7.09.2015

Plan para unhas vacacións de verán perfectas

É verán, e non sei vós, pero nós os brabádegos vimos dunha familia humilde, obreira, que chegaba con dificultade a fin de mes ás veces e que construía, cos cartos que aforraba, un presente e un futuro moito mellor para os seus. E dicimos isto, porque non sempre fumos de vacacións, nin tivemos para desbaldir os cartos non reutilizando roupa e aproveitabamos, como moitos escritores e ilustradores, o papel dos nosos debuxos.


Non sabemos moi ben o que pasou pola cabeza do creador de Gatiño e as vacacións, Josel Franz Rosell ao deseñar a súa historia, o seu conto ilustrado por Constanze v. Kitzing, en Kalandraka, mais si sabemos que nel conta, docemente con aloumiño extremo, entre multitude de variedades de familia, o plan de quedar na casa e gozar do pracer da familia, dos soños que construír xuntos, sendo cómplices, até a eternidade, do xogar xuntos.
Este álbum é perfecto na súa construción porque reflicte circunstancias sociais diversas entre as distintas circunstancias e plans que se lles presentan aos pais: como o de non poder ir de vacacións por ter que traballar, conciliar, as nenas que deben que ir co pai ou coa nai por estaren os seus pais separados ou divorciados, ou aqueles casos en que os avós asumen directamente as súas vacacións. Divertirse, sexa o plan que sexa, como os que si poden celebralas cunha viaxe ou con casa na praia, é o proposito que quere transmitir o autor. A idea final que se persegue. Soñar e gozar dos nosos, sexa onde sexa, xogando, esa é a mensaxe.
As  ilustracións en texturas suaves e cores intensas resaltan a expresividade dos personaxes e dan vida, case como se nos mergullásemos nunha piscina refrescante, son o complemento perfecto. A diversidade lograda ao plasmar as escenas enriquece de forma esaxerada este álbum.
Por último, cómpre destacar a tradución e adaptación de Xosé Ballesteros, xa que no souto valoramos especialmente o texto, o coidado da lingua como eixe vertebrador da súa transmisión entre as nenas (rexeitamos aqueles que formalmente non coidan este aspecto). 


 Recomendámolo por ser ideal para explicar que non sempre o importante é o material, a capacidade de soñar cos libros non se pode mercar!






7.02.2015

O sabor doce do avó


Os do souto tiveron un avó que cando chegaba o seu aniversario regalaba os libros da súa biblioteca. Non era moito que de adolescente che regalasen un libro, mais cando medrou, comprendeu que ter determinadas edicións é o equivalente a que che regalen tesouros. O amor aos libros é igual que o amor aos avós, aos tesouros que agochan entre a súa sabedoría e o legado que transmiten, por iso cremos necesario no souto mimalos e escoitalos, con moita atención a poder ser.


OQO tira do prelo O avó de Zulaimar de Juan Carlos Méndez Guédez ilustrado por Elsa Klever dentro da Colección O. O avó de Zulaimar é en esencia un álbum ilustrado que reivindica a figura do avó dunha maneira marabillosa e chea de amor, esperta no lector adulto un sorriso e provoca que todos nos botemos á rúa para xogar con eles.
Zulaimar é un raposo que non ten avó, que ve como todos os seus amigos xogan con eles e, no seu afán por encher a figura que lle falta, pide un prestado, pero el non se rende cando a súa solicitude é ignorada, el loita e constrúe un avó botando man da imaxinación e do enxeño. Trátase dun delicioso e doce álbum, doce e saboroso como a sandía que serve para construír o avó, que se che mete na alma e que cambia a visión que todos temos dos nosos avós, eses que nunca din que non, eses dos que sae amor e paciencia sen dicir nada, só con miralos aos ollos comprendemos que o dan todo, que se poñen de crequenas esquecendo a dor, para xogar, para chimpar e para cansar os pequenos bulideiros cando os levan ao parque, de praia, aos cochitos gastar os cartos os días de festa, as fins de semana para debullar millo...
As ilustracións de Elsa Klever completan e achegan a dozura precisa, co espectacular deseño dos paxaros en posturas imposibles, creando avós-animal fantásticos, cunha profundidade rica en detalles que contribúe ao sorriso, á empatía que esperta o texto.
Recomendamos este álbum ilustrado como homenaxe aos avós, para dárllelo aos avós que lles len aos seus netos e, devolverlles en forma de aloumiño, o que fan por nós.