5.31.2015

Grallamos igual que Ocazul canda a beleza


Temos que confesar no souto que tardamos en comprender a arte tanto musical como pictórica, non tivemos formación regrada ao respecto, outra eiva dun sistema educativo con demasiados departamentos estancos que debería facer da arte transversabilidade, incorporando nomes de pintores de noso e tamén dos ilustradores, que son os herdeiros naturais da arte galega, pois moitos son recoñecidos artistas alén da ilustración, e coa música outro tanto. A verdade é que o mundo da arte, ás veces se contempla desde lonxe, como algo alleo, nós intentamos formarnos dunha maneira autodidacta neste campo, conscientes da carencia, e aproximármonos aos poucos seguindo nun primeiro momento  aquel ronsel que ten que ver coa nosa historia e identidade, coa lingua e con pintores galegos como Castelao, Seoane, Sucasas, Laxeiro, Colmeiro, Manuel Abelenda, Urbano Lugrís, Maside... e moitos outros, que no souto coñecemos por ir aos museos. No tocante á música debería ser obrigatoria unha historia transversal desde a infancia, conservatorios á parte.
Falamos de arte, de pintores galegos, de representacións artísticas non de xeito casual, no souto non toleamos tanto aínda, falamos de arte, xa que contamos os Brabádegos cunha xoia que transita entre a arte e o álbum ilustrado e crémola imprescindible nas bibliotecas porque enche un oco antes inexplorado. Da man de Xose Cobas, autor de innumerables lenzos e de significativa relevancia na nosa LIX, chega Cadros para unha exposición, un libro-CD de Modest Mussorgsky, con música interpretada por Giuseppe Snopoli e o texto de José Antonio Abad Varela en Kalandraka.


Trátase dun álbum ilustrado delicado, unha alfaia, tanto pola música interpretada, como pola historia da peza e polo texto onde as palabras se acariñan con dozura. En 1874 o compositor ruso Modest Mussorgski concibiu esta peza que combina música e representación pictórica. En 1873 morre Victor Hartmann, arquitecto e amigo persoal de Modest Mussorgski. Como homenaxe a el e a partir dos seus cadros, o músico concibe Cadros para unha exposición, co firme obxectivo de evocar, a partir da música os cadros contemplados e as sensacións que as pinturas lle provocaron.
Cadros dunha exposición é un libro-disco protagonizado por Ocazul, a pequena gansa dun grupo delas que decotío transita diante do Museo de San Petersburgo. Un día Ocazul entra deixándose levar pola maxestosidade do edificio, de amplas salas, de impresionante beleza para unha pequena oca e descobre, no seu interior, os cadros de Víctor Hartmann, que provocarán nela a música que se escoita no CD que acompaña ao álbum. Nin que dicir ten que, aínda que o texto é marabilloso, de coidada sintaxe, adobiado das palabras xustas, das ferramentas precisas para voar, para que os pequenos soñen, o mellor é ver e as ilustracións de Xosé Cobas, coas súas tonalidades pasteis características, cun realismo delicado, goloso en detalles, de espectacular trazo, digno de recomendación para todos os que gocen da pintura. E a música é o broche final, o instrumento que nos envolve, que nos sacode, especialmente aos nenos curiosos, que nos completa unha ensoñación final da man da Filarmónica de Nova York baixo a dirección de Giuseppe Sinopoli. Fantasía e realidade danse a man neste relato precioso que invita a espertar a curiosidade, a imaxinación e que debería ser un imprescindible nas escolas de música no país. Artellar nun álbum ilustrado plástica, música e texto en perfecta convivencia é algo que só podía vir da man de Kalandraka, que nos transmite amor de xeito didáctico.  Unha obra onde os lenzos toman vida, facendo da visita ao museo unha experiencia inesquecible para os sentidos, didáctica pura para pais preocupados pola formación musical e pictórica, aqueles que queren que entre os momentos de lecer dos seus fillos estean as visitas aos museos, propóndolles así aos nenos, un momento de reflexión do que están a ver, formándoos necesariamente, educándoos exquisitamente para o futuro.


Recomendación imprescindible do souto para todas as bibliotecas, pais, nenos e conservatorios. Ver aquí.


5.26.2015

O mundo de Ole Lund Kirkegaard e as pequenas trasnadas



Todas, incluso alguén do souto, roubamos mazás na horta mentres ninguén miraba, ás agochadas das árbores xenerosas da aldea, todas paramos subidos nas pacas e co tractor en marcha para apañar cereixas. Na aldea, como nas historias como  Per e o pequeno Mads, construímos canóns e artefactos co que atopabamos, fixemos pequenas trasnadas, que souberon a gloria nunha mestura de adrenalina, medo e inocencia.
Esta nova entrega dos do souto imos dedicarlla a Sushi Books que se consagra pouco a pouco na tradución do libro infantil xuvenil de alto nivel, con autores de prestixio dentro da literatura europea, e máis especialmente coa colección de Ole Lund Kirkegaadr. Este escritor dinamarqués é un dos autores máis reputados e de maior éxito no seu país, un escritor que antes de ser tal foi mariñeiro e mestre, a pesar de que non lle gustaba a escola. 
Sushi Books publica cinco obras máis do danés Ole Lund Kirkegaard e engádense ás cinco xa publicadas na colección Intermedio de Sushi Books, en galego, castelán, catalán e éuscaro. A imaxinación, as risas e as trasnadas están garantidas con este autor clásico xa da literatura infantil e xuvenil. Todos estes títulos van en tapa dura e conteñen ilustracións interiores feitas polo propio autor. O seu peculiar humor, o de malos bos, o de humor traste, conecta deseguido cos máis novos, pois os rapaces a partir de oito/nove anos (dependendo sempre de se son lectores habituais) sorpréndense dos episodios e das historias intercaladas cheas de trasnadas.
Os títulos da colección son Albert, Frode e outros pícaros, Per e o pequeno Mad, Tippe Tophat e O pequeno Virgil que se unen a Otto é un rinoceronte, Orla Tragarrás, A aventura de Hodia de Piort e Tarzán de Goma.

Albert é un libro que conseguiu o Premio ao mellor libro infantil concedido polo Ministerio danés de Cultura no ano 1969 e que faría que o autor se dedicase a escribir profesionalmente ata a súa prematura morte aos 38 anos. Nel cóntase a historia da nai de Albert que querería un fillo con ollos azuis, ordenado e obediente. Pola contra, o neno saíulle un pouco salvaxe e sempre o cachan en situacións comprometidas. Pero no fondo é bo rapaz. Cheo de vida e de ideas, Albert sempre está disposto á aventura e amósase atrevido e resolto.
En Frode e outros pícaros, Frode vive na mesma casa có señor Storm (que odia a comida case tanto coma os nenos) e as señoras Irene TV e Ravn. No faiado instalouse un ser misterioso ó que Frode e os outros pícaros intentarán poñer rostro. Neste volume podemos ver pequenas pegadas autobiográficas do autor no personaxe de Simme, un rapaz maior que foxe da escola e que inflúe no protagonista. Tede coidado se vedes alguén parado mirando para o ceo, pois podedes acabar rodeados dunha multitude.
En Per e o pequeno Mads pasan a meirande parte do seu tempo gastándolles bromas ao vello Mikkel Paelg. Un día por exemplo, chega unha nena nova á escola e pensan nela como nova vítima das súas falcatruadas, mais a pequena igual non queda atrás. Neste libro sabemos ademais da caza dos ladróns de mazás de Vinneby e unha cabra moi moi moi fera que fai que chovan mazás.


Tippe Tophat é un libro de historias diversas. Polas súas páxinas pasan unha avoa descomunal, un neno que acaba casando, sen comelo nin bebelo, uns rapaces que van á escola para lanzar bocadillos de maionesa ao encerado, un ferreiro toleirán que conta historias incribles e un personaxe que se rebela contra o escritor. Todo un universo do máis estrambóticas que resultan de lectura fácil e entretidos.
Por último, O pequeno Virgil, que conta como no galiñeiro dunha casa vive un neno que se chama Virgil. El e os seus amigos Oskar e Carl Emil pásano moi ben buscando tesouros, capturando dragóns e facendo regalos de aniversario que son moi especiais e que chimpan moito. 


Todos estes libros, que abren as portas do universo construído por Ole Lund Kirkegaard, destacan polo seu enxeño, divertimento, tratando temas comúns a todos os cativos e convidan a soñar cos amigos, na escola, na eira, coa familia, con moita dose de fantasía e humor. Os rapaces len se cultivamos o que lles atrae, se lles ofrecemos frescura e orixinalidade na historia, se empatizamos con eles. Unha boa proposta para enganchalos á lectura cando xa len nunha etapa, a da preadolescencia, na que tenden a autoafirmarse, a remexerse e definirse.









5.19.2015

Rebel Schoolgirl


No souto sabemos de linguas, cremos que a nosa lingua é un tesouro que se debe coidar todos os días, máis tamén sabemos que os nenos son esponxas e é necesario fornecelos de recursos na nosa lingua e noutras. Xerais lanza un libro-cd singular, trátase dun musical galego-inglés Sira e o robot, Adventures on Titan, de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira coas ilustracións de Iván Sende. Cóntase a historia de Sira e o seu robot na Galicia no ano 2050. O inglés caba de ser nomeado lingua oficial xunto co galego e moita xente, incluídas as persoas novas, xa o falan de maneira fluída, aínda que a Sira, unha rapaza de dez anos que se aburre moito nas clases e na casa, non se lle dá demasiado ben. Sira vive cos seus pais e está pasando unha mala etapa nos estudos. O seu mellor amigo é un robot que responde ao nome de William. William é medoñento e sensible, pero de bo corazón electrónico. Xuntos pasan horas e horas realizando a súa actividade favorita: tocar música. 
En Titán, unha das lúas de Saturno, hai un Festival Intergaláctico da Canción e unha atmosfera máis sá, os que alí emigraron buscaban algo diferente, fóra do estrés, da contaminación, para vivir nunha contorna natural cunha vida saudable. 


Sira e o robot esforzaranse para conseguir o reto de participar no festival. Ao longo do libro-cd e de xeito transversal ligaranse contidos musicais co respecto pola diversidade, co coidado do medio, respecto polas linguas... As linguas e a riqueza que estas supoñen están presentes nun libro multilingüe que intercala temas co texto a ritmos como o pop, o folk e o rock, o reggeaton, o rap ou a chanson con colaboracións como a de Leo i Arremecághona coa canción A canción da vagha ou a de Intro, de Lois Carlín. En 2050 hai un choque de dous mundos, un contaminado e o outro limpo, con dúas formas distintas de entender a forma de vivir e que pretende provocar unha reflexión entre os rapaces.  
Trátase dunha obra distinta, fresca, orixinal pola súa disposición e cunhas ilustracións que axudan á hora de poñerlle cara a un mundo de aventura e de futuro. Colles o reto de ler en inglés? 
(Lembrade que podedes atopar a guía de lectura aquí).








5.06.2015

Un lugar máxico onde soñar


Hoxe no souto imos falar dunha marabilla de conto, moi económico pois non chega aos dez euros, que atesoura maxia e coñecemento, didáctica, poesía, prosa poética e sensibilidade extrema. Se ben o tema da crise económica é un deses aspectos difíciles de tocar e abranguer por non ferirmos sensibilidades, é un problema que non podemos obviar, xa que afecta a moitos meniños do país e a moitos pais que non saben como facerlle fronte. A maxia é o que move todo, a que cura todo, é o elo común que artella un conto ben elaborado, ben trazado argumentalmente, ben construído para sandar determinados aspectos dunha sociedade que ás veces é inxusta. Partindo desa base e tendo como autor do texto a un dos monstros da literatura infantil e xuvenil como é Antonio García Teijeiro, o resultado non pode ser outro que o do libriño A nena do parque, ilustrado por Nuria Díaz e editado por Edicións Embora.


Trátase dunha xoia miúda que fala dunha nena que ten como refuxio para soñar un parque, un deses pulmóns da cidade, descoidado polo poder político, e que ten feliz a fai. Como poñerlle unha solución á desidia deses políticos mediocres que nos rodean? Pode facer algo esa cativa? Pois a resposta é a dozura, a delicada conxunción dun discurso case lírico que vai acompasado da maxia, dunha maxia verde, po de estrelas, da man da dunha meniña inquieta e soñadora. A nena do parque é un deses libros que conmoven, que te atacan cando os les, que fan que te metas na cama canda a nena, que uses esa escaleira debuxada e a empregues para subir os chanzos até tocar as estrelas. García Teijeiro, para o souto o construtor do discurso poético por excelencia da nosa LIX, ten o poder de acariñar coas súas palabras, de espirnos para que nos imbuamos por completo nun texto que atrapa, que mestura e ensina a poesía, un texto que se volve necesario e práctico para mostrar o poder da lírica.
No souto recomendamos esta obra sen facer de menos a crítica á política actual, á deshumanización das cidades, á perda da imaxinación e sumámonos a debuxar estadas ata chegar ao alto das copas dos castiñeiros repoboados polo verde orballar dun día de primavera.
As ilustracións de Nuria Díaz constrúen a ponte necesaria cara á ensoñación, cara á tenrura dunha nena que se mete nos nosos corazóns e amosa sen adobío esa cara escura do poder político.
Unha marabillosa historia que se le no que dura un ai!