12.05.2016

Debuxando o bico torcido cara a abaixo


María Canosa Blanco é unha das escritoras máis prolíficas da nosa LIX, consagrada hai tempo como unha das voces máis significativas. Acaba de publicar con Urco Editora, selo relativamente novo que está a sorprender pola calidade das súas propostas, Cando cae a luz, e remoza para nós o xénero do relato curto.

No souto debemos o nome ao gran contador Ánxel Fole (en A luz do candil saían brabádegos!), polo que loamos a iniciativa de reivindicar este tipo de historias. Cando cae a luz, con composición de capa de José María Picón, consta de trece textos destinados a un público xuvenil/adulto onde a presenza do misterio e dun final tráxico está garantido. Con gran acerto o libro moderniza aquilo de sentar diante da lareira e escoitar relatos de meigas, trasgos e lobos dende unha perspectiva moderna, dando rápidas pinceladas e xogando coa maxia do oculto, do descoñecido, da predisposición á traxedia. Aínda que con dispar sorte, non todos teñen a mesma forza (o xénero non é nada fácil), salientamos e recomendamos esta obra, xa que no seu conxunto logra que sintamos o desacougo, a preocupación, que manteñamos a intriga por coñecer o desenlace e, nalgúns casos, sintamos o alento do medo. Unha parella que descobre unha man entre as follas, dúas rapazas que volven de festa pola noite, a presenza do condutor da liña 14, a persecución ata o río, o desacougo de non atopar a casa, os ollos e a mirada tétrica dun mozo esmoleiro, a morte, esa man familiar que toca as campás, consegue facerse con nós. Un volume diferente, que trata @s lector@s como adultas, sen caer excesivamente na fantasía, mantendo un equilibrio perfecto entre realidade e maxia.

Quen sabe se ao virar a esquina, despois dunha noite de marcha, nos cruzaremos cun rapaz xeitoso, de mirada azul electrizante ou, ao dármonos bicos apaixonados en calquera souto, soe un teléfono insistentente. 


Sem comentários:

Enviar um comentário