4.27.2016

Raíces que prenden no ceo


Hai unhas semanas, a de Brabádegos tivo a inmensa honra de presentar en Compostela canda as autoras, Marcos Viso e María Canosa e o editor Xan Arias, de Trifolium, o álbum ilustrado para adultas (todos os públicos) Parar o Mundo, hoxe, facemos unha breve crítica deste volume que vai máis máis alá da concepción do álbum ilustrado convencional e se pon á altura do álbum ilustrado que se está a deseñar no panorama europeo. Este volume, enche pois, un oco na nosa literatura e achega frescura creativa.
O libro ilustrado é o conxunto da imaxe gráfica e relato literario; dalgunha maneira ambas as manifestacións artísticas compleméntanse: a ilustración prolonga o sentido de relato e o relato busca as orientacións que conducen á fantasía polo camiño do novo e do diferente. Un libro ilustrado ofrece aos lectores pracer, entretemento, e sobre todo, unha experiencia creativa e estética. O libro ilustrado amplía as capacidades intelectuais do receptor.
Nun libro ilustrado, a imaxe é o primeiro, neste o lector ve, é a primeira impresión da historia. Ten varias funcións. Nun primeiro momento crea a atmosfera da obra: as cores, a técnica que o ilustrador utiliza, a lapiz, as follas dos carballos cosidas, indícannos o ambiente en que se sitúa. Achega información ao lector sobre a contorna, os personaxes, etc. Dá o ton. As ilustracións suxírennos o contido poético, aberto, anímico e interpretativo. Provoca no espectador na súa sensibilidade máis íntima, pondo en escena situacións que favorecen tomas de postura en relación co exposto polo autor. Ofrece a oportunidade dun diálogo. O lector mira a imaxe e esta á súa vez penetra no lector producíndolle sensacións, como neste caso, a necesidade de parar, de pensar, de resolver as súas propias sensacións e sentimentos.


Marcos Viso é un dos mellores creadores da actualidade con obras como Vaite xa! e Unha casiña branca, con Marcos Calveiro. A pesar de aterrar recentemente na nosa literatura, a súa creatividade e o poder das súas ilustracións convérteno nun valor actual. María Canosa é xa unha creadora consolidada, un referente en LIX, un valor en alza, independente e caracterizada por unha prosa chea de lirismo, por poemas construídos maxistralmente. Os dous conflúen nesa imaxe, nese poder evocador. O texto é dunha fermosura e delicadeza especial, ao igual que as imaxes e os espazos, eses ocos que provocan, que nos sacoden, que nos fan fuxir da invernía para encallar na realidade podéndoa asumir mellor despois de parar, de acougar, despois de Parar o Mundo.


Recomendámolo para todos os públicos. 

4.18.2016

Máis alá do souto de Sombreu


Chegou ao souto Quen dá a quenda? de Héctor Cajaraville con ilustracións de Ignacio Hernández dentro da colección Merlín de Xerais. Unha proposta lectora de Héctor Cajaraville que quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015. Héctor Cajaraville foi o gañador do premio Xerais de novela dese mesmo ano con De Remate. Trátase dun autor que procede do mundo do xornalismo e do mundo editorial e que se está a consolidar como escritor de referencia e calidade ao facerse recentemente tamén co premio Ánxel Fole de relato curto.
Quen dá a quenda? é unha noveliña que ten como protagonista unha meiga, Divina, que vive nunha fraga.  Alí ten un consultorio ao que van parar animais e persoas, cúmulos e obxectos que buscan un remedio para o seu mal. Todas estas personaxes, todos os doentes, caracterízanse por ter un mal que sorprende. Trátase dun discurso que sempre parte do tanxible, do real, mesturándose á perfección co imaxinario, cun despropósito marabilloso. Vinte relatos que comezan coa descrición do consultorio dunha bruxa singular e un final que tamén ten que ver con ela, dende un xeneral que fala en verso e contaxia, pasando por unha laranxeira de cores invertidas (verde as laranxas e follas laranxas), unha pantasma que non mete medo, un ordenador desesperado, un neno que soñaba que soñaba, dous tomos de dicionario que perden palabras e até un sapo que quere cantar e da súa boca, grazas ao remedio da meiga, sae unha harmónica mestura dunha harmónica melodía. O despropósito, a ese despropósito inicial, súmase un final esperpéntico cando un inspector subcontratado do Ministerio de Facenda clausura o seu consultorio e, o final final, que non desvelaremos para manter a intriga.
Na novela, á par que un léxico para traballar a sinonimia, a estrutura da frase, os contidos ou as características formais do relato curto enfiado, sobresae a imaxinación, o surrealismo máxico e valores como o traballo en equipo, a recompensa por unha boa obra, a autoestima persoal, o inconformismo... As ilustracións de Ignacio Hernández axúdannos para seguir soñando, para que sentemos na consulta unha vez máis, canda unha cortina faladora, agardando a nosa quenda, sen temer, que volva aparecer o afán recadatorio do capitalismo atroz que espreme os pobres, os que non temos offshore.
Ideal para traballar no segundo ciclo de Primaria co léxico, artellando e promovendo na rapazada a construción das súas propias historias, para traballar e mirar os dicionarios de xeito diferente, usándoos naquelas palabras que non sabemos e achegan fluidez e riqueza expresiva.

4.11.2016

Se quedas co marrón, serás un bo... pasmón!


Hoxe falamos da peza teatral Moito Morro Coporation, Sociedade Ilimitada, editada por Galaxia na collección Árbore para cativos de dez anos en diante, do dramaturgo Carlos Labraña con ilustracións de Rodrigo Chao, un dos ilustradores máis consolidados da nosa LIX.
Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada é unha obra en dous lances con catorce escenas e un epílogo que conta as aventuras dos integrantes dun circo que intentan conseguir os cartos necesarios para pagarlle á dona dos terreos onde teñen montada a súa carpa. Acoden ao banco e alí sucédese unha serie de situacións esperpénticas, transgresoras e, sobre todo, divertidas. A trama destaca pola súa orixinalidade, polo enxeño, pola caracterización dos personaxes e por, ademais, mesturar dun xeito magnífico a realidade coa ficción. Toda ela constitúe unha crítica contra o capital, contra o excesivo cariz especulativo da sociedade, contra a banca e contra o individualismo. O discurso narrativo está dotado dun gran dinamismo e achega valores transversais como o traballo en equipo, a solidariedade e o valor da amizade. Trátase dunha peza que resucita un circo de viravoltas e pinchacarneiros, que turra da nosa imaxinación para imaxinármonos colectivamente unha función especialmente hilarante.


Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada está concibida para a representación, para representar nos teatros ou nas aulas. Esta e todas as pezas que conforman a nosa LIX son ferramentas fundamentais para a normalización do idioma, para dotar os nenos e as nenas da oralidade tan necesaria, para traballar vogais, para construír discurso, para traballar a dicción, a expresión, o falar en público.
Carlos Labraña é un referente en LIX, continuador do traballo de Castelao, Carlos Casares, Manuel María, Neira Vilas, Manuel Lourenzo, de Eloxio Ruibal, Roberto Vidal Bolaño, Pura e Dora Vázquez, Lola González... É o traballo xeneroso de moitos homes e moitas mulleres do teatro o que o vai dotando dun estatus que ata hai ben nada non tiña.
As ilustracións de Rodrigo Chao son magníficas, trátase dun traballo en tons pasteis que completa a perfección o texto, dotándoo da imaxinación precisa, cunha caracterización complementaria de personaxes sorprendente (destacamos a dos homes voitre especialmente).


Recomendamos no souto as obras de teatro para a expresión oral da lingua, para traballar en conxunto o vocabulario, para transformármonos o texto e para o fomento da representación teatral. Para todos os públicos e especialmente o segundo ciclo de Primaria e o primeiro curso de Secundaria.