2.26.2015

Sorprendida quedou co que dentro encontrou!

Quen non tivo medo algunha vez? Quen por ter medo non perdeu algo divertido? Hai tantas cousas que nos paralizan, que nos impiden ser nós, que nos impiden voar... Ter medo é algo normal, hai fases en que os nosos pequenos sofren medo, retráense, volven á nosa cama, péchanse neles, pero temos que animalos para que sigan soñando, para que se solten, para que chimpen e exploren novos mundos.
Xerais quere que perdamos todo o medo e preséntanos a Augusta, a protagonista desta historia, que consegue vencer os seus propios medos. Un álbum ilustrado, Augusta e os seus medos, de Sabela Fernández Trelles, que se complementa á perfección coas preciosas e características ilustracións de Alicia Suárez, que combina medo cunha variada gama de cor. Augusta é unha nena que está chea de soños, pero é tan medorenta que non consegue que ningún se lle cumpra. Ten medo a voar, medo a que se rían dela, medo a probar cousas novas... Un día, cansa de sentirse así, pídelles axuda aos seus pais. A partir dese momento, terá que pasar diferentes probas para decatarse de que a única forma de superar os medos é enfrontándose a eles. 
Un libro necesario, didáctico, que está construído desde a perspectiva do neno que se ergue un día e quere ser maior, indo ao seu ritmo, como son na realidade, esas persoas pequenas que toman decisións, que medran querendo durmir nos seus cuartos, que investigan e curiosean e, por que non, perden o medo.

Un libro visual, de longas figuras esveltas que fomenta, entre outras cousas, a lectura e as viaxes, pois nel Augusta descobre As aventuras de Marrakesh, Clara pérdese en Nova York, Chegamos en avión a Berlín, Extraviados en Londres...




2.16.2015

Baixo o mar hai un tesouro



No souto somos moi amigos da xente que merca na praza, a que aposta polo comercio tradicional, aquela que foxe do consumismo das grandes áreas comerciais. Dicimos isto, por que nas prazas ás veces vemos nenos inquietos que meten o dedo entre o peixe, que nun descoido tocan os tentáculos dun polvo ou, coa complicidade da peixeira, comproban como son os dentes dun abadexo, as escamas dun sargo ou a forma e peso dun percebe. Nas prazas do noso país tamén se escoita un galego precioso que debe ser gardado e transmitido coma un tesouro, miles de variantes que falan de peixes recollidos con esforzo polas nosas mulleres e homes de mar.
Non toleamos, falammos de peixes ao presentarmos Acuario 2, de María Canosa e Dani Padrón publicado por Edicións Embora. Trátase dun segundo volume que naceu canda Acuario e que completa a proposta inicial. Non somos moi amigos das segundas partes, pero esta é diferente, xa que non perde nada de forza, as letras seguen a ser xogos de palabras baixo o mar, e retrátase moi ben a esencia dos animaliños. Xa falamos de Acuario e o seu valor didáctico, que debe levarse á aula, ao igual que se levou polo país coa campaña de Normalización lingüística. 
Ás veces debido á presión do castelán perdemos parte da nosa identidade e o léxico dos peixes é algo a reter, a transmitir, a atesourar, a traballar na aula. Manter a maxia é algo que fai con creces este segundo volume que nos presenta o xurelo, o cabaliño de mar, a maragota, o choco, o abadexo, o percebe, a anguia, o longueirón e, xa na súa apoteose soñadora, a gran balea, o tiburón, a piraña, a medusa e unha protagonista miúda que se chama pulga e coa que moitos de nós enredamos na praia.
María Canosa é un valor en alza da nosa LIX e acompañada das impresionantes imaxes de Dani Padrón, outra figura consolidada no mundo da ilustración, converxe nun tándem espectacular. 

Recomendámolo no souto, pois cando abres este libro algo se ilumina na cariña dos nenos, que abren os ollos. Ao día seguinte se pos peixe no prato nada será igual!






2.03.2015

Raro: a historia do famoso proxectil procedente doutro mundo


No souto somos conscientes de que somos raros, de que nos gusta ler, de que soñamos con facilidade,  de que as nosas ponlas devecen por converterse en ás e voar acompañando as abellas que o polinizan todo.
É algo que facemos a miúdo, si, se iso de gustar dos contos é ser raro, nós, por suposto, somos raros. E en Baía Edicións son conscientes dese ser diferente, de que existe alguén que non se conforma con ser 'normal', así que entre as súas propostas está a de Sanatoria, historia dos nenos raros, de Francesc Grimalt, un sorprendente álbum cheo de substancia. Un volume que é enxeñaría da ilustración, unha espectacular concepción do álbum ilustrado para un público xa lector e con múltiples lecturas dependendo da imaxinación de cada quen. É un libro para nenos grandes, nenos raros, todo un convite o de Sanatoria, unha torre semellante a un fabuloso proxectil que garda un psiquiátrico un tanto singular no seu interior. Avísasenos no prólogo que é un centro concibido para recuperar, reorientar, controlar e reparar. Sanatoria non é iso, é a posibilidade de fuxir do normal, do ser raro, do deixarse ir para non estar nunca máis cordo. Non achades triste ser normal?
Durante unha fría noite de inverno foxen del Teo, Pés Mollados, Brais, o Xefe, Constanza, Orlando, Iván e Hugo. Todos son personaxes peculiares, cunhas vidas alucinantes e costumes, rexoubas e indumentarias cheas de imaxinación, con pensamento propio e unha personalidade rebordante. Desde que arrinca a trama somos cómplices lectores, somos conscientes desa chiscadela a personaxes consolidados na literatura universal como Frankenstein, e ábrese a porta dese lugar desprovisto de humanidade, frío, inerte do que fuxir. Non queremos estar cordos, conspiramos, e trazamos un plan b.
Espectacular concepción do mundo dos soños, un auténtico convite para ser raros,
cheo de corredores de imaxinación!