6.24.2015

Astérix e Obélix


Aos do souto sempre nos gustou ler, desde cativos démoslle a todos, e devoramos libros en todos os formatos e tamén, como non, cómics. Canda nenas mergullabámonos nas historias de aventuras e críamonos os protagonistas, sempre desde o próximo, o galego, cara ao infinito. Se hai un pobo polo que sentiramos algunha vez simpatía e certa complicidade, ese era o galo, aquela aldea irredutible, os habitantes daquela Galia dos 50 anos Antes de Cristo, resistindo ao invasor e rodeada dos campamentos romanos que nunca podían vencelos. Cremos necesario, case imprescindible que as nosas cativiñas herden determinadas lecturas, lecturas atemporais, desta vez en galego. 


Xerais preséntanos dous volumes imprescindibles Astérix e os godos e Astérix gladiador, dous álbums de R. Goscinny e A. Urdezo cos que descubrir o mundo destes personaxes entrañables. Como moitas mamis e papis sabedes, son desas historias das que non cansas a pesar das veces que as leas, ideais para agasallar sabendo que vas atinar, aventuras coas que rir dos apampados romanos, coa fame atroz de Obélix, coa súa forza e torpeza sobrenatural despois de caer dentro da pota máxica, co adorable canciño Ideafix, co grande e ás veces trapalleiro xefe Abraracúrcix, co bardo, con Panorámix e a súa máxia e, por suposto, coa intelixencia e astucia de Astérix.
En Astérix e os godos, estamos no ano 50 antes de Cristo. Toda a Galia está ocupada polos romanos... Toda? Non! Unha aldea poboada por irredutibles galos aínda segue resistindo o invasor. E a vida non é doada para as gornicións de lexionarios romanos nos reducidos campamentos de Babaórum, Aquárium, Laudánum e Petibónum... Nesta ocasión, os nosos heroes, Astérix e Obélix, deben liberar o druída Panorámix que foi secuestrado polos godos para conseguir a poción máxica.
En Astérix gladiador, estamos no ano 50 antes de Cristo. Toda a Galia está ocupada polos romanos... Toda? Non! Unha aldea poboada por irredutibles galos aínda segue resistindo o invasor. E a vida non é doada para as gornicións de lexionarios romanos nos reducidos campamentos de Babaórum, Aquárium, Laudánum e Petibónum... Neste número, Astérix e Obélix viaxan a Roma e convértense en valentes gladiadores dispostos a liberar o bardo Asegurancetúrix, que vai ser guindado aos leóns!
Dous volumes que invitan a ler, e que sobre todo son ideais para aqueles mozotes preguiceiros que non se atreven a soñar, a cruzar a porta, a ler. Son as aventuras atemporais e universais das que todos gustamos e que sempre espertan un sorriso.





  

6.11.2015

A nena da regadeira


No souto recibimos hai pouco a última obra de Neira Vilas, un dos grandes da nosa literatura, figura senlleira que atesoura a memoria doutra época de noso, que volveu á orixe, á orixe das historias que se gardan no recordo, que aloumiñan, así como nós gardaremos para sempre o capítulo aquel do Rebusque de Memorias dun neno labrego.
E rebuscaremos sen dubidalo unha segunda vez en O xardín de Irene, de Edicións Embora, ilustrado por outro grande, Leandro Lamas. Este álbum colorido, fresco coma os xardíns ulorosos desta época, en flor, é máis que bonito, acariña, regado por Irene con auga fresca. Trátase dunha obra disposta en verso libre que contén catorce textos relacionados cun xardín que precisa auga, sol, música, ilustrados coas características formas do Leandro... Un xardín de aldea, de grilos que poñen festa, do chirlar dos paxaros, de flores, de animais, de chuvieiras, incluso está Brancaneves, a princesa e os ananos e a súa mestra.
Trátase dunha obra alegre, visual, que acariña polo espectáculo de cor no que se insire, con textos que invitan ao agro, a querer a terra, a crear mundos nos que acougar, nos que soñar. Neira Vilas transmítenos paz, medrar canda as flores, invita as meniñas a pasear polo seu xardín ou eira, a construír un mundo, a transitar docemente entre as flores e a gozar co voar das bolboretas viaxeiras no curuto das camelias.
Todo sen esquecer os animais dispostos en restra: Dúas vacas, seis galiñas,/ un galo e tres ovellas,/ dous parrulos, catro gatos/ brancos con pintiñas negras/ O xardín tamén é agora/ un curral ou unha eira.
Recomendámolo no souto por conseguir mergullarnos na aldea, pensamos nós en Gres, como invitándonos a ver cos nosos ollos o seu mundo. Reúne esta obriña as pezas fundamentais para un bo libro: os valores, o amor á terra, animaliños para as cativas, bechiños e amor, moito amor.

Desexámoslle especialmente desde o souto ao mestre Neira Vilas moito amor.


6.03.2015

Pedalear até o ceo



Chegan ao souto as novidades de Tambre Edicións, selo galego da Editorial Edelvives e que se caracteriza por contar e apostar por autores galegos. Nesta tacada de novidades hai nomes máis que destacados da nosa literatura e, entre eles, o da escritora Ledicia Costas con Inmundicia e Roñoso, ilustrado por Laura Catalán. O éxito acadado por Ledicia Costas non obedece a nada máis que non sexa o esforzo e o traballo, o tesón de perseguir e ser unha auténtica profesional. Este ano non son poucos os éxitos que as súas novelas están a conseguir e todo é froito da súa percepción da realidade, do seu maxín, da súa personalidade e formación. A nada que profundamos na súa forma de escribir e nos contidos que incorpora apreciamos ese gran traballo que non se ve, na introdución de contidos, na empatía e nos valores. Non é nada fácil artellar un libro infantil, non é nada fácil que dea a sensación de que flúe como o fai.

Inmundicia e Roñoso é a mostra de observar dous cativos do seu barrio, dous nenos que remexen no lixo nestes tempos onde os que nos gobernan están máis preocupados de combinar a roupa para os actos públicos (desculpen a arroutada, no souto sentimos carraxe tamén ante determinadas cousas que teñen que ver cos pequenos). O seu é un relato que transmite amor, delicadeza e abre a esperanza para que soñemos con pedalear até o ceo. Son dous pequechos que van en bicicleta pola rúa, el detrás, ela diante pilotando, coa esperanza de atopar un tesouro para reutilizar, reciclar, amañar coa creatividade dos máis pequenos. É un relato de valores, do valor do respecto e da axuda que brindar fronte aos insultos ou os acosos como os da banda do Carolo. É un relato dun reloxo de cuco que non funciona e acaba sendo un tesouro colectivo, algo máxico, especial, importante, marabilloso como os dous cativos que sobreviven entre o lixo, a suciedade e a imposibilidade dunhas zapatillas novas.
No souto recomendamos esta lectura para facer reflexionar os cativos da necesidade de axudarse, de compartir, de empatizar, para educalos en igualdade, para sementar un mundo onde ningún neno teña que remexer no contedor e se o fai, que lle brindemos amor, axuda e comprensión cómplice cun sorriso. Recomendámola tamén porque está contruída maxistralmente, coas imaxes cargadas de realismo de Laura Catalán, eses ollos deseñados que son cómplices das palabras que,  pinga a pinga, como cando deitamos auga dentro do caldeiro conforman un discurso narrativo perfecto. Aos que rexen as nosas cidades tamén lles recomendamos a lectura e o visionado da realidade, para que se preocupen de combinar mellor a xente que vive nelas, para que abran os comedores e para que deixen os nenos soñar!