2.25.2016

De aquí para alá voa voa sen parar!


E no souto seguimos falando de música e de proxectos que teñen que ver con ela. Hoxe recensionamos o traballo de Lydia Botana en Cumio,
De aquí para alá, ilustrado por Roy Dosil Chas, conta a historia dun cativo africano chamado Gali. Gali non era quen de parar de chorar ata que atopa un casulo dunha bolboreta. El cóidaa no baobab no que está pendurado ata que se transforma. Bolboreta, agradecida, emprende con el unha viaxe por unha morea de países, ensinándolle mundo para que sexa feliz, unha chea de ritmos distintos: cubanos, dos EEUU, chineses, brasileiros, australianos, xamaicanos, dos balcáns, galegos,..  Neses países descobren distintos aspectos da súa cultura e as súas músicas e a pequena bolboreta vai medrando ao compás da música e da felicidade recuperada de Gali.
Trátase dun libro didáctico que achega, á parte dun CD con 26 temas (karaoke incluído), unha guía didáctica para facilitar a comprensión, pois fala ademais de aspectos relacionados coa natureza (proceso de metamorfose), coa fauna (distintos animais de Oceanía), dos distintos ritmos musicais e instrumentos (Jazz, Reagge, Beat Box, Samba/ intrumentos de corda, vento e percusión), de festa, de deportes, das maneiras de saudar nas terras orientais e, por suposto, da nosa cultura, do que nos fai diferentes e especiais.

A unidade didáctica pódese traballar perfectamente nas aulas de música do primeiro Ciclo de Primaria. Achega trasversabilidade con outras materias e amosa os distintos tipos de instrumentos, os sons e os ritmos. O mellor é a voz suave e cálida de Lydia, a maneira pousada de contar, os ritmos e as letras.

2.22.2016

Guindando carabuñas coa lingua e sen parar!



Hoxe no souto falamos dun libro-cd editado por Galaxia hai uns meses, A bruxa Discordia, con ilustracións de Iria Fafián e da autoría de Mamá Cabra con Carmen Gil. O formato do libro-cd non é outro que o de conto e as músicas contan as peripecias da bruxa Discordia, unha bruxa-cativa que é adicta ás olivas e que soporta un proído que a fai ser malvada. A bruxa Discordia gosta de guindar as garabuñas das olivas coa lingua, por iso as come todos os días, despois, máis tarde, sente a necesidade de facer o mal, de lanzar esconxuros para que os bechiños que viven no fondo do mar non compartan, non xoguen e pelexen. A fada Margarida faille ver que non é mala, que non é alérxica á paz e bota un contrafeitizo que a conducirá á paz.


A bruxa Discordia é ademais de conto, unha recompilación de 12 cancións para a paz, destacando neles valores, comportamentos axeitados. Inserida na colección Sonárbore, que reúne os títulos máis representativos da historia do libro-cd, forma parte da magnífica traxectoria do grupo musical Mamá Cabra. Mamá Cabra era xa un referente na música na nosa lingua cando se sumou ao formato do libro-cd con títulos como Ola, ola, la!, Todo natural, Xa me tardan estes Magos, Bicos de Música, Cartas que veñen e van  e Estación Nadal. O que caracteriza as letras deste e de todos os traballos da formación é a magnífica achega de valores e de vocabulario. Neste caso, na Bruxa discordia, achega un enfoque de respecto cara aos demais. Cando os nenos son pequenos tenden a consolidar ese meu que indica propiedade e somos os pais e as nais os que temos que incidir na necesidade de socializar, de compartir, de poñer paz para gozar do positivo que isto supón. Estas letras inciden niso e por iso podemos botar man deste traballo, que é para todos os públicos e en especial para os máis pequenos, para traballar de forma lúdica nos ciclos de Infantil e no primeiro ciclo de Primaria.
As ilustracións de Iría Fafián transmiten á perfección a discordia, o pelexar, a irreverencia da pequena bruxa, os proídos... reflicten á perfección ese espazo mariño, a sabana, cun predominio dese verde oliva que engloba todo o álbum ilustrado.


Boa opción para o día da Paz, para que @s peques aprendan vocabulario cotiá e deixen voar a imaxinación, para que compartan e formen equipo!

2.17.2016

O neno máis listo. Teño os pés perfectos



No souto non nos damos resistido ante unha poza, a invernía viste os nosos pés con katiuskas, metémolos nas pozas, incluso nos mollamos e, ao chegares á casa, quitamos todo o que nos oprime, ao caloriño do quente da casa, e gozamos da sensación do contacto coa madeira. Mamá castiñeiro berra cando pousamos sobre a fría plaqueta da cociña, nós fuximos, quedamos pampos mirando para as dedas, xogamos entre nós, medímolos e facémonos cóxegas con eles.
Os pés, os nosos pés, adquiriron unha dimensión extraordinaria des que lemos Teño uns pés perfectos, de María Solar, ilustrado por Gusti e editado por Kalandraka.
Melchor Sabichón é o neno máis listo da escola, da vila, do planeta. Desde pequeno sentiu unha curiosidade enorme, grandísima, xigante. Era tanta a súa sabedoría que, cando o chamaron do concurso de televisión Na busca do neno máis listo, púxose moi contento. Canda a Melchor, Isidro Todosabe e Raquel Requetelista como concursantes, vai participar ilusionado ata que lle cae en sorte como tema Pés. Que sabe el dos pés? Que sabemos nós dos pés? Que importancia lles damos? Que se pode saber dos pés?


María Solar consolídase unha escritora de LIX e volve sorprender pola súa temática cargada de orixinalidade e enxeño. Este, probablemente, sexa un dos libros máis interesantes do ano pola perspectiva, desde o punto de vista didáctico, pola extraordinaria e desbordante imaxinación da autora e pola súa estrutura, disposición e valores. Os pés, un elemento físico sobre o que descargamos o peso do corpo, un elemento lúdico para os pequenos, que nos achega un mar de sensacións, é o punto de partida para construír o saber, para darnos información sobre cálculo, sobre o antigo Exipto, para saber quen é máis rápido, para saber aspectos da humanidade...
Melchor Sabichón é un neno deses listos e intelixentes, esperto, ese cativo curioso que todas levamos dentro, esa nena que hai que fomentar entre os rapaces e as rapazas para que o día de mañá sexan mulleres e homes de futuro.
Un dos aspectos máis salientables deste volume de tapas duras ilustrado polo veterán Gusti é as mil portas do saber que abre, un libro dentro doutro libro, cun emprego metaliterario e exquisito do saber. Trátase dun libro divertido, que loita contra a competitibidade, que establece e recoñece o esforzo e a humildade. As ilustracións, de Gusti, con predominio dun rosa laranxado ou dun laranxa arrosado, achegan un toque irreverente, rebelde, cómico, gamberro, case restando importancia a ese saber, ese outro saber competitivo e innecesario.
Aprender non é memorizar, non é facer fichas, é reflexionar sobre o que sabemos, desde o físico, desde o cotiá, até un universo que se expande. Imprescindible para recoñecer que non sabemos nada, que todas temos carencias de aprendizaxe que podemos subsanar.
Recomendámolo totalmente no souto e convidámosvos para que lles botedes un vistazo aos vosos pés!

2.11.2016

Encher as mans de sal



Un dous, tres, catro e cinco... no souto damos brincos, celebramos a chegada de Edicións Lafragatina ao noso mundo. Estreamos con sabor a mar, aínda que nestes días ande afouto, cheo de ondas que impoñen e sacoden a nosa costa. Unha mirada aos meses de verán, un galano de mar, os días eternos de praia, os xogos na area, esa sensación de liberdade que experimentamos as nenas cando chimpamos as ondas. Falamos dun álbum ilustrado fermoso, visual, profundo como o mar no que se inspira, trátase de Un día no mar, de Paula Carbonell, á que recordamos por traballos como Un can e un gato e Buscando o Norte ou A viaxe das bolboretas en Xerais, é un deses álbums ilustrados que conxuga á perfección texto e imaxe. O poder das ilustracións é de Marjorie Pouchet, autora tamén de Moito Conto ou Oso atrapabolboretas.
A historia de María, unha cativa inquieta, é a dun día de praia canda os seus pais. Xogando coa area a pequena encontra un frasco cunha mensaxe dentro: «SOS. Necesito axuda e axiña». De modo que María, toda curiosa, mergúllase no océano para saber quen lle manda esas palabras entre as ondas. As buguinas, as lilainas, a brisa mariña, o texto rimado fainos cómplices dun relato doce e misterioso.


Ve un frasco que flota
e contén outra nota.
Unha, dúas, tres...
ti tamén o les!


Trátase dunha obra que conxuga furnas, caramuxos, algas, acuarios e sereas, doas perladas, tesouros mariños e sobre todo.... moito cariño.
Un texto que achega léxico, lirismo, que visualiza o mar da man da profundidade das ondas. Un álbum espectacular cremos nós, cunhas ilustracións perfectas, sublimes, con detalle, destacadas en tons pasteis con predominio dos turquesa e dos vermellos; unha marabilla visual pola que camiñan as buguinas e as algas, voan as gaivotas e pululan frascos con mensaxes.
A dozura, a aparente sinxeleza e o marabilloso evocar de cando as nenas xogan, cando se volven croquetas de area, os tesouros que podemos topar, caranguexos e peixiños incluídos, fan deste volume unha magnífica opción para ensinar, para ir ao detalle e, sobre todo, profundar na lectura cos máis pequenos.


Recomendación do souto.

2.04.2016

Verdor en prados e leiras, piñeirais e carballeiras


Neste entroido de máscaras e de tradición ancestral non convén esquecer que a nosa identidade como pobo e que a nosa lingua é o que nos fai especiais. Esa singularidade que non debemos esquecer, é a memoria do que sucedeu antes de nós, moito antes, xente que defendeu a nosa lingua, que transmitiu a cultura e que creou escola. Educármonos en galego é garantir a supervivencia da lingua, coñecer a nosa historia é manter a tradición, é querer os nosos avós e avoas e aos avós dos nosos avós e das nosas avoas. Neira Vilas deixounos unha obra a piques de saír do prelo, a súa derradeira lección de mestre, a obra editouna Edicións Embora e leva por título Galicia, a nosa ledicia, ilustrada por Dani Viéitez e Iría Iglesias.



Neste albúm ilustrado cóntase en verso a historia do noso pobo, de Galiza, dende a chegada dos celtas, os castros, como vivían e que chegou a nós da súa cultura; tamén se conta a influencia dos romanos, da igrexa, do Camiño de Santiago, de como vivían os reis, os nosos reis e os de Castela, dos irmandiños, de tempos modernos e dun futuro de esperanza, de amor para a lingua e para nós como pobo. A importancia desta obra, no noso entender, radica no feito de cubrir outro oco, o de ofrecer a nosa historia de forma global, o dun manual axeitado, en verso ademais, coidado desde o punto de vista léxico e estético, apetente para un público infantil, neutro politicamente, cunha aproximación ao cómic por parte dos ilustradores, mais mantendo a esencia do álbum, dirixida a elas desde o punto visual. Un manual para espertalos, para contextualizalos, explicativo da realidade que os rodea, útil para os pais e para os educadores e, sobre todo, para que ninguén esqueza de onde somos e de onde vimos.

Neste volume podes atopar o amor e o afecto de Neira Vilas, a súa importancia e a súa mestría no contar, de como fala da emigración e da fame, da Galiza moderna, do que nos divide e do que nos une.

Recomendación do souto.