12.26.2014

Un paso para diante e outro e outro máis


Atónitos no souto vemos, vemos un elefante con plumas, un lobo que coida ovellas, un rato que caza gatos, unha vaca que dá mel... Como xa non chove e non vai frío, quitareime as botas e deixarei o abrigo, queremos sol!!!!!
Vemos case unha ducia de temas (once) nun libro-disco a cargo de Pilipampo ou Vagalume, como vós prefirades, unha formación musical xa consolidada formada por Xosé Lois Xose Lois (Voz), Gala (Acordeón), Cristina (Frauta), Álex (Percusión Tradicional), Sergio (Guitarra), Antía ( Percusión) e tamén... Andrea (Voz), Arturo (Percusión), Tito (Baixo) e Erea ( Gaita). Pirilampo nace o ano 2010 e ten dous discos editados anteriores. Trátase de música tradicional en galego e este é o terceiro traballo que bota andar co nome de Lucecús e ilustrado con enxeñeza e cor por Federico Fernández na colección Sonárbore de Galaxia.


O son da gaita vai fiando un traballo concibido de xeito didáctico para a familia, para levar no coche, escoitar na casa, poñer na escola e, sobre todo, para bailar. Once lucecús para cantar e para sumar ás nosas voces e á voz da nosa Terra, a que nos define, anunciando a chegada do Apalpador, os nosos meses, lembrando a tradición interxeracional do contar contos, cantando do revés de xeito divertido e orixinal, lembrando arrolos con Pedro Chosco nunha festa de instrumentos en cada un dos temas.
Trátase este dunha festa moi nosa fuxindo do produto musical alleo coas colaboracións especiais de voces como as de Xosé Lois Seixo, Andrea Seijo Ares, María Xosé Silvar-Sés, Lydia Botana e a voz infantil de Antía Seixo Varela que, con apenas nove anos, convértese na voz sorpresa do libro-cd interpretando maxistralmente a canción A casa do tío Nicanor. Outro dos aspectos que subliñamos no souto é o tema once, dedicado a aqueles pequechos que empezan a dar os seus primeiros pasos que, coas ilustracións de cativos en mil posturas, pintando, facendo pis ou gabeando, é especialmente brillante.


No souto agradécense este tipo de cd repousados, sen estridencias, discos que podes meter no coche sen tolear das neuronas e que achegan dozura, máxia, amor á lingua de noso, festa con gaita, pandeireta, tamboril e tradición. Para nós, este, o de Lucecús, é unha obra que conxuga á perfección ensinanza, tradición e festa. Un traballo que, se ben non chega á altura do Pelogato 24, si é digno de agasallo de Reis.


12.12.2014

Roben por nós facéndonos cóxegas


Roben por nós e están presentes en todo o souto, de patas miúdas van lixeiras, moi ás présas, carrexando sen cesar. Esas son as que nós vemos a diario, pero hainas especiais: as que forman parte dunha brigada que vai a calquera recuncho do mundo para facerse cos casos máis enigmáticos e complicados. Trátase de Formig4s, a fantástica historia concibida por Pere Tobaruela e Andrés Meixide para mozotes e que atesoura un discurso literario orixinal ao combinar distintas tipografías, banda deseñada e unha trama orixinal.

Xerais aposta por esta serie intrépide da que hai dúas entregas xa, Formig4s Misión París e Formig4s Misión Nova York. Se Pere Tobaruela xa dera mostras de que o xénero policial ou detectivesco era o seu canda Ledicia Costas (Pereledi) en Mortos de Ningures ou Ouro Negro (Everest Galicia), agora con Xerais e acompañado por un delirante e espectacular traballo de Andrés Meixide bórdano. Formos4, Forx4n, Fornel4 e Form4il son os catro integrantes desta banda aventureira que investiga e resolve incógnitas como a misteriosa desaparición da Estatua da Liberdade ou o crime sen cadáver no labiríntico cemiterio parisiense de Père Lachaise.

En Brabádegos pensamos sen lugar a dúbidas que hai unha franxa de idade, en que se encadran os rapaces que teñen autonomía lectora, que demandan propostas divertidas e orixinais, que a lectura debe ser un acto de evasión dos problemas cotiás e unha alternativa a adicción tecnolóxica e Pere Tobaruela e Andrés Meixide dan na diana cunha proposta que fai do acto de ler un divertimento e non unha obriga con contidos didácticos, aprendendo cousas sen que o noten, espertando a súa curiosidade nun mundo que se lles abre.


Esta obra recomendámola no souto.












12.07.2014

Mestura de doce e salgado: un conto para degustar!


Onte, os do souto desprazámonos ao Culturgal e enchoupámonos de escritores e de editores, de xente da cultura facendo unha festa arredor da palabra. Nun momento da tarde estivemos cunha Soledad Felloza sen voz, sen ferramenta de traballo, pero cunha mirada limpa e transparente. Como no souto sabemos do seu galego lindo, do seu maxín, e da súa forza literaria, imos resarcila, imos falar dun contiño que chegou hai meses á nosa redacción, pero que por falta de tempo non tiveramos ocasión de presentarvos. Trátase da Cociñeira do rei, un volume editado por Oqo, e co que a contadora uruguaia, residente en Santiago de Compostela, gañou o Premio de Narrativa Oral Cociña de Contos despois dun proceso de selección entre 30 candidaturas de España, Portugal e Polonia.  O premio estivo aberto para contadores de España, Portugal e Polonia, que narrasen, en formato video, contos infantís que tratasen sobre comida, alimentos ou gastronomía, ben tomados da tradicional oral ou da súa propia creación.
Este fermoso álbum ilustrado da man de Sandra de la Prada cóntanos a historia dun rei que ten unha pena fonda, grande coma unha nube negra e os sabios do reino deciden que dea paseos e que leve unha boa alimentación, mais o problema radica en que o cociñeiro real marchou ao Xapón. Todos os cociñeiros do reino van ser candidatos, coas súas saborosas receitas, dun prato que debe gañar o posto de cociñeiro real. Mencía, unha cociñeira xenial, preparará co doce rimar piripau, de primeiro bacallau!, cebola, pataca, piñón, e sobre todo, corazón!, un prato tan especial que fará soñar, rebulir, voar ao carón do mar, a un rei feliz.
Trátase dun contiño que transmite a mesma felicidade coa que se gaña o rei, as súas ilustracións tan expresivas, transmiten iso, os personaxes axudan a ver a cociña, o feito de cociñar, como algo próximo, como algo co que gozar da vida. Soledad Felloza achéganos un punto de vista culinario divertido empregando rimas enxeñosas e doces coas que abrir as portas da imaxinación. O álbum pertence á Colección O de Oqo e serve para introducir os nenos no mundo gastronómico, no mundo máxico dos burbullares, das potas, das comidas ricas, dos sabores, porque a cociña ha de ser un gran xogo, unha oportunidade única para que as nosas mans se sumen ás miúdas e se enfariñen xuntas.
Un traballo, o de Soledad Felloza, que provoca un sorriso!



12.01.2014

Ese ser tan especial!


Ás portas da maior feira que ten que ver coa industria cultural deste país, o Culturgal, e con moitas sorpresas que alí e nos medios han de saír, hoxe presentamos dúas obras que se deron a coñecer o mes pasado. Falamos de Ícaro, de Federico Delicado, VII Premio Internacional Compostela para Álbums ilustrados 2014 e Quen é ese becho?, de Carmen Queralt, ambos publicados por Kalandraka.
Ícaro é un fermoso álbum ilustrado onde Federico Delicado harmoniza o texto e as ilustracións. Como ben dixo o xurado do Premio, composto por Ángeles Abelleira, Fina Casalderrey, María Castelao, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, Manuela Rodríguez e Joao Vaz de Carvalho, é moi contemporáneo dá “para pensar e sentir” pola súa capacidade para “aguilloar as conciencias, sendo provocador e esperanzador á vez”.O xurado do certame tamén destacou da obra gañadora a súa “perfecta simbiose entre texto e ilustración, na que no souto damos fe e a comparamos coa dozura que se desprende doutros álbumes tamén publicados por Kalandraka como Letras nos cordóns ou o poder da imaxe de Bandada. Cremos que é un álbum que ao igual que o xurado destaca, ofrece múltiples lecturas, e o protagonista convida abertamente a que nos deixemos arrastrar, a que non teñamos medo a voar, ríndose daqueles que quedan atrapados na seriedade da realidade (o médico que propón curtar as ás). É un relato a todas luces que convida a soñar e solapa esa realidade cruel en que por desgraza vivimos.
Valora a familia como eixe central, e segundo o xurado, desde o punto devista artístico, considera que rende “homenaxe aos grandes creadores, Franz Kafka e Edward Hopper”. A calidade plástica das ilustracións reflíctese, puntualizou o xurado, “nas atmosferas creadas que engaden profundidade e densidade á lectura”, con pistas que se apuntan en cada imaxe abrindo “a posibilidade a novas interpretacións”. É delicado e fermoso, cobre un abano de cores amable nas súas paisaxes e convida a ir un paso máis aló, a voar, a abrir a fiestra como o protagonista e a non ter medo. Na nosa opinión é un libro para todos os públicos e para potenciar que todos somos diferentes.


Outro dos volumes que presentamos nesta entrada é Quen é ese becho? de Carmen Queralt, ideal tamén para profundar na idea da idea do diferente, do que nos fai especiais, da autoaceptación. Nesta ocasíón falamos dun libro dirixido a prelectores, aqueles que non saben ler, onde o poder da imaxe é total, unha obra preciosa que amosa unha rica fauna diminuta, insectos, son pequenos bechos simpáticos, pequeneiros e grandes, que se amosan coa súa personalidade. Na etapa do crecemento de todos os meniños é habitual velos curiosos ao descubrir os insectos e, neste volume Carmen Queralt fabula coas súas formas presentando unha fauna que se caracteriza pola súa variedade. A descrición e as diferenzas están presentes ata chegar ao verdadeiro protagonista, que é o lector ou lectora. É unha obra cunha atractiva proposta visual. Nas ilustracións, realizadas coa técnica do colaxe, superpóñense trazos de cores, predominan os deseños básicos, as texturas e os contrastes cromáticos. O máis divertido desta  proposta de tapas duras é que existe un lugar reservado para o único protagonista, ese que temos na casa, ese becho tan especial!