1.26.2016

Coa maré

Acaba de saír do forno de Xerais xa a segunda edición de Nena e o mar, Premio Merlín de Literatura infantil 2015 da escritora Érica Esmorís, autora revelación chea de enxeño, que xa con O poder de Amabel e Ulises e as cronoamigas. Surfistas en California, deu mostras de frescura. En apenas dous meses Nena e o mar, ilustrado por Dani Padrón, outra referencia na nosa LIX, fíxose xa coa simpatía do público. Este feito supoñemos ten que ver con que calquera obra que saia premiada co Merlín é garante de calidade e entretemento, neste caso chea de intriga, de valores e de e maxín. En primeiro lugar e pola temática recordounos á prosa do grande monstro da literatura infantil e xuvenil que é Agustín Fernández Paz e a súa Serea da Illa Negra, onde tamén se artella unha historia sobre sereas, eses seres tan atraentes, tan suxestivos e tan engaioladores de en por si mesturando realidade e mundo máxico.
O feito de que a protagonista principal sexa Nena, unha cativa afouta, perseverante e tenra, redunda no gosto que no souto temos polas protagonistas femininas, pola sensibilidade que esta meniña orfa de nai ten, criada como nena revella, desas que analizan, sentencian e se comportan como os nosos maiores, contrastando teimuda con eles de fe e de esperanza.
A trama principal, a desaparición do pai de Nena na Illa das Sereas, vai confluíndo coa do resto de Porto Balea de xeito circular afondando en pequenas subhistorias e mantendo a premisa intacta de que todo é posible, con personaxes que evolúen, que van sentindo de novo nun rexurdir como pobo unha vez case rematada a historia.
O rescate, a profundidade das ilustracións de Dani Padrón, de azuis predominantes que nos fan mergullar, que nos fan adentrarnos na noite pecha, acompasan un mar salvaxe e profundo que bate forte contra os cons, un mar cheo de perigos, de envexas e de escuridade atronadora, por entre as pedras e preto do faro de Noon. A construción da gamela, dunha Eve resucitada, a educación do palpable, da experiencia fronte ao aprendido nos libros, a liberdade para poder facer, para soltar dos norais os cabos que nos atan, que nos van consumindo aos poucos... todo conforma un universo no que Nena fúe até a liberación do pai, enchoupada de tristura, nun final de rexurdimento e de calma, calma como a que transmite ese mar de futuro, de horizonte.

Unha boa opción de lectura para raparigos de once anos en diante.
 

Sem comentários:

Enviar um comentário