4.28.2014

Xa sabemos dicir NON!

 Saloucan os bugallos na fraga, suspiran as follas dos castiñeiros e as poucas flores que asomaron nos días da incerta primavera que vivimos, agochan timidamente o seu arrecendo. No souto estamos coma vós, desexando saír ao parque, cun forte anceio de poder sentar a ler na herba. Mentres, para entreternos, seguimos apostando pola lectura, polo sentar aínda que sexa apoiados no peitoril das ventás vendo a choiva que non cesa entre conto e conto.
A colección Álbum, Sushi Books incorpora dous novos títulos que hoxe presentamos. Pertencentes á serie islandesa de monstros protagonizada por Monstro Pequeno e Monstro Grande, trátase dunha divertida proposta que fará sorrir a máis dun cativo nesa fase que entrecruza o escatolóxico e o atrevido. Bemvidos ao mundo do espectro, do monstro pero de xeito didáctico, frivolizando medos e axudando na socialización e no manexo dos sentimentos. Ambos os dous personaxes ensinaránlles aos máis pequenos, como lidar co que eles senten e moitas veces non dan expresado. Os monstros grandes non choran é como se chama o primeiro volume que trata de xestionar o fracaso. A Monstro Pequeno todo lle sae xenial. Pola contra, Monstro Grande é tremendamente zoupón. Monstro Grande ponse cada vez máis triste, pero que pode facer? Todo o mundo sabe que os monstros grandes non choran… Escrito por , que tamén é a ilustradora, é unha proposta sorprendente moi ben editado en tapas duras que garda unha estupenda relación calidade prezo, pois só custa doce euros. 
O Monstro Pequeno di NON! é a segunda obra desta colección que presentamos como novidade de abril e que conta como cando Monstro Grande peta na porta de Monstro Pequeno, só hai unha resposta posible: Non! Monstro Grande non se porta ben e non é un bo amigo, pero promete cambiar, e Monstro Pequeno dálle unha nova oportunidade. Este orixinal e divertido libro fala da amizade, de como relacionarse, da boa educación e da pequena palabra Non!, que ás veces hai que saber usar con firmeza e xeito. Atreverse a dicir non aforra tamén sentimentos angustiosos e libera á vez que dá confianza nun mesmo.
No souto recomendamos estas magníficas propostas de Sushi books por que reúnen dúas cousas diferentes que son necesarias nun conto: unha boa e suxestiva historia e un carácter didáctico innovador por medio da identificación do neno co que está a pasar nel.




Das divertidas ilustracións de Áslaug Jónsdóttir só temos que dicir que é  unha ilustradora, escritora de libros infantís, artista e deseñadora gráfica. Pola súa obra recibiu varios premios, como o Premio Dimmalimm pola ilustración de libros para a infancia, e foi destacada cunha mención especial do White Ravens e para a lista de honra do IBBY.

4.21.2014

Lamber unha tella de chocolate



No rebusque e entre as follas que aínda permanecen no chan, o verde tingue a fraga, vizoso, despois de meses de ausencia de sol. Hoxe presentamos dous volumes de Oqo Editora dentro da colección O, que están financiados co apoio da Comisión Europea, consciente do valor da lectura e dos valores transversais que se atopan agochados nos contos.
Aínda que en moitas casas as cousas xa cambiaron, son moitas, moreas, nas que o papel da muller asume toda a carga da familia e das tarefas do fogar, incluso despois de dedicarse ao traballo fóra dela. Conscientes de que o único camiño é a educación das novas xeneracións e tendo como arma o álbum ilustrado Oqo Editora aposta unha vez máis por tratar temáticas que axuden na formación dos pequenos. Maruxa, de Eva Mejuto e Mafalda Milhoes está baseado na canción popular polaca Maryna gotuj pierogi, unha das máis coñecidas do repertorio folclórico do país. Fixéronse diversas versións, desde orquestas sinfónicas, a solistas, grupos de jazz, rock... Este texto, en versos de seis sílabas, ideal para practicar na escola e achegar os cativos á poesía, busca manter o ritmo da canción orixinal. Do mesmo modo que esta, a autora presenta a historia en forma de dialogo, xa que o relato se basea, principalmente, na rifa que inician Maruxa e o seu home, Pepiño, cando este lle pide que faga o pan.
Unha repartición mal feita, na que Maruxa asume toda a carga, provocará que este astuto personaxe, a protagonista, lle diga á parella que non poder facer o pan porque lle faltan todos os ingredientes (fariña, auga, lévedo e sal). Daquela, decide pedirlle ao seu home que os vaia buscar, só que, a modo de escarmento aleccionador, vaillos pedindo un a un, co esforzo engadido que isto lle supón a Pepiño.
El vai facendo, un a un todos os recados cada vez máis desmesurados como o de ir buscar sal ao mar, pero sempre se atopa con que volve faltar algo e ten que emprender unha nova e esforzada aventura para conseguilo.
Cando por fin Maruxa ten todos os elementos, di, ironicamente, que está moi cansa e será a el a quen lle toque, tamén, amasar o pan. Deste xeito, a través do enxeño e do sentido do humor, consegue que Pepiño entenda, por experiencia propia, o inxusto da situación que viviran ata ese momento, e comprende que, tanto o traballo como o lecer, deben ser cousa de dous. Este é o verdadeiro transfondo da historia: o cambio de actitude de Pepiño respecto de Maruxa, que se evidencia e reforza a través do traballo da ilustradora portuguesa Mafalda Milhões.
As ilustracións de Mafalda Milhões fan cobrar vida aos protagonistas por que os caracteriza con trazos hiperbólicos, mostrando deste xeito os diferentes estados de ánimo, amosando cando están enfadados, cansos, tristes, a tramar... De igual modo, non faltan nas páxinas deste álbum os detalles, tan característicos na artista lusa, que transportan o lector ao universo da cociña e a tamén a Polonia (muíños, paisaxes e barrios típicos do país polaco). Así como a presenza constante do canciño que os acompaña todo o conto e que acaba sendo, dalgún modo, cómplice da situación. Unha casa moderna con presenza de elementos actuais (ordenador, radio, lavadora...) completan a total identificación cunha trama que pode ser máis moderna e indesexable do que a priori debe ser. 

Maruxa e Pepiño vivían na aldea.
Maruxa cosía, varría e labraba.
Benito cantaba, folgaba e durmía.
Mais un día...



O segundo dos volumes que aquí recensionamos é todo un clásico dos irmáns Grimm, unha obra que esperta sorrisos e coa que todos nos pomos larpeiros desexando lamber unha tella da famosa casa da bruxa. Trátase dunha adaptación do famoso conto que narra como, abandonados polos seus pais, Hansel e Gretel se perden no bosque e atopan unha casa co tellado de chocolate, paredes de mazapán e fiestras de caramelo. Mentres gozan dos marabillosos manxares, unha malvada bruxa espreita e os arrastra cara ao interior da casa. Alén doutras versións nas que á situación de pobreza da familia se lle engade a crueldade dunha madrastra (a partir de 1819) , na súa primeira versión de 1812, os irmáns Grimm falaban de nai e é así como se vai tratar no álbum que nos presenta Oqo Editora.
Neste conto, aparecen tamén os conceptos de perdón e de xenerosidade. Os nenos non gardan rancor aos seus proxenitores e, ao seu retorno, todo volve á normalidade e comparten os tesouros non só cos pais, senón cos habitantes da rexión.
Grazas á astucia de Hansel e aos coñecementos que Gretel ten das propiedades das prantas, sen desfalecer diante da adversidade, son quen de superar os problemas e acabar coa bruxa.
En certo modo, Hansel e Gretel son os auxiliadores, como apunta a ilustradora Iratxe López de Munáin: “Trátase dunha viaxe iniciática en que os dous irmáns se ven obrigados a enfrontarse a situacións hostís que lles fan medrar para converterse en salvadores da situación de miseria en que vive a familia.” Nas ilustracións, combina a técnica do gouache, que aporta planos de cor uniformes, cos lápices de cores, que ofrecen masas de textura. Ademais, utiliza unha paleta de cores concreta para recrear dous ambientes ben separados: os azuis, grises e amarelos para o bosque e os morados, vermellos e rosas para a bruxa. O branco xoga un papel importante para crear distintos planos nos que se desenvolve a escena, dentro dunha mesma imaxe. Así, consegue plasmar dous mundos nos que calquera cousa pode acontecer, onde viven seres de todo tipo; algúns, agachados no bosque, acompañan os protagonistas na súa viaxe; outros, pola contra, observan todo o que pasa na casa da bruxa. Precisamente, este personaxe foi o que máis chamou a atención da ilustradora: “Quería que tivese unha gran presenza e que contrastase coa aparencia doce dos nenos.” Ademais, engade outro personaxe: un can negro, o seu álter ego, que a acompaña nas súas emocións.
Iratxe López de Munáin conseguiu facerse co Premio Europeo Cociña de contos á mellor proposta de ilustración para o álbum ilustrado Hansel e Gretel, no marco do proxecto europeo: Europa á carta. Este libro é o resultado deste premio, que tamén vai acompañado dun CD de música gravado pola Orquesta Filharmónica Cidade de Pontevedra, que recolle unha selección instrumental de distintos fragmentos da ópera Hansel e Gretel. Esta ópera foi composta en 1891 e 1892 por EngelbertHumperdinck, con libreto da súa irmá Adelheide Wette, baseada no conto dos irmáns Grimm. Un agasallo ideal para calmar e educar na música, facendo oídos de xeito delicado e harmonioso.
O texto perfectamente adaptado por Tina Meroto redondea unha proposta clásica da que todos deberiamos gozar xunto os pequenos da casa.


4.09.2014

Asulagada memoria


Parece que a primavera non se atreve a manifestarse de todo. Este ano vén cargadiño de auga e a friaxe non quere abandonarnos. En vez de sentar a carón dunha árbore, un castiñeiro é sempre unha boa elección, sempre podemos facernos cun sofá deses da casa que xa ten a nosa forma para ler. As rutinas axudan por que se ti es lector, se che gusta ler, as historias que che contan na tele van ser en comparación moito máis aburridas, ruíns, así que anímate, sóltate, dilles aos teus pais que queres mergullarte na lectura, que se estiren un chisco ou, se non hai forma, vai á biblioteca!
Nesas marabillosas estancias que son as bibliotecas podes atopar moitas e divertidas aventuras como a que hoxe presentamos de Edicións Embora, con autores galegos que posúen un enxeño singular, como Concha Blanco. O libro que hoxe presentamos chámase Cos ollos do avó e ademais está ilustrado polo gran Xosé Tomás.  É unha noveliña que nos conta unha historia similar a outras que aconteceron no noso país, o asulagamento de vilas para construír encoros, e que nos axudan a comprender como se sentiron os habitantes destas poboacións, das inxustizas, da ligazón coa terra. Algunhas desas vilas cando baixa a auga dannos a magnitude da traxedia que debeu supor o seu desmantelamento, é o caso de Portomarín que cando baixa o nivel da auga pode verse moi ben
. A historia que se nos conta é a de Sofán do Val, que desaparece do mapa por decisión do Goberno e pasa a ser un encoro. Os seus habitantes tiveron que asentar noutros lugares de Galiza como lle ocorre ao señor Noé quen, con Isaura, a súa neta, fai visitas ao que foi o seu fogar. É unha historia moi fermosa que nos conta da complicidade que hai entre os netos e os avós, os puntos de unión (como o gusto pola natureza), a presenza dun tempo que se perde, que esvaece, esa conexión máxica que hai entre vellos e nenos en que se transmiten valores únicos e positivos das vivencias. E que dicir de Xosé Tomás, das súas marabillosas ilustracións feitas en branco e negro, con ese trazo que o define, o de conseguir captar a esencia do realismo da historia. Ninguén coma el para amosarnos esa realidade vizosa no detalle, unha delicia para os que non sabemos case nin coller un lapis. Esta obriña xeitosa é a esencia da tradición e a dozura ben narrada e transmitida, esa que todos os que gozamos dos nosos avós e imos xa algo maiores non imos esquecer endexamais.