6.13.2017

Inacabadas e imperfectas coma nós!


Chegou ao souto Os golfiños e o xigante, de Ignacio (Ignacio Vilariño, obra de teatro gañadora do XII Barriga Verde de textos para o teatro de monicreques na modalidade infantil editada por Baía Edicións e a Xunta de Galicia.
Se hai un xénero necesario entre as rapazas, ese é sen lugar a dúbidas o do teatro infantil, xa que axuda entre moitísimas cousas, a mellorar a lingua na parte máis precaria, a oral. A necesidade de focalizar a normalización na oralidade é tanta que o teatro, a regueifa, a poesía, todas as manifestacións orais deben priorizarse tendo en conta que ademais potencian a autoestima e o medo a falar en público. Baía edita unha obra que segundo o xurado conta cunha estrutura narrativa orixinal e audaz. Vincular teatro con modernidade temática é quizais o gran logro desta obriña, que emprega, tamén segundo o xurado, o recurso da repetición con grande acerto,

Li e Po, os dous golfiños do acuario de Fushun, están en perigo e vai ser Jiang quen emprenda unha aventura na procura dunha solución. A modernidade, a actualización temática, o ecoloxismo, o respecto pola liberdade dos animais para que vivan no seu hábitat, a superación dos obstáculos que se nos presentan, todo isto xunto cun espazo descoñecido, a maxia da China, artellan unha peza teatral atraente e fresca. Trata ademais un tema de actualidade que ten interese para os máis novos, a reivindicación da vida en liberdade dos animais, o respecto ao medio, con diálogos áxiles e ben construídos. A través dunha elaborada proposta escénica que mestura a técnica de sombras chinesas e o audiovisual recrea un curioso percorrido en diferentes medios de transporte polas exóticas paisaxes da China.

Unha oportunidade única para practicar a dicción, para divertirse aprendendo e falar mellor!

Sem comentários:

Enviar um comentário