Ourizos para lembrar

Ás veces no souto temos obriñas que recomendar que xa foron editadas no seu día e non son novidade:

Os dous relatos incluídos neste libriño/xoia que só custa oito euros, Cómo se fixo o primeiro alfabeto e Cómo se escribiu a primeira carta forman parte do volume de contos "Just so stories", que Kipling publicou en 1900. Escribíraos para Josephine, a súa filla, e moitos naceran como narracións orais que pasaron logo ao papel. Estes dous relatos nunca se publicaran en galego. A tradución é de Xesús Constela, escritor con tres obras publicadas que gañou o Premio Torrente Ballester (2003), o Premio da Crítica (2004) e o García Barros (2008).
Rudyard Kipling (Bombai, 1865 - Londres, 1936), foi o primeiro escritor británico en recibir o Premio Nobel de Literatura (1907). Aínda hoxe está considerado un dos mellores escritores de relatos da historia da literatura e é recordado polas súas obras “O libro da selva” (1894), a novela de espionaxe Kim (1901), ou o relato O home que puido ser Rei (1888), que levou ao cine John Huston.
É a historia de Taffimai Metallumai, que foi gravada nun vello cabeiro por xentes da Antigüidade hai moitísimo tempo. Se les a historia, vas ver que toda ela está escrita no cabeiro, que é parte dunha trompeta tribal que pertenceu á tribo de Tegumani. Os debuxos foron gravados nun cravo ou con algo semellante, e despois os sucos do grabado enchéronnos con cera negra. Pero nas liñas divisorias e nos cinco redondeliños da parte de abaixo puxeron cera vermella...
Toda un abano de imaxinación e enxeño que podemos atopar en Edicións Embora para nós e para os nosos mozos e que ben merece a pena.

A pantasma de Canterville de Oscar Wilde é un recurso perfecto para que os nosos mozos se vaian introducindo na literatura xuvenil e ao mesmo tempo coñezan os clásicos. Oscar Wilde (Dublín, 1854- París, 1900), fillo de cirurxián e escritora, estudou no Trinity College de Dublín e no Magdalen College de Oxford. Defensor da “arte pola arte”, cultivador da propia imaxe e posuidor dun talento descomunal, en case todas as súas obras practica a crítica social.
A pantasma de Canterville é unha parodia dos relatos de terror nas que se mostra o preocupante das inflexibles estruturas sociais. Protagonízana a familia dun embaixador americano que se traslada a vivir a un castelo encantado en Inglaterra e que, en vez de aterrarse pola presenza da pantasma se mofa constantemente dela e mostra a súa indiferenza ante os sucesos paranormais.
Desde o souto recomendamos a edición de Edicións Embora traducida por Adela Pita ou a de Gustabo Luca de Tena na colección Xabaril de Xerais de Galicia.  


Sem comentários:

Enviar um comentário