1.28.2015

Vogar sobre o mar do cuarto en que soña

Cando as follas caen tamén hai vida en nós, deixan espazo para que agromen outras, reverdecendo así, con forza, na primavera. 
Hoxe presentamos no souto a útima proposta de Kalandraka Editora, outra marabilla editada pola grande do libro ilustrado. A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani e do xa consolidado nos nosos andeis, o portugués Joao Vaz de Carvalho dentro da colección Maremar. 
Hai outros títulos que faltan de perdas na  nosa LIX, mais a dozura coa que este volume se ocupa da falta e da enfermidade dun ser querido como son as avoas é simplemente maxistral. É todo un exemplo de como tratar o Alzeimer e outros procesos que afectan de preto aos nosos maiores e de como presentarllos aos pequenos, que moitas veces non entenden o que está a pasar no seo familiar, con naturalidade e exquisito coidado emulando Á Bela adormecida do conto. Os protagonistas son un neno e a súa avoa, que desde hai un mes dorme, cando noutrora era un pilar moi importante na vida do cativo, facíalle pizzas, levábao ao parque, contáballe contos, dáballe aloumiños e, de súpeto, empezou a facer cousas raras. 
A tenrura transforma este álbum en papavento, en barco que voga sobre o mar do cuarto en que soña, en segredos que se transmiten ás caladas e con complicidade, en valse acompasado, en masa de pizza riquísima, en aloumiño de fase lunar, na deliciosa imaxe dun avó principesco dacabalo. Unha preciosidade que serve para despedirse cun sorriso.


Recomendámolo no souto e destacamos a tradución de Xosé Ballesteros



por conter esta as palabras precisas. 

1.18.2015

Non mires atrás!


O vento deste inverno frío que nos sacode, move as nosas follas, acariña a nosa cortiza, invita ao acubillo coa manta e un bo libro. Os nosos pequenos escollen as súas lecturas e, entre as que máis lles gustan, están as que representan animais, as que falan de tempos inmemoriables, onde o ser humano está en contacto coa terra, o mundo das tribos, África, terra, vida.
Hoxe no souto presentamos Quen pode vencer o vento?, de Charo Pita con ilustracións de Marion Arbona, un álbum ilustrado cheo animais e de enxeño, orixinalidade e ateigado de imaxes preciosas. Quen pode vencer o vento?, de Oqo editora dentro da Colección O, é deses libros que fan que os nosos nenos abran os ollos e reflexionen sobre conceptos, sobre o colaborar entre todos, sobre a importancia da humildade e da constancia, algo que serve para atallar frustracións e unha gran lección de vida.
Provoca neles que se cuestionen a velocidade do león como rei da selva, a astucia da hiena, a efectividade da lebre e miren cara á tartaruga, cara a ese animal lento, estático, carente da hiperactividade e da vistosidade que posúen, de feito inherente, os demais animais. A tartaruga deste conto é a que vence ao vento e trae a choiva a un poboado que sofre a seca, e Charo Pita manexa á perfección o xénero das fábulas, das que sempre podemos extraer ensinanzas. Trátase ademais dun álbum expresivo, dinámico e colorido grazas ás imaxes dunha sabana que nos achega Marion Arbona, que destaca pola súa luminosidade e polo movemento, por unha coidada posta en escena, influenciada, como ela mesma recoñece, polo grande creador xaponés Miyazaki.

É en resumo deses libros para reler, que provoca soños, cun vento que non volverá ser o mesmo cando o sintamos na cara, movendo  o noso cabelo, mecendo a roupa na trandeira.

1.02.2015

Ven, toma o meu corazón!


No souto hai tempo que temos o libro-cd de Magín Blanco e andaba a gatuxar polo souto. Nestes días de agasallos, de présas, de cativos, de maxia, anda a percorrer Galiza coa dozura que o caracteriza dentro do Falaredes, para nós é unha debilidade, e para moitos, é a ocasión perfecta de ver un motor incansable, provocador de soños, e responsable de que os ollos dos nosos cativos se iluminen moito máis coas luces do Nadal. Se non sabes que agasallar cando nace unha crianza, xa sabes!


O seu orixinal Gatuxo editado por FolMúsica e levado ao espectáculo baixo o epígrafe de Cantigas da Estrela é unha marabilla visual da que encantan os nenos, e sobre todo os bebés, con ritmos de percusión, guitarra, ukelele ou violín. Son dezaseis melodías en boca dun naipelo, é o espertar dun meniño, as súas primeiras sensacións. Esta marabilla dirixida a bebés enche un oco dentro das propostas que hai para a nosa lingua e vén da man das ilustracións de Erica Maradona, todo un descubrimento e unha explosión de cor, un monte de bebechiños multiétnicos que se amosan entre notas musicais.


Os protagonistas empezan por sentir o corazón da mamá, por chuchar da súa teta, por gatuxar sen caer, por emitir os primeiros gugús tatás, por facer uso da psicomotricidade ou por rir. A fermosura deste traballo conxuga á perfección cunha musica que os relaxa, fluíndo entre baladas e temas acompasados nas voces de Magín, María Faltri e Chus Domínguez no tema Auga.
Segundo Raquel Queizás Gatuxo é unha metáfora do crecemento da crianza e do descubrimento do mundo dende a prespectiva da arte e da afectividade. O Gatuxo é arquitecto nunha caixa, músico xoguetón e cantante, pintor de garabatos, explorador, astrónomo, inventor de linguaxes, aprendiz de case que todo... e, por suposto, narrador da súa propia historia.
Desde o souto non somos obxectivos, estamos contaminados da maxia desta gran persoa que é Magín, un cimentador de músicas, construidor de espazos onde o galego non chegaba, cunha voz que o define e o caracteriza como un dos mellores músicos do país. Gatuxo é maxia, é Magín, un tipo que conecta cos nenos, un neno máis que quere xogar: "déixate levar, olla a lúa, son a lúa que vixía o mar, move toda a auga, son a lúa que te fai medrar debaixo da manta".
.
Recomendámolo no Souto