4.26.2015

Pa chuchar, as gominolas!

A quen non lle gustan as gominolas? Quen non é larpeiro? Quen non se pode resistir?


Ao souto chegou o blues, o country, rock, pop, punk, reagge, heavy metal, ska, non hai folla no souto que non se nos mova, que non abanee, que non siga acompasada as notas e as letras de A Gramola Gominola, formación musical composta por Paula Romero, Ro Muñoz, Anxelo de Xermar e Paco Cedeira, e que presenta o seu traballo inserido na colección Sonárbore de Galaxia. Esta colección, cun amplo abano de títulos de música para pequenos, ampíase con este traballo dirixido aos rapaces, eses que xa non son tan nenos, xa saben o que queren, e toman decisións, eses que xa poden mover o esquelete identificándose coas letras de Paco Cedeira. Falamos de letras que se refiren a espazos comúns como o recreo, de rapaces que medran, que afianzan a súa personalidade xogando como sempre se xogou na terra, xogando á billarda, ás chapas, ao bote ou á chave. Dez temas que conteñen valores, lémbrannos que temos que almorzar ben polas mañás ou falan de compartir. Un libro-cd visual e bailable, divertido coma o sangue que corre por prados e veigas para que non pares de sorrir.
As ilustracións de Lidia V. Cardeiro completan un traballo fresco e dinámico, refrescante coma unha gominola desas longas e con pica-pica que poderás gozar no coche, en directo ou na independencia do teu cuarto.





4.17.2015

Ratos


Xa volveron os ratos, quen non ve un rato con nostalxia da aldea, eses seres miúdos, de conto, que rubían polas paredes, case con superpoderes, e se facían sitio nos faiados, nos hórreos, canda o millo ou as patacas estradas. Na nosa identidade, na identidade da aldea, o rato, ese animaliño que de nenos nos atraía maxicamente, presentábase coma portador de enfermidades e como mal da supervivencia familiar, pero quen non os mirou con ollos de complicidade, co apoio rebelde de sentirse identificados con eles?
Cando no souto limos Os ratos da casa, de Oli e Natalia Colombo os nosos nenos iluminaron a cara, con tenrura. Os ratos chegan e invaden a casa e, a familia que vive dentro, co gato, co neno, ese neno que non intervén, ese neno, somos nós, que os adoramos, que nos mostramos cómplices, que sorrimos cando se meten dentro dun bote. O texto amósanos un devir de acontecementos e guíanos explicándonos que así como o ceo se fai coa montaña, a montaña se fai co camiño e as cousas suceden, os ratos, os ratos miúdos fanse coa casa e forman parte dela, aínda que marchen e volvan, sen que nós o poidamos evitar. Ao maxistral texto che o de dozura e sensibilidade case poética, súmanselle as ilustracións de Natalia Colombo que achegan unha gran riqueza cromática, a utilización de ceras e lapis de cores, e a representación de espazos domésticos, onde os lectores poderán atopar graciosas chiscadelas cotiás, unha artista que xa nos conquistou con Cerca, Niños... e que destaca pola súa personalidade. Oli, que a primeira ollada nos pode sonar estranxeiro, é mestre de Primaria, tradutor, escritor e especialista en literatura infantil e xuvenil, galego, unha desas figuras silandeiras que desenvolve traballo cotiá para o ben comúne co-director da colección Seteleguas de Kalandraka, editorial na que publicou tamén Once damas atrevidas, O pirata pata de lata e Artur, libros que podedes ver no catálogo da editora.

Os ratos da casa é sobre todo, un libro divertido, un libro que provoca o sorriso e a curiosidade, onde reparar cos detalles, nas mil portas das casas, nas follas dos camiños e na dozura das súas palabras. Unha xoia pequena coma un rato ao que mirar con complicidade.





.

4.11.2015

Insubordínate e sae cos calcetíns cambiados!


Chegan ao souto os Papacalcetíns, de Pavek Srut con ilustracións de Galina Miklínová. Por fin sabemos do gran misterio de todas as casas, de todos os predios, de todos os soutos, xa que, aínda que nós non teñamos pés físicos, pois temos raíces, soñamos sempre con andar, con rubir ás árbores, con pasearnos á tardiña contemplando o solpor.
Sushi Books edita esta marabilla, este libro tan necesario, porque, acaso non vos preguntáchedes algunha vez que onde están os calcetíns que vos faltan?, e con todo o que artellastes para que non desapareceran até incluír unha goma no seu lavado? Pois Os papacalcetíns son un libro singular e divertidísimo para rapaces ou non tan rapaces que len autonomamente e que gozan de historias que teñen que ver con eles, quen son, onde viven, como se comportan, como é que desaparecen eses calcetíns perdidos e onde van parar. Por medio do vello profesor René Melenas e o músico Egon Lourenzo (os únicos humanos que foron quen de observar os papacalcetíns) coñeceremos o mundo secreto destas criaturas, de Hihí, de Ramsés e de Tulamor, Tulamor senior e a súa fortuna de calcetíns, sendo o gran xefe, Vasil... nunha historia chea de suspense e humor que fala de calidades (o algodón e a súa suavidade), fácil de seguir, con diversidade de historias que contan do seu carácter, da súa voracidade, doutros continentes, de aventuras entretidas e de amizade.
Un libro que xa se atopa nas librarías traducido, de fermosa edición en tapas duras, adaptado por Moisés García e que tamén se edita en castelán, Esta sorpresa editorial colleitou un notable éxito en países de Europa do Leste e mesmo se está a realizar unha película de animación baseada nel. As ilustracións de Galina Miklínová engaden singularidade e encamiñan cara á ensoñación, introdúcennos no mundo fantástico constituído por estes orixinais personaxes. Pápase ben e presta, as túas dedas non volverán protestar, amarás o algodón, animádevos e lede!





















4.04.2015

Un convite para voar, Rubicundo.


Hoxe presentamos unha obra á que lle temos moito cariño no souto. O ano pasado os brabádegos tivemos a oportunidade de acudir aos premios Xerais de Literatura, máis concretamente ao premio Merlín e, entre as obras que limos, estaba esta marabilla que nos fixo voar. Como sabedes o galardón foi para a nosa Escarlatina, da gran Ledicia Costas, pero se tiveramos que conceder algún máis sen dúbida estariamos ante unha boa candidata polo amor que transmite este libro, polo marabilloso convite a soñar que é Rubicundo. O libro do que falamos hoxe é da incansable e creativa María Canosa, que conta cunha máis que recoñecida traxectoria na nosa literatura. Hoxe presentamos Rubicundo, de María Canosa e Nuria Díaz, que completa este marabilloso finalista dos Merlín 2014. Como sabemos a historia, desde o minuto un por ser parte do xurado, podemos contar un segredo, no souto estivemos no proceso e sabemos tamén de moi de boa man que cando Nuria Díaz leu Rubicundo namorou del. Rubicundo pasou a ser dela e loitou, loitou por voar canda el. Ese amor, esa historia de maxia que conta María Canosa, dun veciño que esconde algo, dunha nena que o espreita para ver o que fai polas noites, dese renxer da bicicleta, desa maxia, foi o que cativou a Nuria e a fixo deseñar un Rubicundo especial. Estas dúas autoras da vangarda da LIX artellan unha historia onde Erea, unha nena máis que curiosa, unha nena espilida, intenta comprender e descubrir o gran segredo de Rubicundo. Evidentemente, porque lemos todo o que publicamos, sabemos do segredo e non o imos contar, só diremos que recomendamos este libro coma se fose unha das nosas castañas, un ourizo. Contaremos que nel hai maxia da de voar, intriga, misterio e valores dos bos que fan que enganches nel e non o poidas deixar. Diremos que os nosos nenos, os nenos do souto, en canto medren un pouco gozarán desta preciosidade que é Rubicundo, xa que se hai algo que reúne este libro, que atesoura este libro, é que é deses que invita a soñar e no noso mundo soñar é imprescindible.


Recomendámolo no souto porque coas súas imaxes voas, porque coas súas palabras voas entre as nubes coma Rubicundo.