11.26.2014

Aprender a sentir: deixarse ir!

Moitas veces os nosos pequenos frústranse, choran, rabean, caen nunha continua perrencha que non ten fin, andan enfurruñados ou preocupados, non acougan, non saben o que lles pasa, cisman e os adultos e eles mesmos non saben que facer, como apagar ese lume interior da mellor maneira. Moitos sentimentos non sabemos como conducilos, como aliviar esa impotencia que moitos senten. A medida que van medrando adoitan reconducilos pero non sen antes sufrir. Baía Edicións aposta por afrontalos con decisión e da man de Mireia Canals cunha colección con nove títulos publicados e nos que se trata a morte dun ser querido; a raiba que temos ás veces xa cando comeza o día; a alegría feita estrelas; a tristeza que nos produce perder ou romper algo que queremos; o medo á escuridade, a preocupación por alguén importante nas nosas vidas; a asertividade ou como aprender a defender o noso, a impulsividade e como pensar antes de facer as cousas e a tranquilidade ou como controlar os nervios.
Trátase dunha colección que tenta educar na educación emocional, unha aprendizaxe que dá o mellor dos resultados. Na casa e na escola, as persoas maiores encargadas da nosa educación ensínannos a comer ben, coidar do noso corpo, a ler, a escribir e moitas outras cousas e esquecen dicirnos, igual por que eles mesmos non saben como, como actuar cando tes medo, discutes coas túas amizades ou tes ganas de chorar, por exemplo. Iso chámase educación emocional e é algo moi importante nas nosas vidas, porque a forma en que nos sentimos e comportamos cos demais ten moito que ver coa felicidade. Educar en valores e ser empático determinará o seu crecemento e os axudará moito.
Os libros desta colección falan diso, dos sentimentos e as emocións: primeiro aprendendo a recoñecelas (decatarme que estou triste); a saber expresalas (dicir "quérote", "estou triste" ou "síntoo"); tamén aprendendo a autocontrolarse (pensar antes de falar ou pegar), a facer amigas e amigos; e, finalmente, a ser responsable. Ao final de cada volume podes atopar unha pequena guía para traballar o que acabas de ler. Cada contiño ten como protagonistas a dous irmáns, a Ana e a Xabier, acompañados polo seu can Flip ou non, son libriños que non chegan aos sete euros, ideais para lerlles antes de durmir, para traballar nas aulas de Primaria e Infantil, xa que fan reflesionar os nenos con historias que lles son próximas, cousas do cotiá representadas nas preciosas e expresivas ilustracións de Sandra Aguilar. 









11.18.2014

Verme canteiro, ti que fas versos!


O vento frío da invernía move as nosas ponlas, sacode as nosas follas, ispe os nosos corpos, múdaos e fai que soñemos ao abeiro da manta, na aula da man do profesor, coa voz que nos aloumiña polas noites antes de durmir. Deixámonos levar pola poesía, seducidos pola maxia das palabras, polo ronsel do seu significado e o poder da imaxinación. A poesía é nosa, permite que volquemos nela as nosas vivencias, que reparemos nas cousas miúdes e observemos de xeito distinto a realidade, que nos identifiquemos, que llela roubemos aos poetas e, sobre todo, permite que expresemos o que levamos dentro, que vertamos e conduzamos os sentimentos. É tan reparadora, tan útil, que hai que fomentar o seu uso dentro da aula, pero tamén nas casas, xogando, provocando a súa curiosidade, explicándoa devagar e con dozura coma se estivesemos axudándolles a atar os cordóns das botas ou a rubir a un enredo deses do parque.
Do laborioso labor do poeta é froito o libro que hoxe presentamos, en realidade preséntase este venres en Bandeira ás oito da tarde na Casiña dos Contos coa presenza de David Otero e Francisco Castro. Trátase de Vagalume de versos, escrito por unha María Canosa que non para de crear, totalmente inspirada e ilustrado con dozura por Iago Puentes Fernández.
Este volume é coma un verme de luz, un Vagalume de versos, fermosos, atraentes, unha estrela no xardín que fai a cama entre as follas, un Carballo rexo ao que no souto lle temos respecto, un Papaventos de ollos pintados. Son anaquiños de Nada, un Biscoito no forno para o almorzo de mañá con anacos de noces; é unha Abella, unha Viaxe, a Herba mol e unha Pelota canda a Lúa e o Sol.
Un magnífico traballo para pequenos na colección Árbore de Galaxia para cativos de oito anos que no souto recomendaríamos para todas as idades se a lectura a guía un adulto con amor, como ten que ensinarse a poesia ou con dozura e un sorriso, a mesma que nos transmite a autora.

O baile

Meniñas da vila
hai festa hoxe, 
iremos xuntas
subide ao coche.


Bailemos contentas
ata o amencer,
toda esta noite
os pés has mover.

Un valse por aquí,
a muiñeira por alá,
seguimos cun tango
e agora o chachachá

Tamén  poderemos
bailar unha sambam
un áxil merengue,
e ao final unha salsa.

Xa pouco queda
desta noite moura,
cando marchemos
acábase a troula

Veña amiguiñas,
a festa acabou,
xa non queda baile,
xa todo calmou.

11.13.2014

Entre bolboretas carnívoras e mulleres-dragón!

Hoxe presentamos no souto As aventuras de Enrico Müller, de Xavier Frías Conde con ilustracións de Enrique Carballeira en Rodeira, a editora galega de Edebe. Trátase dunha orixinal e divertida trama creada por este escritor xa especializado en historias de aventuras e cunha dilatada experiencia en literatura para nenos (Recomendamos a lectura de O caso máis estraño do detective Marschen). Enrico Müller é un vendedor de cintos de seguridade polo día, pero pola noite convértese nun incrible cazador de criaturas estrañas que poñen en perigo a seguridade e integridade dos humanos. No seu propósito de reducir e entregar a seres como dragóns ou bolboretas carnívoras, fíxase obxectivos e metas ata que dá coa muller-dragoa, coa que mantén unha conversa e sabe así dos seus problemas, da parte que nunca vira. Ao vela soa e con medo Enrico renuncia a entregala, non quere facerlle dano, sente unha necesidade imperiosa de protexela, e o amor e a solidariedade farán o resto. Enrico Müller, o gran cazador de dragóns e criaturas estrañas, fará algo que o cambiará todo...

Trátase dun volume de 56 páxinas para cativos de oito anos en diante, de lingua coidada e atraente, para estimular a un lector que está empezando e cunha historia amena e máxica que conecta moi ben co universo que se pretende fomentar a estas idades. Un conto que combate erros e prexuízos e que fomenta o amor e o respecto ao diferente, un acicate para coñecer e desde o coñecemento camiñar cara ao amor. Este traballo complétao maxistralmente un mundo especialmente orixinal e en detalle creado polo ilustrador Enrique Carballeira que destaca por unha grande expresividade e frescura.


Bo agasallo e económico é isto da literatura!

11.04.2014

Atención, atención... comeza a función!

Chove, comeza o tempo do frío, de meter os pés no forno, da mantiña, de intentar entretrer os máis miúdos con cousas produtivas, sen aparcalos diante da tele, participando con eles, complementando os contidos do cole, axudándoos a soñar, potenciando a súa creatividade infinita... de ler!


Hoxe no souto presentamos unha novidade, unha editorial que se suma ao souto, unha proposta divertida e lúdica, unha sorpresa acaída para a representación. Pasen e Miren, da Editorial galega Bululú, escrita por María Canosa e ilustrada por Dani Padrón, un par de mans que se unen perfectamente coma o pan á nocilla, coma os grelos ao lacón, coma as castañas ao magosto. Dicimos que é unha novidade divertida e unha sorpresa para a representación xa que é un libro que fala do circo, de personaxes singulares que pululan polo libro adiante, cada quen máis orixinal, cunha biografía creada ad hoc. Trátase dun volume que pode dar moito xogo se o representamos na casa, para ler dun tirón, para dosificar por días ou se o presentamos a viva voz acompañando a Amelia a xirafa como se fosemos ela. E quen non ten bonecos deses dos dedos na casa? Pois poderemos comezar coa función da man dos Bonitos, de Berta, a rapaza á que lle gusta enrolarse, dos tres tigres fartos de comer trigo, de Leoncio e a súa peculiar dieta vexetal, dun elefante elegante, de Prudencio e o seu canón, de Camilo o mago, da nena equilibrista...
En resumo, vén sendo unha obra moi asequible, só 13 euros, dunha manchea de
personaxes perfectamente dotados da personalidade que lles confire o inesgotable maxín de María Canosa e da singularidade especial e característican dos trazos de Dani Padrón. Estes dous autores son vangarda da nosa literatura infantil e xuvenil, unha parella nova que fai que se encendan as luces todas, que todo arrecenda palomitas, que a nosa imaxinación se active.
Entrar no mundo da maxia non che custará nada, comeza a función!