10.26.2015

Filtros con que mirar


Chegan ao souto marabillas, e entre elas un diferente, orixinal, unha proposta de interacción entre as nenas e o álbum nunha reviravolta de concepción. Trátase de Ola, adeus. Os contrarios nun álbum máxico, de Delphine Chedru, traducido por Xosé Ballesteros e editado por Kalandraka. Sirva de advertencia que nada do que contemos aquí lle fará xustiza a ter o libro entre as mans e experimentar as caras de abraio e risos que provoca. É un libro para degustar coas persoas pequeniñas que nos rodean. As súas pupilas dilatan, corren a contarnos que hai máis vida que a que aparentemente se ofrece ao levantar as tapas duras e eses tons pasteis en azul e vermello. E ao abrilo, preséntasenos un álbum diferente que vén con dous filtros, un vermello e outro azul.
Segundo miren cos seus olliños, aqueles pequenos maiores de 36 meses, atoparán en cada imaxe cousas miúdas e cousas grandes, a diferenza entre mollado ou seco, inverno-verán, libre-preso, lixeiro-pesado, noite-día, triste-alegre, arriba-abaixo, soño-pesadelo, fóra-dentro, difícil-fácil, doce-salgado, por encima-por debaixo, diante-detras, cerca-lonxe, baixar-subir, valente-covarde, fada-bruxa, sucio-limpo, ola-adeus.
No souto considerámolo unha xoia da profundidade, da ilustración, de como explicar o difícil que é atar os cordóns, do preto que pode pasar un autobús, do marabilloso que pode ser ir acompañado polo teu can no monte, do lixeiro que podes voar se vas agarrado a unha manchea de globos inchados con helio, do xogo necesario que debe establecerse entre a mirada ávida de explorar a realidade por parte dos prelectores. Podemos falar dunha ferramenta básica para traballar contrarios dentro da aula, para que as nosas nenas entendan os significados, e ao mesmo tempo, ofrece unhas ilustracións ricas e gorentosas en detalles, cunhas liñas de trazado perfecto,  logrando un xogo máis que completo de interacción.
Ola, adeus, os contrarios nun álbum máxico fai honra ao seu nome, non engana, trátase dun álbum do que namorar pola súa edición coidada, polo valor que lle dá á imaxe, polo poder do sorriso que provoca.

Recomendámolo como libro co que gozar varias veces, sorprenderse, rir e soñar.




10.21.2015

Unha viaxe polo espazo


No souto ficamos pola noite pampos, mirando as estreliñas desde o souto, co silencio fascinante de divisar as constelacións, o carro, a noite cheíña de estrelas. Hoxe no souto falamos de Astropal, Un cometa con corazón, de José Julio Fernández Rodríguez con ilustracións de Laura González González editado por Hércules Ediciones. Trátase dun álbum ilustrado necesario para encher a temática do sol, dos cometas, dos astros, da matemática, da ciencia en galego. Despois dun decreto absurdo que fai que os nosos números se teñan que traducir a outra lingua, de que a ciencia non poida ser na nosa lingua na Primaria e na Secundaria, o feito de atopármonos con álbums como o que nos ocupa énchenos de ledicia.

Astropal, Un cometa con corazón, cóntanos a historia dun cometa que suca o universo quentando as herbiñas que nacen nos planetas, saúda os planetas e os asteoides e socorre un astronauta con problemas. É un texto que nos serve para introducirmos os pequechos no sistema solar, nas viaxes interespaciais, no peitoril da ciencia. A tradución ao galego vén da man de Charo Baleirón Sóñora e as ilustracións de Laura González completan unha viaxe apetecible para prelectores.
Recomendámolo para traballar nas aulas de Infantil o sistema solar, os cometas, a lúa...

10.07.2015

A vida é un doce fluír, Alegría!

Hoxe no souto, entre as follas e as castañas que podemos atopar a un erguer de vista, calzadiños con sandaliñas atopamos Alegría, editado por Galaxia dentro da colección Sonárbore, o último traballo de Sérgio Tannus ilustrado por Luís Barbolla.
Sérgio Tannus, este brasileiro de alma galega, o brasilego da LIX, milita activamente no panorama musical galego, é un máis de nós, reborda tanto como compositor como produtor e como músico, participou e participa noutros proxectos musicais xunto con artistas como Uxía, Magín Blanco, Olga Brañas... 
Este álbum é produto da súa experiencia persoal, do seu traballo como voluntario na Casa das Meninas, unha istitución sen ánimo de lucro que acubilla nenos sen recursos no Brasil, de aí abrollaron a maioría dos temas que forman parte deste conto/libro-cd. Ilustrado por Luis Barbolla,
Alegría é un conto con cancións que protagoniza Alegra, unha eiruga triste, soa e perdida que mudará coma os vermes da seda, coma as eirugas en bolboreta. Os temas completan o texto, narran as aventuras de Alegra interactuando as palabras coa música que conforman este traballo. Se Alegra está triste e ve un grupo de bolboretiñas coas que establece un diálogo, pois imos ao primeiro tema que leva por título Libre para voar. Libre para voar é unha canción interpretada por Sonia Lebedynski e Sérgio Tannus, tocada ao piano por Olga Brañas, que fala de sentimentos, de deixar a tristeza e a soidade a un lado para poder voar en liberdade. E voando Alegra cambia de actitude, vai conseguindo estar leda e ve nubes que interpretar, Nubes que quere para ela (titúlo da segunda canción interpretada por Andrea Picos e Sérgio); e topa con Óscar, un gato feliz asomado detrás da xanela (Óscar e a xanela) interpretado por Magín Blanco e Sérgio; e cóntasenos que podemos andar descalzos aínda que prefiramos ir de sandaliña (Brais Morán e Sérgio en Sandaliña). Despois de moito andar Alegra tropeza cun mosquito roqueiro, moderno e inaudito (O mosquito inaudito, Xoán Curiel), cunha nena e o seu can que se chama Menta Polenta (Menta Polenta, Jara Ortiz) e ata fai música co seu corpo (Eu teño un corpo, Xiana Lastra e Ramón Bermejo), soña co que vai ser de maior (Ou iso ou aquilo, Coro de nen@s Alegría).

Na parte final do conto, deste álbum de 13 temas marabillosamente dispostos, instrumentalmente harmónico, lento e movido na súa xusta medida, con frescos temas brasilegos e ateigado de voces de luxo do máis representativo do noso panorama musical, a bolboreta do principio, a que apupaba á nosa eiruga Alegra, explica que o pasado é unha folla, que as nosas experiencias malas hai que arrincalas, pois son follas dun pasado dun caderno que acabou (O futuro xa chegou, Sonia Lebedynski) e que debe primar o amor, ese amor que transmite o Rui e a máquina que é María Fumaça (Máquina do amor, con Chus, Manuel, Uxía, Ruí, Magín Blanco, Tatán, Blanqui e mesmo Carlos Blanco) para convertelo en Alegría (tema que tamén aparece en María Fumaça) e transformalo así mesmo, en bolboreta, unha bolboreta libre para voar (Danza do universo, e Final, temas interpretados por Ainhoa González Rodal, Uxía, Coro Alegría e todos os que interveñen no libro-cd).
As ilustracións de Luís Barbolla son frescas igual que a música, con carácter, con selo propio, atrevidas, con predominio de cores vivas, amosando unha eiruga reflexiva, unhas bolboretas lixeiras, un gato que nos conquista, un can marelo que presenta manchas circulares, un individuo sonoro e divertido de cabelo branco, nenas que queren ser astronauts, dentistas, etc.

Nós no souto queremos Alegría, recomendamos moita Alegría e ti que queres para pasar os días?