3.19.2015

Aros de luz, a avoa e eu nun garaxe.

Desde que o souto é souto e nós somos brabádegos acabados de nacer sempre miramos con admiración as outas árbores autóctonas, aquelas que medran vizosas e serven de semente para os mellores exemplares. Nesta entrada de hoxe imos falar de Xoán Babarro, dese mestre, piar básico da LIX galega, da normalización na escola.
Edicións Embora tira do prelo Eu e nós durmindo nun garaxe con ilustracións de Antonio Seijas. Galardoado co Premio Arume de Poesía e co Pura e Dora Vázquez de Narración, Xoán Babarro atesoura unha prolixa obra e dentro dela a súa traxectoria conta cunha das características máis importantes, que é a súa impronta de mestre, de normalizador incansable, de transmisión de amor á nosa lingua. Eu e nós durmindo nun garaxe, constitúe por si mesmo un decálogo do que debe ser conxugar o papel de respecto cara aos nosos avós e unha obra dirixida aos nenos, de recuperación lingüística. Babarro cóntanos a historia dun garaxe, dunha avoa que lle ensina ao seu neto as cousas que poden formar del, anacos de historia galega. Nomes de obxectos que lles sonan tan próximos aos nenos da aldea e que custa recuperar e adquirir cando o asfalto nos rodea. Microxoias narrativas que definen a pexa, o angazo, as alforxas, a peneira, a roldana, as mulidas, o pote, a máquina de encher, os dedos de xigante, o endego, a grade, as carrancas, a taba, o sacho...
As ilustracións axudan á hora de imaxinármonos eses trebellos esquecidos e depositados, fío condutor da recuperación identitaria.
Trátase dun libro que transmite memoria léxica de xeito natural e fluída artellando pequenas historias que falan de trasnadas en forma de anaco de lúa ou de cabras coma Sinompoida, que poden predicir acontecementos. No souto recomendamos este libriño para lectores autónomos pola súa fermosura, xa que inclúe valores como o da igualdade e transforma aros de ferro de pipotes en chouchonas bolouchas con tituras de purpurina que engaiolan coma aros de luz.

Sem comentários:

Enviar um comentário