9.30.2015

Dentro de min vive un ser doutro mundo


Hoxe no souto facemos xustiza e recensionamos unha obra dunha grande das letras, unha rapaza que está a consolidarse como unha grande. Acaba de conseguir o Xerais na súa modalidade de xuvenil, é dicir, gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con Europa Express que editará Xerais en breve.
No seu momento e por cuestións de tempo deixamos ir unha moi boa noveliña e agora que os docentes andan a buscar que poñerlles para ler aos alumnos, aproveitamos para falar da última obra gañadora do Premio Meiga Moira 2014, Miña querida Sherezade, de Andrea Maceiras, con ilustracións de Antonio Seijas en Baía Edicións.

Impecablemente escrito, perfectamente estruturado, cunha liña discursiva orixinal, esta obra conta a historia, a vida, dun libro, si, dun libro que nace e vai transitando ao longo do tempo, de intrahistorias que lles suceden aos seus donos, dos seus protagonistas, dunha Sherezade intelixente e enxeñosa, cos perigos e ameazas de acabar presa do lume, desarmado, poirento e nunha libraría de segunda man á súa sorte. É un libro, Miña querida Sherezade, que convida a soñar, a cuestionarse que é dos obxectos, dos libros, das historias que se nos contan; é unha reflexión sobre o amor e a lealdade, sobre o agarimo que algúns, os do souto tamén, lles temos aos libros asinados, sen asinar pero que viviron nas nosas casas, os que nos legaron os nosos avós.
Miña querida Sherezade atrapa nas gañas de saber onde é que foi As mil e unha noites, que pensa Sherezade, fai cómplice o leitor confesando, como lle confesa a Sherezade, a súa sorte e os seus sentimentos. Unha obra cun final para a esperanza e cheo de maxia, para que vexamos os libros vellos doutro xeito e nos preguntemos onde e que historias viviron xa.  As ilustracións que acompañan son de Antonio Seijas, un ilustrador punteiro e versátil, que completa a obra trazando uns personaxes tenros que axudan a soñar.

Recomendación do souto para os mozotes autónomos e para as súas profes.


9.23.2015

Non hai como xogar con gatos!



Hoxe falamos no souto de toda unha biblioteca, unha biblioteca necesaria nas nosas escolas, coma o teatro, xénero descoñecido e tan esquecido, importante para as nosas pequenas. Falamos da Biblioteca Dramática Galega, que edita a Xunta de Galiza e Xerais. Xogando con gatos, de Antón Cortizas e Leandro Lamas con pentagramas de Xurxo arela e Xiana Lastra, ou o que é o mesmo o VIII Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2014. A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) convoca anualmente e de maneira conxunta tres premios de literatura dramática que comparten como obxectivo prioritario servir de estímulo á escrita específica para o ámbito teatral: Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais —consolidado xa como o galardón de referencia para a dramaturxia en galego—, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidades de público infantil e adulto).
Cando no souto recibimos este libro temos que confesar que a priori agardabamos unha boa obra abalada polo feito de ser premiada e pola calidade dos autores. Antón Cortizas é todo un referente na nosa LIX, cunha obra maxistralmente acompañada da imaxe e da palabra, do xogo de ambas. Leandro Lamas é un referente no país como pintor, cun estilo que namora polo seu enxeño. Os dous, este tándem perfecto, artella unha obra sublime, perfecta, e o que é mellor, coa que se ensina a xogar, a voar, a recuperar espazos coa nosa lingua, espazos lúdicos desprazados por outra lingua e por unha sociedade sedentaria e exposta desgraciadamente cada día máis á televisión.
Nesta obra de tres actos xógase co público desde o primeiro minuto, os gatos combaten o aburrimento dunha nena que non sabe a que xogar, fornecéndonos de lengalengas, xogos de palabras, rimas, maxia para construír o xogo. Maxín gatuno que na parte final borda en ouro ao darnos, agasallarnos, un cuarto acto opcional cun decálogo de como xogar en todos os recreos da Galiza, en todas as aulas de lingua, en todas as aulas de música, nos nosos parques, con seis xogos e seis partituras: O gato e o rato, O gato no regato, O can e o gato, As abelliñas do mel, Xogo do Miquiño, Quen lle pon  axóuxere ao gato.

Isto era unha vez un gato
que tiña  rabo ao revés,
vouno contar outra vez.

Isto era unha vez dous gatos
que tiñan os pés de trapo,
que tiñan o rabo ao revés,
vouno contar outra vez.

Isto era unha vez tres gatos
que tiñan as meas de través,
que tiñan os pés de trapo,
que tiñan o rabo ao revés,
vouno contar outra vez. (...)

Unha obra que recomendamos por orixinal, por divertida, por fornecer de maxia e xogo, cunhas imaxes ilustradas marabillosas, por levarnos da man como canda eramos nenos e por ser necesaria para traballar nas aulas e na vida. Todas as profes de música, todas as profes de lingua e todas as docentes ás que lles guste innovar, xogar, ilusionar e gozar co que fan deberían botarlhe un ollo, nós no souto témolo claro. Sublime!


9.14.2015

Rola a roda do muíño

Volvemos as do souto polo tempo das castañas, achegándonos xa aos magostos e próximos ao Samaín. Nestes meses de verán aproveitamos para descansar e para ler e, se podemos, encheremos cada semana cun libro publicado nestes meses.


Hai un par de meses saíu do prelo o Libro-Cd que hoxe temos o gusto de destacar, xa que se trata, coidamos nós, dun traballo necesario de recuperación da nosa identidade, alén doutras propostas musicais de lecer. Trátase de Traca-Traco, editado por Edicións do Cumio, de Paco Rivas ilustrado por Alfonso Otero Regal, e no que participan Víctor A. Castro, Moncho Díaz, Juan Carlos García Rega, Laura Blanco de la Barrera, Lino Rico, José Trincado, Ángela Castro, Carme Vázquez, María Dolores Fociños, Njala Shami, Montse Ogando Miro Casabella,  e Seso Durán entre outros máis. 
Paco Rivas, filólogo e escritor de recoñecido prestixio ligado á radio, idea un libro-cd que sobresae polo carácter antropolóxico dos textos e da música, é dicir, artella un libro-cd de memoria, da memoria pedagóxica necesaria, esa que aos avós xa logo van esquecendo e sitúanos na tradición, nas cancións de berce, nos arrolos e nas cantigas de nanar.
Pensado para todos os públicos vai especialmente dirixido para aquelas casas nas que hai pequenas, naipelos aos que lles hai que cantar. O valor lingüístico do texto como moi ben sinala Alonso Montero no prólogo contribúe e enche un oco na transmisión xeracional da nosa lingua ademais de afianzar notablemente as tradicións de noso. 
O libro-cd conta, como di o subtítulo, con 24 cantigas de Nanar, un aloumiño e un arrolo
. Introdúcesenos na alma co Eu cantar cantar cantei, prefacio do autor, no que explica como sentiu a necesidade dende moi novo de comunicarse co mar, como lle cantaba e como, a partir, dese momento soñou nel a necesidade de cantar, de arrolar, non só as nenas, senón tamén os paxariños, as vacas, as galiñas...
Traca-traco está composto ademais musicalmente ao xeito tradicional, trae as partituras e achega, para traballar na aula, material musical de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, xa que ao abrir o CD no ordenador, podedes atopar 21 bases musicais sen voz para cantar sobre elas e 12 partituras de arranxos Orff co instalable do sofware que permite a súa visualización. 
No souto estamos totalmente de acordo co mencionado no prólogo por  Xesús Alonso Montero : "Se existise no noso organigrama gobernamental a Secretaría Xeral de Delicados Asuntos Poéticos, ese organismo o apoiaría coas mellores razóns literarias e a proposta que se fai en favor dos cantos de nanar, unha alfaia no seu xénero" 

No rolo que arrolo
no meu arrolar,
xa dorme no colo,
xa empeza a soñar
o meu picariño,
ó son dun nanar.