9.28.2016

A lenda de Sally Jones. Nunha noite sen lúa

 A lenda de Sally Jones, de Jakob Wegelius, autor e ilustrador nado en Göteburg, é un libro traducido a dez idiomas, neste caso por Moisés Barcia, e premiado en varias ocasións, entre outros, co Premio August. Sushi Books aposta por achegármonos títulos contemporáneos da literatura xuvenil, desta vez apostando por un formato en tapas duras e formato tipo cómic.

Esta é unha historia sobre crimes non resoltos en terras afastadas, a historia dunha gorila raptada do seu hábitat africano, nun contexto de principio do século XX, finais do XIX, cando as cidades encerraban misterio, espectáculos circenses e zoolóxicos cheos de animais exóticos. É unha historia sobre maldade taimada en xunglas calorosas e sobre unha leal amizade en océanos tormentosos. É unha historia sobre a morriña, a esperanza e traizóns crueis. A lenda de Sally Jones agócha tras a acción coñecemento do mundo, respecto polo medio e valores como o da amizade, a aprendizaxe constante, o ben sobre o mal, unha condea expresa da violencia animal, afán de superación e, sobre todo, un ritmo rápido onde a curiosidade pola aventura, por como se resolve prevalece.
Sally Jones non serve como monstro, tampouco como o agasallo de voda para a bela, Fátima, unha noiva turca. Aínda que ten certo éxito como ladroa, o que busca é especialmente ser querida. Tampouco encaixa na selva de Borneo canda Baba, un orangután do que namora e que rescata do zoolóxico. Sally Jones non é de Borneo, non é o grande achado do maltratador e falso biólogo Kaspar Meyer. Sally Jones é leal e xunto ao Xefe construírá o seu propio hábitat, a súa propia casa.

As ilustracións de Jackob Wegelius dannos a coñecer un mundo que voa de punta a punta, que navega, que se embarca nunha marabilla do detalle, que nos achega París montados no Orient Express. Unha fantástica oportunidade para falar e para o saber transversal, unha escusa para coñecer o pasado que nos trae ao presente, para falar de ecoloxismo, de culturas, de botánica, de escravitude, de historia e incluso de arte.

Boa proposta para rapaces que queiran saber sen cansar coa lectura, para enganchalos sen esforzo nun mundo de literatura e soño.





9.26.2016

A árbore da escola, a semente que xermola

Kalandraka tira do prelo A árbore da escola, do ornitólogo e naturista galego Antonio Sandoval ilustrado por Emilio Urberuaga dentro da súa colección Demademora. Trátase dun álbum ilustrado cheo de amor, de amor pola natureza, de como a maxia do amor e dos coidados poden facer que todo abrolle.

Pedro é un cativo deses testáns, movido polo innato do saber que está a facer o ben. No patio do seu cole, como de moitos coles da Galiza, hai unha árbore desanxelada, rareada, desas que apenas chaman a nosa atención, fixádevos ben, poderíades tomar exemplo, de folhas verdes e doutras secas. Pedro sempre que xoga intenta non chocarse e ve na pobre plantiña a necesidade de protección e de coidado. Facendo oídos xordos á súa mestra que prefire que se aparte dela e indo contracorrente, dedica os recreos a aloumiñala, a acariñala e a abrazala. Misteriosamente a árbore responde enchéndose de vida, de forza e de frondosidade. Nela colgan até un bambán, unha casa e como non, ata lle len contos.
A importancia desta obra reside na educación ambiental, no contacto directo do alumnado coa natureza para a súa formación integral, do respecto polo noso medio, de coñecer a flora autóctona: carballos, amieiros, abeleiras, cerdeiras, maceiras, bidueiros, castiñeiros (brabádegos)... e incide no espírito colaborativo no que ten que ser a comunidade educativa, no activismo cívico.

Da lectura, ateigada de valores como o compañeirismo, o traballo en equipo, a amizade, o respecto o medio e o amor, destaca a idea principal de que todas podemos cambiar as cousas e propagar o ecoloxismo, que somos un chanzo máis e que xuntas podemos construír unha enorme escaleira. 
Nas ilustracións de Emilio Urberuaga, Premio Nacional de Ilustración 2011, podemos ver como pasa o tempo e como a árbore medra, como as súas ponlas tornan barudas, como agroman a semente, como non hai necesidade de cercar os troncos, por que todo o mundo sabe que ás árbores e os brabádegos en especial nos gusta que nos aperten, incluso que nos achuchen. O seu colorido, a súa expresibidade visual, os referentes concretos fano especialmente indicado para os primeiros lectores, xa que hai unha necesidade evidente de partir dun referente concreto.
Outros títulos que falan de natureza en Kalandraka son: Quen falta?, de Arianna Papini; a colección de Animais extraordinarios de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández; Cor animal, de Agustín Agra e Maya Hanisch ou A historia do Rainbow Warrior, de Rocío Martínez.

Unha recomendación do souto para Infantil e Primaria e para todos os públicos. Kalandraka volve atinar!




9.21.2016

Bala Perdida. Tres pasos atrás. tac, tac, tac.

Hoxe no souto falamos dunha reedición, desas obras que a pesar do tempo non perden en absoluto a súa esencia e que, acertadamente, Xerais edita na colección Sopa de Libros. Trátase de Bala Perdida, unha obra de Manuel Rivas ilustrada por Miguelanxo Prado. Esta noveliña foi inicialmente publicada por Alfaguara e a moitas gardamos dela un fermoso recordo que permanece inalterado a pesar do tempo. Unha lectura superrrecomendada e fresca.
Bala Perdida é unha historia de piratas, pero tamén de aventuras e de superación de obstáculos, de curiosidade, de coñecemento e de valores. Bala Perdida é un pirata dos de antes, segue a sucar o Atlántico oculto tras unha néboa mesta a bordo do seu barco. Non é un pirata calquera, temible e adorable, un pirata que precisa axuda. Lector do Celtic News, un xornal familiar e bastante singular, anda á procura de Ganso Salvaxe. Ela, Rosa Ribeiro, é a dona dese pseudónimo, unha rapariga inquieta e valente que axudará os piratas nunha aventura perigosa, cun tesouro roubado, cun sinistro Herr Doktor e unha áxil prosa que engaiola desde o minuto un. As causas xustas, o ben e o mal, o Holocausto, o exterminio de miles de xudeos, o ouro expoliado desas persoas confinadas nos campos de concentración, van parar a unha furna por causas do destino e a xustiza correspóndelles a eles. Trátase de compensar o mal, de non esquecer as atrocidades da humanidade. A esperanza, a amizade, a familia, o compañeirismo sorprenderán o lector, Unha aventura na que embarcar capiteaneada por unha fantástica, intelixente e afouta muller, chea da forza que dá a xuventude.
Miguelanxo Prado sincronízase perfectamente coa riqueza expresiva de Manuel Rivas, dese grande narrador que nos engancha, constrúe un Bala Perdida sinistro, co seu corvo lareto sobre o ombreiro, a lapis, como nas mellores historias universais.

Recomendado, ademais de para todo o mundo, para aquelas lectoras autónomas dos últimos cursos de Primaria e para os primeiros ciclos ESO.

9.13.2016

Mudar o conto. Marta e a píntega


Marta e a píntega é un libro dirixido a rapaces a partir dos dez anos na colección Árbore da Editorial Galaxia escrito por Eli Ríos e ilustrado por Patricia Román. Trátase da historia dunha nena, Marta, e unha píntega Oli, que nunha noite de lúa triangular, aterra nun mundo cheo de fantasía, nun mundo de conto onde non todo é o esperado. O interesante e máis salientable desta obra é perspectiva de xénero desde a que se contrúe. O texto constitúe en por si  todo un alegato ao cambio de roles que precisa a nosa sociedade. Unha chamada desde o marabilloso a cambiar a mentalidade das nenas e dos nenos que serán o homes e mulleres nun mañá. Trátase pois dunha revisión dos corsés ás que están sometidas unhas princesas de conto, de inspiración nos relatos tradicionais que aparecen nas películas esas de Disney (dificilmente evitables ás veces para as proxenitoras), unha trama chea de imaxinación onde o ben e o mal flutúan, con dragóns, príncipes, onde á par destacan valores como a autoestima, a reafirmación persoal, o traballo en equipo, a superación dos medos, a amizade, a empatía, a hixiene persoal, o emprendemento, o carácter, a familia e sobre todo o feminismo.


I ilustrado con predominio de tons verdes e negros, Patricia Román constrúe un universo onde aparece un singular Caronte acompañado do fiel cancerbeiro, Marta reflectida como unha gardiana da Memoria indebidamente informada ou Olí, áxil, vencendo os seus medos e chea de disposición.

Un libro que serve de ferramenta para mudalo todo, de lectura axeitada para o segundo ciclo de Primaria, dunha autora que empeza a consolidarse como alguén a ter en conta, para que comecemos a escribir o noso propio conto, para combater o patriarcado desde o ámbito escolar, explicándolles que cousas son micromachismos, como somos as brabádegas, como hai que respectarnos, xa que ás veces, fudamentalmente, hai que cambiar o chip e amosar unha cara amable desde a que mudar as cousas.