3.29.2014

Arrecende a maxia na cociña de noite

Chega unha nova fornada de Kalandraka, algo se coce na cociña de noite e o seu arrecendo chega ata nós. Uliscamos cousas ricas que nos motivan, que nos fan golosos e nos impulsan a bulir ata ali. É o mundo de Maurice Sendak, unha figura máis que importante dentro da literatura infantil e o álbum ilustrado, xa que produciu máis de 90 obras, unha traxectoria que o levou a recibir en 1970 o Premio Andersen e o Premio Laura Ingalls Wilder en 1983. En 1996 o Goberno dos Estados Unidos entregoulle a Medalla Nacional das Artes e en 2003 concedéronlle o Premio Internacional Astrid Lindgren de Literatura Infantil, xunto coa autora austriaca Christine Nöstlinger.
Entre os libros que podemos atopar deste autor en galego destaca o tamén clásico Onde viven os monstros, un álbum máis que fantástico e recomendadísimo. E é que Kalandraka ten toda unha colección Tras Os Montes, orientada a instruírnos e culturizarnos sobre o melloriño do mundo. Nós forneamos mentres ti dormes é un recordo da infancia, unha homenaxe a Sendak de Kalandraka no ano 2014. Na cociña de noite, que é como se titula o volume, está traducido por Xosé Manuel González e dirixido a nenos a partir de catro nos. O  autor tiña 11 anos cando, na Feira de Nova York, quedou marabillado diante do escaparate da pastelaría Sunshine Bakers, cuxo lema era “Nós forneamos para ti mentres ti dormes”. Anos despois, Sendak contaría que este libro foi unha especie de vinganza: “Agora son o bastante maior para quedar esperto pola noite e saber que pasa Na cociña de noite!”.
Trátase dun relato onírico, un texto rimado que transmite diversión e enerxía, protagonizado por un neno e tres pasteleiros caracterizados como Oliver Hardy. As ilustracións son unha homenaxe ao Little Nemo in Slumberland, de Winsor McCay, do que recoñecía a súa influencia artística: “Debuxamos, non sobre a memoria literal da nenez, pero si sobre a memoria em
ocional, a súa tensión e a súa urxencia. Ningún de nós esqueceu os seus soños infantís”. Pola cantidade de galardóns que recibiu, converteuse nunha obra de referencia. Non obstante, foi censurado en bibliotecas públicas e escolares por un sector conservador da sociedade norteamericana, que consideraba escandalosas as páxinas nas que o protagonista aparecía espido.
Para nós que vivimos no souto reflicte con perfección e delicadeza tanto a infancia na figura de Miguel,como a sensación de estar inmerso nun soño máxico, pois como se move, como flota no leite, como a masa o envolve é adentrarse na cociña e participar da elaboración do pastel, da bica ou do que cada un queramos a partir da marabillosa sensación de acougo e felicidade que produce.

Recomendámolo no souto por atemporal e por provocar sorrisos!


3.24.2014

Remexe e interactúa


A primavera é unha festa no souto, temos ata música con moitos paxariños a cantar. Miles de flores, miles de verdes, estalotes, chuchameis, fiuncho, fentos e árbores con flores, todos a agromar acompasados. E nas cidades? Nas cidades hai animais que reciclan, que alegran a paisaxe gris e escura, aventureiros, que son a ledicia dos máis pequenos, que os miran con admiración e misterio. 
Hoxe presentamos O misterio do lixo mutante, unha obra de Carlos Freire con ilustracións de Alfonso Martínez e de Pedro Pablo Moreno.
Protagonizada por catro gatos da rúa, Fiz, Carlocho, Felisa e Nébedo, atopan entre restos de comida unha botella cuns estraños xeroglíficos. A curiosidade por coñecer o autor da misteriosa mensaxe levaraos a vivir múltiples aventuras, a escoitar historias entretidas e descubrir segredos do mundo da reciclaxe. Sushi Books ofrécenos un libro co que poder interactuar xogando e aprender sen decatarnos. Os pequenos poden participar axudándolles a resolver o misterio aos protagonistas grazas a pistas, test e mensaxes en clave que aparecen nesta obriña. 
De lectura atractiva, achégalles por medio do xogo, unha concienciación sobre os beneficios da reciclaxe e o respecto ao medio, ou como se non o facemos podemos prexudicar a vida no planeta. Tamén podemos aprender do importante legado doutras culturas e moito da amizade, o que significa escoitar e amar.
Esta obra publícase dentro da colección Intermedio e vai dirixida a lectores de Primaria. A súa estrutura é útil para divertirnos ao mesmo tempo que gozamos de mundos distintos. De seguro que non volves ver un gato de rúa de igual xeito!

3.20.2014

Ucraína

Tras unhas semanas de descanso e cun horizonte ateigado de contos, con carballos inzados de bugallos e moitos castiñeiros novos a agromar, a primavera trae un ronsel de lecturas acaídas e suxestivas, para sentar esta primavera a ler.

Esta semana falamos de O agasallo de Anya, de Sabela Núñez Singala e ilustracións do gran Xosé Tomás na editorial Galaxia. Un libriño xeitoso e moi económico dentro da colección Árbore, para nenos a partir dos dez anos, que profunda na infancia de dúas cativas de once anos. Xiana e Anya, de moi distinta procedencia, pero que comparten o feito de ter os mesmos degoiros, posúen as mesmas gañas de ser felices e, sobre todo, esa sensibilidade especial que fai que un personaxe guste. As súas realidades son distintas e os medios económicos tamén. Mentres Xiana é unha nena galega de pais traballadores que vive ben e incluso con certos caprichos electrónicos, Anya sobrevive nun fogar infantil, a pouca distancia do seu irmán Shasha e separada da súa nai. O seu estado de saúde é delicado por que pasan frío e os invernos en Ucraína son difíciles. A amizade axuda nos cambios.  Hai algúns anos que explotou unha central nuclear no seu país e iso fixo que non estean todo o ben que debe ser. De total actualidade, agora todos sabemos situar nun mapa onde queda Ucraína debido ao conflito con Rusia. As dúas nenas compartirán unhas curiosas coincidencias e experiencias e, entre elas, o feito de escribir. Como o mundo pode ser ás veces tan pequeno?
Outro valor engadido desta obriña son as ilustracións de Xosé Tomás, que deseña espazos do relato con moito detalle, un realismo fantástico e cheo de precisión, a pesar da escala de brancos, grises e negros.
No souto recomendamos esta lectura polo poder que ten a obra de identificarse cos lectores nunha etapa de preadolescencia, ás veces coa problemática de non saber como enfrontarse a ela. Cremos que pode ser unha ferramenta para profundar na exploración dos sentimentos e para conformar a personalidade practicando ao mesmo tempo a escritura e o vocabulario.