1.26.2016

Coa maré

Acaba de saír do forno de Xerais xa a segunda edición de Nena e o mar, Premio Merlín de Literatura infantil 2015 da escritora Érica Esmorís, autora revelación chea de enxeño, que xa con O poder de Amabel e Ulises e as cronoamigas. Surfistas en California, deu mostras de frescura. En apenas dous meses Nena e o mar, ilustrado por Dani Padrón, outra referencia na nosa LIX, fíxose xa coa simpatía do público. Este feito supoñemos ten que ver con que calquera obra que saia premiada co Merlín é garante de calidade e entretemento, neste caso chea de intriga, de valores e de e maxín. En primeiro lugar e pola temática recordounos á prosa do grande monstro da literatura infantil e xuvenil que é Agustín Fernández Paz e a súa Serea da Illa Negra, onde tamén se artella unha historia sobre sereas, eses seres tan atraentes, tan suxestivos e tan engaioladores de en por si mesturando realidade e mundo máxico.
O feito de que a protagonista principal sexa Nena, unha cativa afouta, perseverante e tenra, redunda no gosto que no souto temos polas protagonistas femininas, pola sensibilidade que esta meniña orfa de nai ten, criada como nena revella, desas que analizan, sentencian e se comportan como os nosos maiores, contrastando teimuda con eles de fe e de esperanza.
A trama principal, a desaparición do pai de Nena na Illa das Sereas, vai confluíndo coa do resto de Porto Balea de xeito circular afondando en pequenas subhistorias e mantendo a premisa intacta de que todo é posible, con personaxes que evolúen, que van sentindo de novo nun rexurdir como pobo unha vez case rematada a historia.
O rescate, a profundidade das ilustracións de Dani Padrón, de azuis predominantes que nos fan mergullar, que nos fan adentrarnos na noite pecha, acompasan un mar salvaxe e profundo que bate forte contra os cons, un mar cheo de perigos, de envexas e de escuridade atronadora, por entre as pedras e preto do faro de Noon. A construción da gamela, dunha Eve resucitada, a educación do palpable, da experiencia fronte ao aprendido nos libros, a liberdade para poder facer, para soltar dos norais os cabos que nos atan, que nos van consumindo aos poucos... todo conforma un universo no que Nena fúe até a liberación do pai, enchoupada de tristura, nun final de rexurdimento e de calma, calma como a que transmite ese mar de futuro, de horizonte.

Unha boa opción de lectura para raparigos de once anos en diante.
 

1.22.2016

Compartir peniscos das verdes fentas

Hoxe presentamos un dos dous volumes que, case coincidindo co deceso do escritor e referente das letras, Xosé Neira Vilas, publicou na recta final do 2015. Cantarolas, editado por Kalandraka, é a reedición dunha obra feita por Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas. A muller de Neira Vilas, o seu grande amor, marcou substancialmente a súa vida, Anisia, xornalista e educadora (fixo estudos de Maxisterio) foi determinante na Fundación que leva o seu nome e tamén na súa obra. Vinte anos despois da súa última versión impresa, as “Cantarolas” de Anisia Miranda e de Xosé Neira Vilas son reeditadas da man de Kalandraka. Cantarolas preséntasenos renovada e coas marabilhosas ilustracións en cores vivas de Leandro.

A primeira edición fíxose en Xerais e é todo un clásico da literatura infantil e xuvenil, xa que o autor (tamén a autora) constitúe un dos precursores da LIX. O valor da obra de Neira Vilas á parte da marabillosa harmonía formal do texto é tamén polo carácter normalizador deste. Cantarolas recórdanos a outro grande precursor da LIX como é Manuel María en Os soños da Gaiola, escritor patrio ao que se lle dedican as letras do 2016. Dicimos que nos recorda a Os soños na Gaiola, xa que na súa temática trátanse a modo de poema animais (Formigas, Tres bolboretas, Historia dun grilo...), fenómenos atmosféricos e elementos da natureza (O vento, O sol, O río, Chove, O piñeiro...) e cousas do cotiá da nosa cultura (O subiote, Lerias, Ferreiro...). Como é un deses libros pioneiros, foron moitos os que musicaron as súas cancións e na páxina web da Fundación Xosé Neira Vilas podemos ver unha mostra de temas compostos e interpretados por músicos galegos, inspirándose nestes versos na páxina da súa Fundación. Se por algo destaca esta edición, na que volvemos gozar cos poemas, facendo uso da arte menor e da copla tradicional, é, polo léxico, polo selo e a fachenda do noso ser, polo agarimo que Neira Vilas e Anisia puñan en todo o que facían, por ensinar tan ben, dun xeito tan didáctico que é sermos galegos, a morriña, os carreiros do noso monte, os animais, as profesións. As ilustracións de Leandro Lamas engaden aínda máis profundidade ao texto, á harmonía de aparentte sinxeleza que atesouran os versos, expresando ao seu xeito musicalidade. As cores e as formas tan características deste ilustrador saen do texto con predominio de verdes, rosas, laranxas, azuis e vermellos e convértense en bolboretas que dan voltas ao regueiro, soles que se agochan entre as nubes ou xoaniñas que gostan da natureza en mañás raioleiras. 

Indispensable para entender a nosa LIX, ideal para traballar nas aulas de Infantil e primeiro ciclo de Primaria.

1.19.2016

Audaces viaxeiros. Jules Verne e o seu mundo!


E seguimos a falar de Jules Verne, desta vez das súas viaxes, As viaxes fantásticas de Jules Verne editado por Baía Edicións nunha adaptación de Claude Carré ilustrada por Éric Puybaret e traducida por Ánxela Gracián. Un volume que reúne o mellor Verne que na súa época se converteu en millonario e famoso, nada que ver co tempo actual, onde os que se xubilan non poden nin escribir. As súas novelas íanse publicando por entregas na revista Hetzel. Este volume reúne Cinco semanas en globo, A volta ao mundo en 80 días, Viaxe á Lúa, Viaxe ao centro da terra e 20.000 leguas baixo os mares (obra que podemos tamén atopar na mesma editora na colección Grandes Clásicos Adaptados, unha colección moi visual e recomendable en álbum ilustrado para as pequenas). Antes de publicarse como libro as novelas de Verne aparecían por entregas na revista de Hetzel, Magazine d'Éducation et de Récréation.
Este volume, que ten tapas duras, preséntasenos como unha recompilación, vémolo necesario por ofrecérmonos unha edición coidada, en galego e de ilustracións moi fermosas, modernas, unha publicación que faltaba ao noso entender, unha boa obra editada especialmente ideal para ler varios días e varias veces. Formalmente a tradución de Ánxela Gracián é perfecta, achega riqueza á narrativa imaxinativa de Verne con creatividade, empregando léxico descritivo, adaptando a obra á nosa cultura, facendo un bo uso das comparacións.
Cinco semanas en globo conta a aventura de Samuel Fergusson, Dick Kennedy e o servente Joe por África, un desafío aéreo que lanzou no anfiteatro da Real Sociedade de Xeografía de Londres. O exotismo desta novela, os inventos e a modernidade na época atraparon o lector, como atrapan os lectores xa autónomos desta obra.
A volta ao mundo en 80 días é outra noveliña de aventuras, de aventuras por mor dunha aposta do británico Phileas Fogg e do seu axudante Jean Passepartout, constituído en por si coma un referente na literatura de finais do século XIX e principios do XX. O poder creativo de Jules Verne, a caracterización dos personaxes, a forma de reflectir a sociedade finisecular e ese contraste entre dous mundos, o explorado e o inexplorado, o moderno e o tradicional (de costumes e xerarquías) marabilla aínda hoxe.
Viaxe á lúa, Viaxe ao centro da Terra e 20.000 leguas baixo aos mares son un delírio imaxinativo tal que adiantanse no tempo, son historias futuribles e formarán parte do maxín común de moitas xeracións. Luras xigantes, monstros, tiburóns, países exóticos ben pagan a pena para fomentar a imaxinación entre os mozotes e para ler, sobre todo para ler historias que nunca caducan e perduran no tempo.
As ilustracións, con predominio dos azuis, invitan a poñerlle luces e profundidade á aventura.




1.14.2016

O mel floral das colmeas


Nas tardes de chuvia non hai nada mellor que facer que ler, nós aproveitamos as esperas, as eternas e tediosas esperas dos médicos, as colas en Facenda, no desemprego, na Xunta, as viaxes en tren, as tardes soltas, substituímos a televisión, eses programas que non achegan nada, que apampan, que lle poñen couto ao soñar. E nesas viaxes lectoras podes facer calquera cousa, podes embarcarte en calquera aventura, podes ir de viaxe de rapazada a Praga, a Bergen, a Venecia, a calquera lugar de Europa.
Andrea Maceiras sábeo, a gañadora do Premio Jules Verne de Literatura xuvenil 2015, é un valor seguro á hora de apostar por un libro que nos guste. A súa narrativa nunca defrauda, é case doutro planeta, xa que a pesar da súa xuventude, tórnase un valor seguro de entretemento, de garante de que imos saborear gorentosamente o que nos ofreza. Para quen non o saiba, a autora (1987), vangarda da nosa LIX, atesoura numerosos recoñecementos, cun estilo diáfano, citas textuais enriquecedoras, contidos  e atardeceres de cores, que cegan polo sol ao ritmo das abellas.
No souto sabemos cando un libro é bo por moitas cousas, mais hai unha que fai que destaque polas outras, cando lemos un libro e observamos que é para todos os públicos, cando calquera o pode ler e ficar atrapado por el ata o final. A LIX non deixa de ser literatura, unha literatura difícil de artellar, xa que ademais dunha boa historia, e esta éo, ten que reunir valores, ten que formar, ten que encher de coñecemento e facer soñar.
Este libro, Europa Express, dentro da colección Fóra de Xogo, con ilustración de capa de Antonio Seijas, trata dunha viaxe en Interrail que marcará as vidas de sete raparigos, trata do salto que se produce despois de rematar os estudos, de que será deles no futuro, un futuro determinado pola traxedia, unha traxedia que agocha o misterio dun fatal desenlace e que provoca desacougo, incerteza, intriga e pánico. As personaxes dialogan consigo mesmas e nós imos coñecendo a través de saltos no tempo o acontecido. A novela empeza suave, lixeira, un chisco lenta incluso, mas engancha até o final. Todas queremos saber das circustancias que provocaron a morte de Xacobe, todas nos poñemos no lugar de Aroa, experimentando a calma que producen as flores, as abellas, o viveiro... Todas nos debatemos entre a culpabilidade e a absolución xa que todas empatizamos con ela, con esa luz cegadora que é fermosa pero doe. 


Unha postal, unha simple postal, tráenos as preocupacións mozas, as inquedanzas que todas experimentamos ao non querer facer sufrir, ao vivir a paixón, a necesidade de liberdade individual, a construción dunha vida. As familias desestruturadas, os medos persoais, a cousificación da muller, a dureza da emigración, as relacións amorosas tóxicas, o exótico doutros mundos, as viaxes, o desprenderse dos pais, os valores, o mundo marabilloso das flores, todo está en harmonía nunha novela que mantén a intriga até o final.
Marabillosamente contruída, de descricións exquisitas, facendo un uso perfecto do flash back, envolve o lector e faise cómplice con el, confidente, incluíndoo como un espectador máis da realidade, da verdade da causa da morte de Xacobe, da curiosidade que pode liberar a Nico, Bea e, sobre todo a Aroa.

Recomendación do souto.



1.11.2016

Versos nas rochas pintados con pincel



Abrimos o ano, despois dun merecido descanso natalicio, falando de Palabras do mar, de Antonio García Teijeiro e Xosé Tomás publicado por Edicións Embora, un luxo das nosas letras este tandem e, sobre todo, Antonio García Teijeiro, un peso pesado da nosa LIX, un referente no ensinar das letras, da didáctica da poesía nas aulas. Palabras do mar é un poemario en formato álbum ilustrado e tapas duras, unha alfaia, que forma parte dunha triloxía poética constituída por En la cuna del mar, Palabras do mar e outro volume que aínda está sen editar e que levará por título Poemar o mar. Chéganos como diálogo co mar, empregando unha linguaxe poética precisa e clara, limpa coma unha onda poética, como aproximación ao mundo da poesía, coma un convite a xogar coas palabras para crear de modo aparentemente sinxelo un universo submarino tan ben captado polas ilustracións doutro grande, Xosé Tomás.

O mar éche un soño
que tiven de neno.
Un soño que sinto.
Un soño que lembro.

O mar que me mira
cuns ollos inmensos,
ás veces ve moito,
ás veces é cego.

Desde o inicio establécese un xogo intertextual de elementos do mar, mesturando bicos tenros, solpores entre os piñeiros, buguinas, ondas de coral ou sereas farrucas cun ronsel de estruturas poéticas. A linguaxe entre lector e autor bota man, entre outros, dunha copla, dunha cantiga de berce, dun desexo ao revés, de haikus ou de case un limerick (é unha forma poética formada comunmente por cinco versos cun esquema de rima estrito: AABBA). Ese diálogo lúdico que establece Antonio García Teijeiro e ao que só se atreven os grandes, esténdese á concepción global da obra grazas a Xosé Tomás. Ese mar, con peixes de ollos desproporcionados, formas redondas, pailebotes de papel, golfiños que saltan lúas minguantes ou cabelos infindos de nenas que nadan ao revés, vólvese sublime tornándose toda unha lección de literatura con referencias a outros que lle dedicaron palabras e versos preciosos ao mar: Neruda, Manuel María e Rafael Alberti.

O azul do mar
         está a rir
         está a rir ás gargalladas.

No souto somos admiradores de Antonio García Teijeiro, recomendamos a súa obra en conxunto como unha oportunidade formativa para aqueles que queiran ir máis alá, para os que queiran facer atractiva a literatura, para xogar nas aulas ou na casa coas nenas e para expulsar esa concepción errónea de que a poesía é difícil ou innecesaria.
A poesía dótase da imaxinación das cativas, desa imaxinación de galano que as pequenas atesouran en por si cando ven na lúa un plátano ou nas pozas lagoas, cando as palabras brillan máis alá das imaxes, de aí, da súa maxistral concepción da lírica e da súa didáctica, é todo un referente, alguén ao que seguir no seu Versos e aloumiños, alguén que nos nutre dunha perspectiva necesaria, máis alá do idioma, trátase dun mestre da palabra, alguén que coa súa sensibilidade contaxia, alguén que envolve as palabras de brisa para poder soñar.


Recomendación do souto.