7.09.2014

Eu teño alguén no meu corazón..



Un día do mes de maio sonou o teléfono dos do souto e ao outro lado apareceu Magín. Así, coma un ballón, coma o trasgo que é, de súpeto. Nós, os brabádegos, levámonos moi ben con el. Así que quedamos  para tomar para un café e, falando e falando, tivemos a opurtunidade de escoitar en primicia o que hoxe xa é unha realidade, un novo traballo de María Fumaça. Xiqui Xoque, Fiú, fiú!, o novo de Sonárbore, de Galaxia, a bomba do verán xunto con Estamos no verán!!!, de Xoán Curiel e Charo Pita (en breve falaremos del).

Foi escoitar o primeiro minuto do primeiro tema e sen sabelo empezamos a mover os pés, co segundo minuto ficamos namorados da marabillosa voz de Ainhoa, Denís, Irea, Carme, Erea e Ruí, os pícaros desta impresionante familia capitaneada por Uxía, Sérgio Tannus Issac Palacín. E a cousa non quedou aí, tema tras tema, peza tras peza, transportámonos a unha eterna romaría, ao campo da festa da aldea mentres corriamos entre a xente ou xogabamos debaixo do palco, por que así, como non quere a cousa, este libro-disco, con ilustracións de P. Pastor, méteseche no corpo, na alma, no corazón. Se a música convida a bailar sen resistencia, as letras son alucinantes. No souto destacamos como superimportante a transmisión pedagóxica que se fai da lingua, xa que Xique, xoque, posúe un marcado carácter transversal.  Nel se lle canta aos números, aos peixes, á lúa (devezo inconfundible de miles de cativos), aos libros, combate os medos, traballa a psicomotricidade e pula da identidade nosa, da nosa raigame e, todo isto, mentres canta o galo e un guapísimo e tenro Ruí transmite amor. Redondo e especial con DVD karaoke!



Recomendadísimo traballo este da locomotora cafeteira Familia Fumaça  que vai arrasar, con Ainhoa, Erea, Denís, Carlota, Paulo, Joao, Anxo, Xiana, André, Xandre, Carla, Noa, Laura e Óscar. Antonio López Castillo, Xoel, Cote, Santi Cribeiro, Héctor Lorenzo, Serginho Sales, Chus, Magín...

7.01.2014

Pola sabana camiñando, camiñando...


Entre a montaña de libros que habitan no souto hai dous que nos chama a atención. O verán non dá arrincado mais as súas cores e os seus deseños transpórtanos, lévannos de safari e fannos soñar ao caloriño de cores atípicas e de figuras esquemáticas. Non haberá neno que non diga que este conto é do seu agrado, nin pai que se resista a un sorriso roubado. Elefante comellón, de Rafael Ordóñez e Marc Taeger publicado por Kalandraka é un libro para amosarlles aos nenos, para falarlles de animais e de froitas. Aglutina enxeño e unha proposta orixinal na que se esvae o carácter depredador dos animais salvaxes. Trátase dun libro divertido protagonizado polos animais da selva que se erguen co antollo de comer unha froita. Na súa procura intervén a poesía e doses de humor acompañadas todas elas polo marabilloso traballo de Marc Taeger, un dos grandes ilustradores contemporáneos namorado da nosa terra. A aparición do elefante comellón e do seu doutor, xunto con ese carácter insaciable, constrúen un final esperpéntico e cargado de humor. Este álbum está destinado tanto a prelectores e como a lectores autónomos.

O traballo de recuperación dos clásicos por parte de Kalandraka para a formación dos nosos é do melloriño. A editorial vai publicando volumes que gozan e gozaron de prestixio internacional e son un agasallo atemporal para os nosos pequenos e para nós. Adelaida, Tomi Ungerer na colección Tras os Montes é boa mostra dese traballo de incalculable valor.  Aínda que Adelaida é un canguro diferente, esa cualidade que a distingue dos demais canguros non lle impide perseguir os seus soños, abrirse ao mundo para adquirir experiencias e facer amigos. Este clásico fabulado de Tomi Ungerer trata sobre a identidade, a necesidade de equivocarse e a necesidade que temos todos de ser felices, de buscar o que nos gusta ser e onde nos sentimos máis cómodos. Adelaida é un contiño que reúne valores, transmite autoestima, superación e sitúa os lectores ante unha serie de escenas inxelas, suavemente coloreadas, nas que destacan a expresividade da protagonista, a súa sensibilidade pola arte e a súa valentía. Co estilo característico, o autor tamén verte doses de tenrura, humor e amor nas páxinas deste álbum. A edición, como sempre, dirixida a nenos a partir dos sete anos, unha marabilla chea da delicadeza que só Kalandraka é capaz de transmitir.