11.29.2015

Golsar refugallos, unha casiña branca


Vai frío un frío totalmente acaído para ler tras os cristais deixándonos acariñar polas raiolas de sol. Hoxe recensionamos A casiña branca, de Marcos Calveiro, un libro para lectores a partir dos oito anos na colección Sopa de Libros de Xerais, unha colección totalmente recomendable, pois atesoura multitude de voces facilmente recoñecibles pola súa calidade. As ilustracións deste volume corresponden a Marcos Viso, un dos nosos ilustradores de vangarda. Trátase dun libro que sorprende totalmente, cun universo creativo que engancha desde a primeira páxina, que provoca a curiosidade por parte do lector, que presenta un mundo, un submundo que só pode compararse a unha árbore de follas estendidas e de profundas raizames.
Cóntasenos a historia de dous nenos nun vertedoiro infindo, na necesidade de saír de alí, do instinto de supervivencia ante un futuro incerto, NenoRadio e NenaPilas xa non lembran outra cousa entre un cotía necesitado de escapar da potente luz e do guindastre. Depois de coñecérense emprenden unha fuxida chea de perigos, de andar con coidado, pois baixo os seus pés agóchase lixo en movemento. Matusalén, os leiróns... ese universo poliédrico de Marcos Calveiro, cunha riqueza léxica e discursiva de altura, torna esta obra totalmente recomendable para aprendizaxe e formación dos nosos rapaces, achegando tamén valores transversais como o respecto e empatía cos maiores, fonte de transmisión de coñecementos, ou o coidado ao medio, que é o tema fundamental.


As ilustracións de Marcos Viso interactúan co texto desde o primeiro minuto axundando á comprensión lectora. Por veces bota man dun formato cómic que achega frescura e modernidade, fainos cómplices dese mundo evoluído até a catástrofe, tenro en adversidade, acrílico en tons pasteis, selo dun autor con personalidade propia.


Recomendación de Brabádegos especialmente para docentes que traballen na aula o vocabulario, para incidir na lingua a través dos libros, como debera ser sempre.

11.22.2015

Con cada folerpa dos Ancares

Esta semana Galix, a asociación senlleira de divulgación do Libro Infantil e Xuvenil, recoñecía o labor de Helena Villar Janeiro como escritora e activista da lingua entre as pequenas, cunha dilatada obra que atesoura prosa e poesía. Dos últimos traballos que no souto lle lemos queremos destacala como autora de As señoras cousas, en Galaxia, por ser esta unha obra que ensina a métrica e a rima con naturalidade, iso que só os bos poetas son capaces de facer. Hoxe, no souto recensionamos unha obra que xa limos e que ata o de agora non tivemos tempo de recoller. 


O caderno de Edua é unha obra que se encontra entre as novidades de Sushi Books, editora que se está a converter nunha referencia por tirar do prelo títulos singulares e orixinais. Con ilustracións de Carmen Queralt, o libro conta a historia dunha nena dos Ancares, unha pequena que ben podería ser a autora, xa que é natural da zona e á que no souto imaxinamos grazas a Edua, entre folerpas tirándose acotío desde o alto das congostras. O caso é que Edua está de aniversario e despois de pegar cuadas desas das que non doen, despois de bulir dun lado para o outro, xa que é unha cativa inquieta, agarda ansiosa os agasallos do seu día. O problema ou máis ben o inconveniente dos invernos neste paraíso natural que son os Ancares, patrimonio que debemos coidar, é que quedaron illados pola neve e o seu avó, que é deses seres máxicos que temos algúns nos nosos corazóns, idea a solución perfecta. Trátase dun libro precioso que transporta a todas aquelas que algún día tivemos a sorte de ir aló, é a contundencia das súas montañas, rexas e cubertas da neve que Helena nos describe nun discurso case de prosa poética que emprega o poder da imaxe na súa linguaxe. Do argumento non diremos máis por deixar á sorpresa da curiosidade do lector as peripecias de Eduarda Coedo Alba, á que chaman Edua porque lle gusta máis, unha pequena que vive na aldea do Cebreiro, ao carón de Pedrafita. Só diremos que aos do souto un día os agasallaron cun igual e tamén cambiou as súas vidas.
As ilustracións, de Carmen Queralt, son un xogo de profundidades marabilloso, co seu selo particular de liñas cadradas, acompañando á imaxinación e imbuíndonos con cada árbore dos Ancares. Recordamos a Carmen Queralt doutros traballos como Quen é ese becho?, editado por Kalandraka.


11.19.2015

Soletrea o abecedario!


Hoxe falamos no souto dun libro que tamén consideramos necesario para prelectores. En realidade trátase do primeiro libro dunha serie coordinada por Mónica Pazos e que vai encher espazos até o de agora ocupados polo castelán. Trátase de facer atractivas e modernizar propostas que en calquera lingua podemos encontrar cun virar de ollos, mais nas linguas sometidas á presión como a nosa ao do castelán, non atopamos. Antes de que remate o ano verá a luz o segundo dos volumes, mais hoxe imos presentar O abecedario.

O abecedario está editado pola Mesa pola Normalización Lingüística e ilustrado por Óscar Villán, ilustrador que posúe xa unha dilatada experiencia no mundo da LIX con títulos como A cebra Camila ou O coelliño branco. Trátase dun volume ilustrado en tapas duras que presenta as letras e as primeiras palabras axudado das ilustracións correspondentes. Palabras como ourizo, axóuxere, folerpa ou papaventos son a porta de entrada á nosa lingua. Cómpre e é necesario a día de hoxe e máis que nunca fornecer os pais e as nais con ferramentas normalizadoras que turren pola transmisión. Unha iniciativa salientable da que participa tamén Magín Blanco que interpreta cancións que podemos ver na rede e que completan o proxecto.

As simpáticas ilustracións de Óscar Villán achegan o punto perfecto para atraer as meniñas con doniñas espelidas, cans singulares, raposas curiosas ou ourizos dinámicos, obxectos ou alimentos do cotiá que nos serven de referente para practicar coa nosa lingua desde o minuto un. Para aqueles docentes de Infantil ou primeiro ciclo de Primaria que queirades traballar coas letras podedes atopar na páxina da Mesa  unha proposta didáctica e un actividario ou ter presente sempre o abecedario con esta lámina:





11.10.2015

Botar a voar!

Ás veces observamos comportamentos curiosos que nos fan reflexionar, hai libros que nos arrincan un sorriso, que sacoden as nenas e os fan felices, xa que a lóxica debe ser sempre para deixar paso á imaxinación. 


O álbum que hoxe presentamos de Kalandraka é deses, trátase de A escada vermella, de Fernando Pérez Hernando, na colección Demademora, ilustrado polo autor e traducido por Manuela Rodríguez, en Kalandraka. É un álbum ilustrado cheo de azuis, laranxas, vermello escada e verdes en harmonía que contrastan cun paxaro singular que se fai acompañar dunha escaleira para rubir por ela e chegar a tellados, a nubes e incluso á lúa. Vai subindo chanzos ante a atenta mirada e a presenza dun coello que o mira con curiosidade desde unha fiestra, montado nun avión, abaneándose nun bambán que colga das nubes... O noso protagonista paxaro usa a escada tamén para baixar dos mesmos sitios aos que sobe, ata que un día o coello o atopa preocupado e fala con el.  Estamos ante un álbum que os atrapa tanto ao subir como ao baixar até a sorpresa final, o climax que nos agarda, que provoca un sorriso nos cativos, soltándoos, deixándoos voar da man do absurdo, do ah claro!
Un libro fermoso para traballar conceptos como subir e baixar, tamaños, a importancia do humor e do previsible e imprevisible. Un libro de animais que voa da man dunhas ilustracións gorentosas cheas de cor.


11.06.2015

Fadas, trasgos e lucecús: a maxia das fadas


Neste outono de choiva e de noites que cada vez comezan antes, agasarllar as nosas nenas simplemente con media hora para ler, unha vez os deitamos cedo, incentiva a lectura e fai hábito. Se ademais lles achegamos libros máxicos que os fan soñar, conseguiremos que saian do rabaño e que sexan especiais, que se convirtan en persoas autónomas con sentido crítico e coa autonomía suficiente como para comer a bocados o mundo e tentar cambialo onde debe ser.
Hoxe no souto temos un deses libros que consideramos necesarios e imprescindibles, un libro que enche un oco necesario. Hoxe presentamos unha fermosura de libro que funciona moi ben e que pode ser un agasallo marabilloso para nenas e nenos, Onde viven as fadas? conto para ler ás escuras, de Ignasi Valios i Buñuel, con tradución de Anair Rodríguez, en Xerais, é unha fermosura mire por onde se mire. Trátase dun conto sobre fadas, sobre onde viven, coa peculiaridade de que aparecen contidos se o poñemos baixo unha lámpada. É un libro que trae ademais un agasallo fluorescente en forma de pegatinas.
Buscando o lugar onde viven as fadas apareccen personaxes marabillosos, sereas, pantasmas, estrelas... Un libro especial para ler ás escuras, e orixinal, xa que se ilumina, como por arte de maxia, incentivando o mundo da imaxinación.
Xerais sáese con esta xoia e, ao mesmo tempo, fornece aos pais cunha ferramenta, a da maxia en galego, moi difícil de atopar neste tipo de produtos. Desde aquí saudamos e animamos as editoras para que exploren e fagan país, xa que nos consta que hai moitas mamás e papás que ás veces se atopan cunha única opción. Temos que dicir que en canto Onde viven as fadas? cruzou a porta do souto, os brabádegos todos apagaron as luces e tardaron en soltalo para, por fin, compartilo con todas vós. Éxito garantizado e agasallo de Nadal para triunfar entre as cativas.


 Superrecomendado!

11.03.2015

O triángulo máxico. Ari e o Minotauro




Hoxe falamos de Ari e o Minotauro, unha novela de Ramón Caride Ogando en Tambre dentro da colección Catavento. Trátase dunha novela que ten como protagonistas a Ari, Isabel e Pedro.  A vida de Ari semella a de calquera rapaza da súa idade, atafegada entre o colexio, as amigas e a súa nai, uqe non entende que está comezando a facerse maior. Na praza que atravesa catro veces por día coñece un home que está alí acampado, un ancián sorprendente que sabe da vida, e tamén da propia Ari e da súa familia moito máis do que aparenta. Descubrir o seu segredo será apaixonante e doloroso, como acontece sempre coa existencia, un labirirnt aínda máis enguedellado ca o do Minotauro.
É un libro que turra de nós para que sexamos autónomos e arrisquemos nas nosas decisións, por que apostemos pola liberdade individual. Ten como protagonistas ás mulleres, que tornan reflexivas segundo as súas vivencias. Pedro é o apoio de Ari, que está a pasar por un momento de cambio interior, ao igual que moitos adolescentes. Isabel, a nai de Ari, ten as preocupacións lóxicas de calquera pai ou nai, inquedanzas de non saber se se fan ben as cousas coas fillas, se é o camiño correcto. A falta de tempo, unha sociedade que se move ás présas e a falta de conciliación, provocan inseguridades, sobre todo se ela experimentou na súa propia vida un momento de indefinición. Ari, pola contra, é unha rapaza firme, coas cousas claras, que goza dos momentos con Pedro porque é el o que responde ao milleiro de preguntas que a asaltan. O Mito e o conto de Mariña son dous exemplos claros de didáctica da autonomía e da valentía.
Un libro interesante porque achega contidos da cultura clásica, que provoca reflexión e guía botando man da trasversabilidade e de subxéneros como o mito.


Recomendámolo para rapaces a partir de doce anos.