5.25.2016

Un bosque de margaridas

Contos nerviosos é o novo libro de Fran Alonso ilustrado por Dani Padrón. Edítase en Edicións Embora e vai dirixido a lectores autónomos, é un libro marabilloso que fai uso dunha prosa áxil, tinguida de lirismo e cargada de imprevistos. Contos nerviosos son, como o seu nome indica, narracións breves dotadas de axilidade e ritmo, contos sorprendentes pola súa temática e por como se abordan os personaxes, como se nos presentan; son nubes violetas con forma de lambetada que non impiden que nos acariñe o sol. A acción desencadéase sempre desde un concreto que provoca, que remexe, que sorprende un protagonista que non sabe, que busca unha solución, que transita por mundos paralelos. Esa inquietude, ese nerviosismo que contaxia o lector é o que fai único, xa que convida a soñar, a mergullármonos nunha realidade infantil, na mentalidade infantil, na perspectiva dunha cativa e na súa percepción da realidade. O mundo virtual, ese presente incerto polo que camiñamos, o avance do mundo tecnolóxico son características que destacan. Os problemas, a evasión necesaria, a cidade, o diferente, Contos nerviosos é un todo, unha maxestosa forma de tratar a literatura, unha revisión necesaria da forma de concibir.
Fran Alonso volve ser un valor seguro, con selo propio, volve poñer patas arriba a concepción literaria, revoluciona unha vez máis o concibido e achega esa dose de frescura necesaria, acompañándoa, unha vez máis, de sentido do humor e de maxia necesaria. Dani Padrón, un grande da ilustración, confírelle o toque irreverente, faise eco do surrealismo marabilloso da prosa de Fran Alonso, achega personalidade e constrúe maxistralmente un mundo de deseño virtual que foxe da realidade a través dun laberinto de detalle.

En conxunto, é unha obra que salientamos destacadamente, que cremos digna de recoñecemento e de recomendación. De Fran Alonso, incluída a súa maxistral Poetízate (libro imprescindible no ensino), recomendámolo todo, tamén a súa web e esta entrevista sobre a obra no Zig zag da TVG.
Atrevédevos a mergullar no mundo da Cabrafanada, tamén está nunha das tres historias deste libro, e, para saber de que van, debes ler, fíate de nós, vas alucinar!

5.11.2016

Agardar sobre o peitoril da ventá

"A lúa parece unha torta de queixo
grande e as casas, reflectidas na pel 
da auga, son talmente gamelas brancas
que se bambean entre as outras
barcas de cores.
Dende alí pode ver como as ondas 
lamben o peirao. Son linguas de 
escuma que lle traen voces familiares
dos mares de lonxe:

Veleiro preciosooooo
Sereíñaaaaaaa...
Buguina....
Gaivota cantareiraaaaaa"

A prosa de Fina Casalderrey, un dos buques insignies das nosas letras, unha grande da LIX, é sempre un agasallo para nós, é sinónimo de fermosura, dese saber captar o abanear das follas cando caen, do saber describir con palabras o argazo sobre a area, un cardume de lingua e sensibilidade, fermosura. As ilustracións de Marina Seoane van na mesma liña, a delicadeza dun barco de papel sobre un cobertor de xardas azuis, unha boneca pousada gracilmente sobre o aparador, nenas a saltar no recreo á corda...
Estamos a falar de O segredo de Zoe, de Fina Casalderrey, educadora, escritora, académica, muller afouta nun mundo de homes, e de Marina Seoane, cun selo persoal moi definido, creativa e orixinal, chea de frescura. O segredo de Zoe está publicado na colección Ala Delta de Tambre, selo de Edelvives en Galiza, e está dirixido a cativas a partir dos cinco anos. Trátase dun libro que agocha un misterio, un desafío para as nosas nenas que terán que descubrir que é o que garda a protagonista desta historia nun dos petos do seu anorak. Ese segredo non compartido non lle deixa durmir e non llo pode contar a ninguén, nós non o imos contar pero si podemos dicir que engancha na lectura, que se converte nunha ansia de descubrilo e, para tal cometido, é imprescindible ler. O segredo de Zoe é un libro que funciona, que cumpre coa función que deben ter aquelas obras que se dirixen a este tipo de lectores que están a aprender, que necesitan de maxia, de certo misterio e do léxico desas cousas pequenas nas que reparar. Se hai algo que se perde neste mundo tolo cheo de présas e estrés é a capacidade de ensoñación, a capacidade para voar, a capacidade para detérmonos e lamber a brisa do mar.

Desde o punto de vista dos valores transversais é unha boa proposta didáctica, pois incide no amor que lle temos ás persoas que forman parte do noso círculo, na asimilación dos nosos sentimentos, na paciencia, no saborear das cousas que merecen a pena, no respecto ao traballo das persoas que fan as tarefas da casa. Mestura á perfección o decorrer dos días con esas cousas pequenas que nos fan felices e conforman a personalidade das cativas. É un libro que trata tamén as ausencias por motivos laborais dos proxenitores, que axuda a xestionar as ansias de reencontro. Maxistralmente escrito e descrito, libro que lles encanta ao interactuar con elas dun xeito lúdico.
As ilustracións de Marina Seoane coidan o detalle, ofrecen un referente claro e promoven o voar, o deixarse levar polas palabras doces que conforman o texto.

Trátase dunha moi boa opción para ler, para fomentar a lectura e para dignificar profesións duras do mar, alicerces do noso sector produtivo.

Recomendación do souto para primeiro ciclo de Primaria.

5.03.2016

Estamos feitos de po de estrelas

Ao souto chegan moitos álbums ilustrados e de entre eles hai algúns que destacan pola súa orixinalidade e creatividade.

Hoxe falamos de Quebracabezas, de Diego Bianki, traducido por Manuela Rodríguez, un álbum editado por Kalandraka e que posúe gran versatilidade, pois está concibido de maneira transversal. Quebracabezas preséntasenos versátil, como unha proposta ambivalente e partindo do principio das tres erres: Recuperar, reciclar e reutilizar. Este principio espállase por todo o volume acompañado do ter en conta os sentimentos, a solidariedade, incidindo no respecto ao diferente, convidando a achegármonos para abrir a mente xuntas e xogar, xogar a crear o noso propio quebracabezas como actividade na casa ou na escola, seguindo os mesmos pasos que o autor. Un volume que espreme a nosa imaxinación creativa turrando por nós até sentar para configurar un mundo de noso e novo.
As caixas que o compoñen configuran formas diferentes, con cores vivas, de cartón, pintadas e encaixadas. Diego Bianki crea un mundo de diferentes identidades que, á súa vez se interrelacionan. Trátase dun manual contra a discriminación e a exclusión que invita os lectores a experimentar, a seguir sumando novas combinacións para que cada un constrúa o seu propio catálogo de identidades infinitas.
Mestre de debuxo e deseñador, Bianki traballa como ilustrador e director de arte do selo Pequeño Editor, é ademais autor de libros ilustrados para público infantil e xuvenil. Colabora con periódicos e revistas de varios países, ademais de participar en foros, festivais e xornadas sobre edición, ilustración e literatura infantil. Este volume en concreto recibiu unha mención na Feira de Boloña do 2015. 

Un volume que cremos imprescindible para a escola e para a casa, que encaixa moi ben en Infantil e nos primeiros ciclos de Primaria para traballar a convivencia e reducir a agresividade, potencia a creatividade e serve para respectar e educar na conservación do medio, no ecoloxismo e no control das emocións.

Recomendación do souto.