10.30.2014

Ser ti, ser maxia, desexar

A maxia enche estes días de Samaín galego, de magostos e de recolleita de colleitas e de cogomelos, un tempo de tradicións ancestrais, de pantasmas, de gatos negros, de meigas, de curuxas, de esqueletes, de castañas e soutos milenarios. 


Hoxe presentamos unha novidade de Hércules Ediciones dentro da colección Novas Lecturas de Hércules. Trátase de O desexo do gato Klops, con textos e ilustracións da bióloga catalá Estefanía Padullés adaptada moi ben ao galego pola lingüísta e tradutora Charo Baleirón Soñora para cativos a partir dos tres anos. Magnificamente ilustrado, xogando coa cor azul e amarela ao longo de todo o volume, é un conto que nos fala do proceso de aprendizaxe necesario para recoñecer que somos valiosos e dignos de ser queridos malia non ser perfectos. O gato que desexa ser outro animal, ao presentarselle unha estrela que baixa pola cheminea, acaba por recoñecerse como única opción posible, por que todo o que quere, todo o que lle gusta facer, todo o que é el, en esencia, é o que máis lle gusta e, se fose outro, non podería ser. 
Potenciar a autoestima, saber quen somos e que somos únicos polo feito de selo é querernos, é ensinar amor, e este precioso volume de tapas duras, potencia o ser único, fainos medrar.
Gatos, arañas, ratos dragóns, paxaros e princesas son outros elementos presentes nun álbum cheo de encantamento e dozura que engancha pola engaiolante figura dun micho singular.

10.15.2014

A raíña da cociña: Escarlatina.

Hoxe presentamos Escarlatina, a cociñeira defunta e facémolo como se fora unha ponla máis dos nosos castiñeiros, un dos nosos ourizos, unha castaña doce e saborosa. Dicimos nosa co permiso da gran Ledicia Costas, coa licenza do seu ilustrador, o magnífico Víctor Rivas, e coa complicidade de Xerais extensiva a Manuel Bragado, Celia Bouzas e Helena Pérez. Hai uns meses, en xuño deste ano, tivemos a oportunidade única de formar parte do grande espectáculo dos premios Xerais, aterramos por vez primeira como xurado por todo o alto, desembarcamos na illa canda a Miguel Vázquez Freire, Nuria Díaz, Eulalia Agrelo Costas, e Mª Isabel Vázquez Rosales. E limos moitas obras, algunhas verán a luz nestes meses, pero ningunha como a que hoxe temos o gusto de recensionar: o premio Merlín 2014!
No souto tivémolo claro nada máis abrir o manuscrito pola lingua empregada, pola adecuación á idade, pola temática, polo humor delirante e, sobre todo, pola orixinalidade. Escarlatina.... é a historia dun raparigo que quere cociñar, quere experimentar e que, sen contalo, topa cunha cociñeira singular, unha araña afrancesada e unha sorte de personaxes a cada cal máis estrambótico. É a historia dun reencontro cun ser querido, o tenro avó que tanto estraña. É unha historia de solidariedade, dunha boa acción, do risco do amor, unha viaxe a un mundo descoñecido, o inframundo, con Nicotina icluída. É un libro didáctico no que se presentan unha sucesión de personaxes singulares, espazos únicos, sorpresas, nunha marabillosa e delirante apoteose creativa. Así mesmo é perfecta a concepción da autora do que debe ser unha obra infantil. É sobre todas as cousas, unha clara incitación á lectura. E... por se isto non fora pouco, enche un espazo, o da cociña, o da experimentación, o do xogar con eles prescindindo de adiccións innecesarias e da televisión. Todas as receitas poden identificarse facilmente e, se as facedes xuntos, son realizables!
Ler libros como o de Escarlatina, a cociñeira defunta, é unha gozada. Mais gozada sería vivir nun país normalizado porque estariamos diante dun auténtico filón de figuriñas que agasallar no Samaín, un mundo de técnicas de mercado onde colocar a Lady Horrour, a araña, o gato Dodoto, os funguiños, un xogo de pterodáctilos, un disfraz de Amanitos, un scalextric co circuíto da carreira...
Basicamente, sería un universo chulísimo como o que deseña Víctor Rivas, que lle pon cara e con nota, a todo o que todos soñamos cando tivemos a sorte de ler a xenial Escarlatina, a cociñeira defunta.

No souto non só recomendamos que calquera pai ou adulto aposte pola súa lectura, animamos a todos os centros para que inclúan unha obra tan traballable desde o punto de vista educativo, con valores transversais e ademais.... por riba de todo... superdivertida!

10.08.2014

Non deixemos esmorecer o noso!

O tempo mudou, as folhas cóbreno todo nun máxico espectáculo da natureza, os tons ocres, dourados, verdes e marróns asulagan vales e serras, fragas e soutos. Miles de ourizos e as primeiras castañas achégannos a un período que se presta para xogar nas casas, para apagar a tele e comezar a ler. 
Se hai algo que marabilla os pequenos é o escenario, sentar no patio de butacas e que o pano suba. Os ollos abren como pratos fondos e a soñar...

O teatro galego de sempre foi un xénero ateigado de creadores con talento, que loitaron pola nosa identidade e polo noso idioma. Son editoriais como Positivas, Baía ou Embora as que apostan por este xénero con máis determinación. Hoxe presentamos unha obra de Carlos Labraña, actor, dramaturgo e investigador teatral galego. Integrante do colectivo Garola, dedicado á difusión do teatro infantil, é desas persoas que miran polo noso, que se converten en imprescindibles por que loitan por preservar a cultura con medios que na maioría dos casos son escasos. Recoñecido con premios como o Xeración Nós, Meiga Moira ou o premio Estornela, a implicación da xente da escena ante o pouco apoio institucional á cultura é máis que de agradecer.
Edicións Embora dentro da súa colección Tren das Cores contribúe a espallar a maxia da escena cunha obra vangardista, moderna, onde unha nave espacial aterra para nos entreter.  A fraga das árbores das palabras cóntanos a visita duns marcianos que seica forman parte dunha civilización avanzada que coñece os pasos científicos precisos para que ninguén pase dor, ninguén pase fame, todos sexán iguais, todos falen a mesma lingua; mais tanta amabilidade, tanto interese por substituír os costumes propios, leva a que se cree unha resistencia. Rapaces e rapaces do país desconfían da súa intención de eliminar o deles, de destruír a súa identidade e resístense a vencer polo novo, polo que procede doutro mundo. Roi, Antía, Iago e o bibliotecario son conscientes de que as autoridades se deixaron vencer polo encanto duns marcianos que aos poucos pretenden convertelos, borralos de identidade, asimilalos. Algo terán que facer para gañar...
A fraga das árbores das palabras, de Carlos Labraña, é unha obriña moi atractiva para a posta en escena, didáctica e actual, e recomendámola no souto para practicar a dicción dentro da aula a partir dos sete anos. É útil para que os pequenos venzan o medo a falar en público e ao mesmo tempo, traballa a competencia oral da lingua, eiva máis que importante que se presenta na actualidade. Así mesmo, profundar no amor á lingua e na consciencia de que pertencemos a unha comunidade, a un país, é algo primordial. A aproximación ao teatro potencia neles a autoestima e o traballo en grupo. Atrévete!