11.21.2017

Vender farrapos, regalar amor


No souto cando eramos pequenas faciamos dominós de mistos pousados no mármore da cociña de leña en ringleira. Sempre nos encantou o olor dos mistos cando acenden. Lembramos cando caeu nas nosas mans o clásico de Andersen e a profunda conmoción q nos causou. Simpatizamos coa vendedora de mistos, odiamos profundamente ese final despiadado, quixemos acender mistos para quentala. Tomy Ungerer revisou a historia dándolle a súa singular visión en 1974 e que permanece totalmente actualizada para os tempos q corren. A crítica social, o capitalismo feroz que provoca agresividade e codicia combáteos maxistralmente con maxia neste fermoso alegato de esperanza, de fe. Autor doutros clásicos contemporáneos e premiado multitude de veces, as ilustracións son dunha riqueza expresiva dinámica. Está adaptada por Sandra e Óscar Senra.
Dentro da colección Tras os montes de @Kalandrakaeditora, onde podes atopar máis títulos como Rufus, un morcego q adoraba as cores e, sobre todo, onde podes aprender sobre literatura universal, Os tres bandidos, Adelaida... É, sen dúbida, un álbum ilustrado que nos fai reflexionar, que empatiza con todas, para que promovamos un cambio na sociedade e creamos que outro mundo pode ser posible.
Ambientado no Nadal como o orixinal, neste caso Allumette é protagonista dun insólito milagre cando unha tormenta descarga toda clase de alimentos e obxectos; un maná que, por outra parte, sepulta en castigo a quen a maltratou. A diferenza do clásico do século XIX, esta historia infunde esperanza no futuro da humanidade, coa cativa como exemplo de xenerosidade, entrega aos desfavorecidos e a capacidade para xerar unha vaga de solidaridade que culmina creando unha grande asociación internacional de voluntarias e voluntarios.

Un volume que serve para traballar a empatía, feminista, para explicar as guerras, as inxustizas, como debemos comportarnos ante elas, cal é a actitude que deberan ter os gobernos...
Cuestionar a realidade que se nos presenta, a política tamén, a necesidade de fornecernos de autocrítica, todo, é moi necesario para que non nos vendan mistos cando en realidade o que temos é fame de amor.

Recomendada para explicar facilmente en que consiste o capitalismo feroz e o individualismo, para mudar as tornas.

Sem comentários:

Enviar um comentário