coidado na edición e o dominio do espazo, pois nun único escenario vai debullando a fraga toda, merecen a pena, e todo por 14 euros.